A coincidir con moitos outros dos protagonistas da serie, Lois Tobío fixo parte dalgúns dos proxectos máis importantes da nosa historia do século XX. Entre elas está a elaboración do Estatuto de Autonomía xa no momento da proclamación da República ou a constitución, no exilio, do Consello de Galiza, que "tiña a significación de manter viva a idea da liberdade do país nos anos do exilio. O proceso de autonomía quedara interrompido e non había un goberno no exilio absolutamente legal", explica. O seu traballo continuou aínda co I Congreso da Emigración Galega e con traballos como tradutor, articulista e escritor ata que a morte o levou en 2003. Agora podemos saber das súas lembranzas da man das Historias de Vida de Xan Leira.