22/08/2023
O I John Balan Fest achega 48 filmes a Marín
John Balan Fest - Filmes Atlánticos e Novos Medios é o título do novo encontro audiovisual que bota a andar no concello de Marín entre o 24 e o 26 de agosto. A cita, que nace coa intención de promover o cinema independente galego e de homenaxear o popular persoeiro que lle dá nome, conta cun total de 48 filmes a concurso nas tres seccións coas que conta esta cita..
Amplía a nova>>
21/08/2023
Vinte e un proxectos reparten as axudas da Xunta a producións audiovisuais
A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este venres 18 de agosto a resolución da convocatoria anual de subvencións para a produción e coprodución audiovisual. Esta liña de axudsa, dotada 2,5 millóns de euros, é a que achega unha maior contía a este sector por parte da Xunta, e facilitará o desenvolvemento de 21 novas longas cinematográficas, curtametraxes e series..
Amplía a nova>>
11/08/2023
Presentan a serie 'Rockefeller en Mondariz'
Hoxe venres ás 20:00 horas terá lugar no salón de actos do Concello de Mondariz Balneario (Pontevedra) a presentación en primicia da serie de televisión "Rockefeller en Mondariz". Este traballo audiovisual indaga na visita que o famoso millonario americano John Davison Rockefeller III fixo a Galicia no verán de 1929, cando visitou a catedral de Santiago, asistiu a unha corrida de touros en Pontevedra e tivo un encontro no Gran Hotel de Mondariz co entón xefe do Estado, o ditador Miguel Primo de Rivera. A produción forma parte do programa organizado pola Fundación Mondariz Templo del Agua e o Concello de Mondariz-Balneario para conmemorar o 150 aniversario da Declaración de Utilidade Pública das Augas de Mondariz (1873-2023) esta realizada en coproducción coa TVG.
Amplía a nova>>
09/08/2023
Premios Alecrín para Cans, Leilía, Acisclo Manzano e María Xosé Porteiro
O Festival de Cans, na categoría de Promoción Cultural, a escritora María Xosé Porteiro en Literatura, o escultor Acisclo Manzano en Artes ou o histórico grupo Leilía, en Música, recibirán este mércores 9 de agosto o Premio Alecrín da Cultura, concedido pola Federación de Entidades Culturais Galegas de Cataluña (Fegalcat), que agrupa a 14 entidades culturais galegas en toda Cataluña. A entrega destes premios terá lugar nun acto que se celebrará no Castelo do Concello ourensán de Castro Caldelas, presidido pola alcaldesa da localidade, Sara Inés Vega. Os Premios Alecrín entréganse desde hai quince anos, para recoñecer o traballo a prol da cultura de asociacións, empresas e entidades galegas. Cada ano celébrase o acto de entrega nun concello galego diferente, case sempre vinculado á presenza de galegos en Cataluña..
Amplía a nova>>
04/08/2023
Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas
Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG..
Amplía a nova>>
03/08/2023
O festival de Toronto acollerá a estrea mundial de 'O Corno'
A película 'O Corno', da directora e guionista Jaione Camborda (Donostia, 1983), competirá na sección Platform do Festival Internacional de Cinema de Toronto (TIFF), onde terá lugar a súa estrea internacional. O certame celebrarase entre o 7 e o 17 de setembro. A película, unha "road movie" rural ambientada na Galicia dos anos 70, está rodada en galego e portugués en diferentes localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Minho (Portugal), e conta no seu reparto co protagonismo da bailarina e coreógrafa Janet Novás, debutando no cine, ademais de Diego Anido, Carla Rivas, Siobhan Fernandes, Nuria Lestegás e Julia Gómez, entre outros. O filme é unha produción de Esnatu Zinema, Miramemira e Elastica Films, en coprodución con Bando à Parte (Portugal) e Bulletproof Cupid (Bélxica). .
Amplía a nova>>
28/07/2023
Luís Zahera, Xurxo Fernández e Lume na palleira levan os Premios Rebulir
O actor Luís Zahera, na categoría de Artes escénicas; o músico Xurxo Fernándes na de Música Galega e o programa da Radio Galega Lume na Palleira, conducido por Emilio Españadero, na categoría de Homenaxe, xa poden presumir de ser os destinatarios dos XII Premios Rebulir da Cultura Galega. Ata o vindeiro 16 de decembro, dentro do Festival Internacional Rebulir, haberá que agardar para ver aos homenaxeados recoller os galardóns que lles veñen de ser outorgados. Un xurado composto por dez persoas convocadas pola Asociación Cultural Rebulir de Ramirás (Ourense), que organiza os galardóns e o festival, ven de decidir os destinatarios destes recoñecementos dirixidos a persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. As tres categorías dos premios (foron decididas por este xurado no que están presentes representantes de institucións públicas (Xunta de Galicia, deputación de Ourense e Concello de Ramirás) xunto con outros do tecido artístico, cultural e académico da provincia. .
Amplía a nova>>
24/07/2023
O Festival de Curtas de Verín rende homenaxe ao Festival do Imaxinario de Vilagarcía
A VIII edición do FIC Vía XIV de Verín contará cunha sesión na que se proxectarán e visualizarán algunhas das obras máis valoradas nas últimas edicións do Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía, pezas que serán presentadas por membros do equipo directivo deste certame. Unha actividade que está inicialmente programada para o venres, 15 de setembro. Como cada ano, a organización do FIC Vía XIV de Verín selecciona un festival cinematográfico para renderlle homenaxe no marco da súa programación e intercambiar experiencias cos seus responsables ao longo da semana na que se desenvolve o certame. Na súa terceira edición, o foro cinematográfico verinés, que se vai celebrar na vila do Támega entre o 8 e o 17 de setembro, instaurou a tradición de contar cun festival convidado e exhibir algúns dos seus traballos máis salientables. Este ano, o certame invitado polo FIC Vía XIV será o Curtas-Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa. .
Amplía a nova>>
24/07/2023
A Xunta aproba a convocatoria de axudas á preprodución audiovisual
A Xunta ven de aprobar unha nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais galegos cunha dotación de 300.000 euros, a mesma cantidade que en anos anteriores. Estas axudas públicas estarán destinadas aos diferentes traballos a cargo de produtoras independentes que teñen lugar na fase de preprodución de películas e series para cinema, televisión e plataformas de vídeo baixo demanda, cara á súa produción e rodaxe nos vindeiros anos. En concreto, estas axudas, que se concederán en réxime de concorrencia competitiva, inciden en labores previos relacionados co guión, dereitos de autor ou propiedade intelectual, financiamento, venda e distribución, xestión de dereitos, investigación, elaboración de materiais de promoción, gastos de asesoría ou consultaría, alugueiro de espazos de traballo e outros que teñan lugar na fase anterior á filmación..
Amplía a nova>>
21/07/2023
Catro entidades sectoriais manifestan "malestar" por non seren incluídas na xuntanza da Xunta co sector audiovisual
Catro entidades gremiais vinculadas ao sector audiovisual galego denunciaron a través dun comunicado seren excuídas da xuntanza que mantivo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, co sector audiovisual galego o pasado 14 de xullo. Trátanse da Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA), a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema Proxecta. Estas entidades aseguran "aglutinar a preto de 600 profesionais da escrita, dirección, interpretación e do ámbito dos festivais e mostras de cinema" e sinalan que tiveron coñecemento da xuntanza pola nota de prensa posterior da Xunta. Estas entidades "alertan do prexuízo que pode supor unha análise do presente e do futuro dun sector sen contar coa opinión dos traballadores da creación". En concreto, as entidades sinalan como temas da axenda audiovisual do momento a aprobación de preto de 15 millóns de euros entre as comunidades autónomas para o desenvolvemento de proxectos e escrita de guións, a Lei de Ensinanzara Artísticas e do Estatuto do Artista ou a produción de ficción na TVG, entre outras cuestións. Na xuntanza do presidente galego participaron a Academia Galega do Audiovisual, o Clúster Audiovisual Galego e Agapi. .
Amplía a nova>>