Novas | 11 a 20 de 4278

<< Anterior Siguiente >>

27/10/2025
O festival Animacción achega as súas curtametraxes á Coruña e Vigo

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade da Coruña abre este 27 de outubro o programa do IX Festival Animacción. O encontro centrado en curtametraxes animados desenvólvese ata o vindeiro 1 de novembro a repartir o seu programa entre Vigo e A Coruña con 12 filmes na sección oficial.. Amplía a nova>>

27/10/2025
Anxos Fazáns estrea 'As liñas descontinuas' en Estonia

O vindeiro 14 de novembro, na capital de Estonia, no marco do 29 Tallinn Black Nights Festival (PÖFF) terá lugar a estrea mundial do filme 'As liñas descontinuas' (VOG) da realizadora Anxo Fazáns (Pontevedra, 1992). Esta segunda longametraxe da directora de 'A Estación Violenta' (2017), participará da sección oficial deste certame internacional ofrecendo a súa primeira proxección alí para uns días despois ter a estrea estatal dentro da sección oficial do Festival Internacional de Cine de Xixón. 'As liñas descontinuas' é unha produción de Sétima (Silvia Fuentes, Anxos Fazáns) e Sideral (Nuria Landete, Roberto Butragueño). Conta co apoio do ICAA, AGADIC, CSAG, HBO e as Deputacións provinciais de Pontevedra e A Coruña. . Amplía a nova>>

24/10/2025
'Decorado' estréase hoxe en 27 salas comerciais

'Decorado', a nova película do premiado ilustrador e realizador Alberto Vázquez, que conta con catro premios Goya na súa traxectoria, chega hoxe ás salas de cine comerciais de toda España. En total serán 27 as pantallas que acollerán a estrea esta fin de semana en distintos puntos xeografía estatal. En Galicia dúas salas programan hoxe xa a longametraxe: os Multicines Norte, de Vigo e Odeon Narón. Este filme, baseado na curtametraxe homónima de 2016 de Vázquez que lle valeu un dos seu premios Goya, combina animación para adultos, comedia negra e drama fantástico. Tras o seu paso polo Fantastic Fest de Austin (Texas, EE.UU.), onde acadou unha Mención Especial do Xurado dentro da Sección Oficial agora chega ás salas comerciais.. Amplía a nova>>

24/10/2025
Adrián Canoura, Xurxo González e Valeria Gómez gañan os Premios Maria Luz Morales

Os Premios María Luz Morales de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual convocados pola Academia Galega do Audiovisual co apoio das catro deputacións provinciais ten xa gañadores. Un videoensaio e dous ensaios escritos acadaron o apoio do xurado desta novena edición, que deixou deserta a categoría de videoensaio sobre audiovisual galego e destacou dous accésits. O traballo gañador en cada unha delas recibe un trofeo conmemorativo e 1.200 euros. O xurado desta novena edición estaba formado pola programadora de artes visuais e plásticas Andrea Franco, a directora, montadora e investigadora Ariadna Cordal e o programador Julio Vilariño. Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego, o premio foi para 'Bowery New York: unha alfaia do cinema galego', de Xurxo González. O xurado valorou a orixinalidade do tema, a investigación sobre unha cineasta que podería ser a primeira de Galicia e a aposta por saírse do canon establecido, reivindicando o cinema amador desde unha perspectiva feminina.. Amplía a nova>>

23/10/2025
Chega ás salas a longametraxe 'San Simón'

A Sala NÚMAX acolle hoxe a estrea comercial do filme 'San Simón', opera prima de Miguel Ángel Delgado sobre o campo de concentración franquista da Ría de Vigo. Tras dunha preestrea onte nos Cines Tamberlick de Vigo e presentarse no Festival de San Sebastián e gañar o premio a mellor película galega no Festival de Ourense, chega a salas este filme sobre un episodio histórico real na nosa terra. Este pase inicial dará inicio ás 19:00h e nel contarase con presentación e coloquio a cargo do seu director. A partir deste venres, o filme poderá verse nos Cines Cantones (A Coruña), Central (A Estrada), Teatro Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras), Avenida (Caldas), Xunqueira (Cee), Duplex (Ferrol), Codex, Cristal e Yelmo (Lugo), Círculo de Bellas Artes (Madrid), Hollywood (Monforte), Odeón (Narón), Seixo (Marín), Ponte Vella (Ourense), Cinexpo (Pontevedra), Numax (Santiago de Compostela), Valladolid (Broadway), Multicines Norte, Tamberlick e Yelmo (Vigo) e Multicines Gran Arousa (Vilagarcía de Arousa). . Amplía a nova>>

22/10/2025
O Curtas Festival do Imaxinario celebra o Samaín coa súa 53ª edición

Colocada estratexicamente no Samaín, a 53ª edición do Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa desenvolverá, do 24 de outubro ao 2 de novembro, unha ampla programación con máis de 100 filmes de 36 países en formato curtametraxe e tamén longas, 17 delas estreas mundiais e 29 en España, e poñendo ademais o foco no talento galego. O encontro arrancará este venres coa apertura da exposición Monstrorama ás 20,00 h. no Salón García. Ás 20,30 h. no mesmo espazo está programada a estrea mundial da curtametraxe 'Cosa Mala', do realizador galego Gero Costas, unha peza sobre un artista que recibe un misterioso encargo coa promesa de abrirlle novas portas. . Amplía a nova>>

21/10/2025
'Mareas Vivas' fai de Laxe Lugar de Interese Cinematográfico

Laxe, a vila mariñeira situada no corazón da Costa da Morte, ven de incorporarse a lista de Lugares de Interese Cinematográfico (LIC) da península ibérica. O recente IXº Encontro de Academias de Cine e Audiovisual da Península, celebrado en Ourense presentou oito novos LIC, unha iniciativa conxunta das academias participantes que recoñece espazos singulares polo seu valor patrimonial, histórico e simbólico no audiovisual. A proposta da Academia Galega do Audiovisual a vila de Laxe ven de engadirse a este listado ao ter sido o escenario principal da histórica serie Mareas Vivas, un dos maiores fenómenos televisivos en Galicia nos anos 2000. As súas rúas, o porto, a praia e a vida cotiá da súa xente convertéronse nun plató recoñecible e entrañable que conectou a realidade da costa coa ficción, deixando unha pegada fonda na memoria colectiva. O alcalde de Laxe, Francisco Charlín, acudiu a Ourense para recoller a placa de distinción como LIC Galicia 2025. Laxe únese a unha lista na que en Galicia figuran tamén a vila de Allariz, pola rodaxe de 'A lingua das bolboretas' e a aldea de Facós, en Ourense, pola gravación en 1940 de 'O carro e o home'. Amplía a nova>>

20/10/2025
Premios Mulleres no Foco para Lucía Veiga, Beatriz Legerén e Silvia Fuentes

As profesionais do audiovisual Beatriz Legerén, Lucía Veiga e Silvia Fuentes son as gañadoras da quinta edición dos premios Mulleres no Foco, entregados este venres no auditorio da sede de Afundación de Pontevedra. Un certame promovido pola Deputación Provincial de Pontevedra e a Asociación de Mulleres CIMA que ten o obxectivo de dar visibilidade ao papel da muller no sector do audiovisual e cuxos tres premios están dotados con 5.000 euros cada un.. Amplía a nova>>

20/10/2025
Lara Dopazo, Cuarteto Quiroga e o programa Apego, entre os gañadores dos Premios da Crítica de Galicia 2025

Este sábado foron fallados en Vigo os 48 Premios da Crítica de Galicia, que nesta edición 2025 congregaron a setenta persoas como xurado para celebrar a creación e produción cultural galega en diferentes categorías. En Creación Literaria, o galardón recaeu en Contos gringos (Galaxia) de Lara Dopazo, pola forza e autenticidade das voces narrativas que renovan a tradición do relato galego. No eido das Artes Escénicas, Teatro de Ningures obtivo o recoñecemento por As gardiás, unha obra que reflexiona sobre o sistema residencial e os coidados na vellez. O Cuarteto Quiroga levou o premio de Música pola súa calidade interpretativa e proxección internacional, mentres que o galardón de Artes Plásticas foi para Chus Martínez polo seu labor curatorial en A Era das Fábulas, unha mostra que conectou xeracións e discursos no Museo de Pontevedra. O Premio de Cine e Artes Audiovisuais foi concedido a Manolo González, figura esencial na historia e consolidación do audiovisual galego, e o de Cultura Gastronómica ao CIFP Carlos Oroza, pola súa traxectoria educativa e compromiso co patrimonio culinario galego. En Cultura Dixital, o recoñecemento foi para o Festival Carballo Interplay, referente estatal e internacional da creación dixital en galego. O Premio de Iniciativas Culturais e Científicas foi para o programa Apego, pola súa contribución á transmisión interxeracional do idioma galego, e en Investigación en Ciencias e Tecnoloxía, destacou o grupo CINTECX da Universidade de Vigo cun traballo sobre dixitalización e mantemento de pontes. Finalmente, en Ciencias Sociais e Humanidades, o galardón foi para As peregrinacións a Compostela de Xosé Miguel Andrade Cernadas, pola súa análise rigorosa e crítica das orixes, mitos e políticas actuais arredor do fenómeno xacobeo. . Amplía a nova>>

17/10/2025
O festival de cine AMAL dá voz a Palestina

O vindeiro día 20 de outubro dará comezo en Santiago de Compostela a vixésima terceira edición da Semana de Cine Euroárabe AMAL 2025 coa ollada posta, máis que nunca en Palestina como así reflicte o lema deste ano: "TODAS SOMOS PALESTINA. UNHA OLLADA A TRAVÉS DO CINE". O presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas e director da Semana de Cine Euroárabe AMAL, Ghaleb Jaber Martínez, asegurou na presentación do programa a importancia nestes momentos do achegamento cultural. "Desde o Grupo Araguaney entendemos a cultura como unha das principais riquezas que podemos deixar á cidadanía. Facer AMAL é unha cuestión de principios. O mundo pódese destruír pola indiferenza. O audiovisual é unha arma para humanizar diferentes culturas. É fundamental ver cine e consumir cultura para conseguir un mundo mellor", argumentou. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org