12/07/2023
A webserie O gran reto retrata o día a día de tres neofalantes
A experiencia de tres persoas de entre 18 e 26 anos que apostan por falar en galego durante 21 días con vistas a mudar a súa lingua habitual. Este é a proposta de
O gran reto. 24/7 en galego, a webserie que está a publicar nas rede Alingua (Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega) como parte da súa campaña
E túa! Pásaa!. .
Amplía a nova>>
03/07/2023
O CCG analiza as últimas catro décadas de cultura en Galicia
A coincidir coa celebración de catro décadas de existencia, o Consello da Cultura Galega presentaba este 3 de xullo a análise
Corenta anos de cultura galega en estatísticas. Segundo este estudo, a evolución positiva nos hábitos de consumo cultural aparece como unha das principais transformacións deste período no sector. Este avance levou a que a sociedade galega pasase a dunha posición desfavorable na maior parte dos indicadores consultados a superar a media estatal..
Amplía a nova>>
29/06/2023
Recoñécese o interese cultural á Fundación Margarita Ledo Andión
O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe a declaración de interese cultural da Fundación Margarita Ledo Andión. Casa da Galería. CCC (Cinema, Cultura e Comunicación). Segundo consta na orde publicada, a fundación constituíuse pola académica (actual Secretaria da RAG), cineasta, escritora e Catedrática de Comunicación Audiovisual da USC, Margarita María Ledo Andión (Castro de Rei, Lugo.1951), mediante escritura pública o pasado 8 de febreiro. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: "a conservación, investigación e difusión da obra da investigadora, escritora e cineasta Margarita Ledo Andión, a promoción da cultura galega en xeral e do cinema e o audiovisual en lingua galega en particular, así como doutros bens de cultura e comunicación". O padroado inicial da Fundación, segundo consta no DOG, está formado por Margarita María Ledo Andión, como presidenta; o seu irmán José Luis Ledo Andión, como vicepresidente, e a súa sobriña Agar Ledo Arias, como secretaria. .
Amplía a nova>>
26/06/2023
O cineasta Asghar Farhadi protagoniza a nova mostra do CGAC
Desde o pasado 22 de xuño o Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela, acolle a exposición
Asghar Farhadi. A beirarrúa. O cineasta iraniano protagoniza esta proposta, pioneira sobre a súa figura a nivel estatal. A fotografía, canda ao traballo con actores en teatro e cinema, son a base desta mostra, que comisarían Zara Fernández de Moya e Ahmad Taheri e que se poderá ver ata o vindeiro 10 de setembro..
Amplía a nova>>
23/06/2023
A Deputación de Pontevedra pon na rede o documental Acorda
Logo da estrea, o pasado 20 de xuño, de
Acordamos, o seu segundo documental sobre os lugares da memoria histórica na provincia, a Deputación de Pontevedra publicou na rede
Acorda, a primeira produción desta serie audiovisual. O proxecto, que botou a andar en 2021, achega unha serie de actuacións musicais en espazos vencellados á represión franquista combinadas con memorias daqueles feitos..
Amplía a nova>>
16/06/2023
Matria distribuirase en diferentes países europeos
A película
Matria proxectarase en Francia, Portugal, Italia ou Grecia mercé ao acordo de contratación subscrito pola produtora, Matriuska Producciones, coa axencia de vendas internacionais New Europe Film Sales. O acordo compleméntase coa visibilidade internacional do filme en festivais. O pasado 9 de xuño foi exhibida na sección 'Alternatives' do Shangai International Film Festival e o vindeiro martes 20 exhibirase no Mediterranean Film Festival de Split (Croacia). O filme tamén valerá para a reapertura dos Cinemas Pontiñas de Lalín, pechados desde 2014, e onde haberá unha sesión especial con coloquio a cargo do director Álvaro Gago e das actrices María Vázquez e Francisca Iglesias. .
Amplía a nova>>
15/06/2023
Premiada a Academia do Audiovisual pola construción dun selo propio do audiovisual galego
Aínda que resulta máis habitual que as academias repartan premios tamén hai contadas ocasións nas que ocorre noutro sentido,. É o caso da Academia Galega do Audiovisual que ven de recoller un galardón en Valencia no marco dos Premis AAPV que outorga a Associació d'Actors i Actrius Professionals Valencians. A entidade galega foi recoñecida co Premi Taules por "converterse nunha institución de referencia ao construír un selo propio e significativo do audiovisual galego". O Premi Taules é un dos dous galardóns honoríficos que entrega cada ano a AAPV e recoñece o traballo de institucións que, aínda que pertenzan a outras comunidades autónomas, defenden e promoven o labor dos intérpretes valencianos. Opremio foi recollido por Miguel Mariño e Marisela Lens, director e xerente da AGA, que na súa intervención fixeron extensivo o premio ao resto de institucións e entidades públicas e privadas e ao resto de asociacións do sector audiovisual galego, por contribuír á creación dese "selo propio e significativo" ao que fai referencia o premio..
Amplía a nova>>
09/06/2023
A webserie Pringadas entra en Filmin
A webserie Pringadas é xa a primeira serie creada en galego que se ofrece no catálogo da plataforma dixital Filmin. A primeira temporada desta produción, dirixida por Belén Piume xa está dispoñible neste repositorio. Pringadas é unha comedia xuvenil que retrata os problemas e vivencias da Xeración Z. Esta comedia foi finalista dos XXI Premios Mestre Mateo e no seu paso polo Carballo InterPlay, no ano 2021, obtivo o premio a mellor proxecto de webserie, o cal facilitou a súa produción. Pringadas xira arredor de tres rapazas compañeiras de piso en Santiago, encarnadas por Carmela Vázquez, Camila Ferreyra e Lara Álvarez A actual temporada conta con tres capítulos de 11 minutos, rodados en galego e que na plataforma son accesibles con subtítulos noutros idiomas..
Amplía a nova>>
07/06/2023
A serie 'Motel Valkirias' gaña o premio CIRCOM 2023
A serie de televisión 'Motel valkirias' coproducida pola TVG e máis a canle portuguesa RTP, ven de recoller o Premio CIRCOM 2023 no apartado de entretemento e ficción. Estes premios recoñecen as mellores producións audiovisuais das televisións públicas rexionais europeas. 'Motel Valkirias' é unha coprodución entre as empresas CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado. Emítese na TVG e na RTP e pode verse actualmente na plataforma de HBO en España e Portugal..
Amplía a nova>>
02/06/2023
O cine Tamberlick volve existir en Vigo
A cidade de Vigo recupera desde hoxe un espazo para a proxección audiovisual e ademáis un nome asociado á cultura viguesa desde finais do século XIX: os cines Tamberlick. As salas de cine do Centro Comercial Praza Elíptica reabren, volvendo á actividade tras uns meses pechados e usan o nome da histórica sala que acolleu as primeiras proxeccións de cine mudo na cidade. Unha nova empresa operadora do espazo situado nos sotos do centro comercial recolleu a luva de volver á actividade de proxección audiovisual e renomeu as salas cun nome ilustre de fonda pegada na vida cultural viguesa, Tamberlick, o lugar que acolleu as primeiras proxeccións de cine da cidade e cuxo edificio estaba situado a 700 metros do actual. .
Amplía a nova>>