O seu nome é sinónimo de galeguismo histórico. Desde os comezos deste movemento ata hoxe, Fernandez del Riego é protagonista e testemuña destacada do noso século. "Un amigo deume a coñecer a `Teoría do Nacionalismo Galego de Vicente Risco' e iso influíu moito no meu ánimo. Ao chegar a Vilanova de Lourenzá decidín festexar o Día de Galicia", lembra. Desde aquela, o seu compromiso non cesou. "Pisei Galicia de punta a punta facendo propaganda do partido galeguista primeiro e do estatuto despois", sinala. Truncada a vía política polo Franquismo, del Riego foi un dos máis destacados impulsores do galeguismo cultural da posguerra. Logo de ser durante anos presidente da Real Academia Galega, hoxe continúa a traballar polo país. Unha Historia de Vida imprescindible que nos chega da man de Xan Leira.