"Eu non sabía moito de nacionalismo. Entón arrimeime a Risco e a Otero Pedrayo, que os vía eu pasear en Ourense na Alameda todos os días eles sós". Así comezou a súa formación galeguista Elixio Rodríguez, a camiñar canda aos grandes nomes da Xeración Nós, cando aínda era adolescente. "Chamáballes a atención que un mociño se xuntase con eles en vez de andar xogando á billarda", lembra. Condenado a morte por espionaxe durante a Guerra, salvouse pola mediación de Castelao e da Paixonaria. Xa no exilio, traballou duramente en México pola organización do Partido Galeguista, e chegou participar na creación da coñecida revista "Vieiros". Curiosas aventuras que nos achega Xan Leira á serie "Historias de Vida".