"Eu proclamei a república catro horas antes que en Madrid, o 14 de abril do 31", lembra Xaime Isla Couto. Canda a tal curiosidade histórica, este pioneiro do galeguismo participou nalgúns dos principais eventos culturais e políticos do país do século XX. Desde a formación das Mocidades Galeguistas o seu discurso vai explicando unha Historia de Vida que é tamén un relato da evolución do galeguismo, ata a formación de Galaxia. Canda a isto, coñecemos detalles persoais, como a influencia que sobre Isla tivo o seu irmán Ramiro, "que tiña unha vocación intelectual grande e proxectou un pouco en min todo o que el quería ser". Unha intensa vida que nos chega da man de Xan Leira.