"O meu papel durante a Guerra Civil foi ser neno", lembra Demetrio Bilbatúa. A idade non evitou que fose tamén vítima da represión, xa que o seu pai e tíos foron fusilados. Logo da formación que recibiu no exilio mexicano encarreirou a súa vida profesional cara ao audiovisual. "Fixen un curso por correspondencia da Academia de Ciencias e Artes Cinematográficas de Hollywood". O curso deu en que, logo de participar en diferentes proxectos de cine, hoxe dirixa a maior empresa de postprodución de vídeo de toda Latinoamérica. Un camiño curioso o deste cineasta que nos achega, como sempre, Xan Leira, á nosa serie "Historias de Vida".