"Cando se produciu a miña entrada na Academia eu non quixen que fose solemne. Eu substituín a Castelao, dicindo que nin eu nin ninguén debía substituílo, ata que viñese alguén que fose coma el". A modestia coa que Antonio Fraguas nos conta a súa vida non se corresponde coa importancia histórica da súa figura. Membro histórico das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista, desenvolveu ao longo de toda a súa biografía un intenso labor a prol da cultura do país. Xan Leira achéganos as palabras lentas deste persoeiro á nosa serie "Historias de Vida": "Esta foille a miña vida, non me metín nunca con ninguén non tiven reserva contra ninguén. Se algúns fixeron trangalladas contra min, pois ben. Se estou vivo para contalo, que me importa a min que mas fixesen".