culturagalega.org

inicio / colaboradores / Novenoscopio por Miguel Porto Novenoscopio
Novenoscopio

por Miguel Porto

Unha divinidade das viñetas

A Osamu Tezuka chámanlle en Xapón "Manga No Kamisama", "o deus do manga". Foi o autor máis importante da historia do cómic nipón e un referente crucial para autores de todo o mundo

Novenoscopio
29 / 6 / 2005
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
O seu legado é gráfico, argumental, e sobre todo narrativo. Non foi só o xermolo do manga actual. Lectores e autores de todo o mundo réndense ante a magnitude da obra do mestre Tezuka.

Debuxante do invisible

Unha primeira ollada ao traballo de Tezuka descúbrenos un debuxo icónico, de arquetipos. As súas principais influencias gráficas foron inicialmente a animación de Disney e dos Fleischer, e os cómics de George McManus, pai da liña clara e autor de "Bringin´ Up Father".

Co tempo o seu grafismo mudará un chisco, aparecendo as liñas moduladas e as tramas. O seu trazo ficará roto e solto, retornando ás raíces orientais, desde a representación, cara a evocación.

Nos seus cómics o grafismo pasa do formal ao eventual, como unha paisaxe romántica, utilizando numerosos rexistros gráficos para expresar emocións. Os seus últimos traballos estarán plagados de liñas que representan movemento ou estados físicos ou anímicos.

Narrador posmoderno

No aspecto argumental Tezuka comparte o novo espíritu que se forxou no Xapón da posguerra, contemporáneo a Godzilla e a Kurosawa. As súas narracións son fragmentadas, microhistorias moi ben enfiadas, respondendo tamén aos relatos cíclicos e intrincados da tradición nipona. Aínda que conta con claros personaxes protagonistas, as historias destes só se realizan a través dos seus secundarios.

Tematicamente o seu gran eixo será o amor pola vida. A II Guerra Mundial deixaría en Tezuka unha gran marca. Desenvolvería un profundo espiritu humanista, que se reflicte tamén na súa vocación médica, carreira na que chegou a doutorarse aínda que nunca exerceu.

Arredor deste eixo xiran unha serie de motivos secundarios, que son tamén os de moitos dos mangakas -autores de manga- actuais: androxinia, crítica social, ci- fi, ecoloxía, e misticismo.

Deseñador de espazos narrativos

Como deseñador de páxina Tezuka tamén destaca. Concibe preciosistas composicións, trata a páxina como unha unidade na que todos os elementos apoian a acción, o sentimento, o xesto, transmitidos. Esta concepción do deseño benefíciase da extensión dos manga, que se alongan a través de miles de páxinas.

Os seus encadres cinematográficos supuxeron unha auténtica revolución no seu tempo e un dos rasgos singulares do manga. Tezuka insire espectaculares xogos metalingüísticos, moitas veces excusados polo tono näif do seu traballo.

Tezuka reinventou o medio e a industria nipona, combinou a comercialidade coa experimentación máis arriscada. Compaxinou as historias de consumo cos temas profundos, creou eternos iconos pop e non deixou nin un xénero sen tocar: western, romance, biografía, autobiografía, ficción histórica, ci-fi. Non é difícil comprender porque moitos o adoran, pois sen el o manga e as súas circunstancias e peculiaridades serían imposibles de entender. Un agasallo desde o País do Sol Nacente para todo o planeta.
Ligazóns
Museo Tezuka
Páxina adicada a Tezuka
Artigo sobre Tezuka e as técnicas expresivas do manga contemporáneo

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org