"Naquel escenario había un señor que puxera un cabalete. Tiña lapis na man esquerda e ía colléndoos. Eu non vía nin a súa cara nin o que ía facendo". Así lembra Anisia Miranda o que resultou ser o seu primeiro encontro con Castelao, no que lle deu ao debuxante unha moeda de 25 centavos. Desde Cuba a Buenos Aires, Anisia Miranda constitúe unha figura única na nosa diáspora. Canda a Castelao, Blanco Amor, Dieste, Valenzuela e, como non, o seu compañeiro Xosé Neira Vilas, pola súa vida crúzanse boa parte dos protagonistas da historia de Galicia do século XX. Xornalista, escritora e activista fortemente involucrada coa Revolución Cubana, ten recibido diversas condecoracións deste país e é aínda hoxe unha das respectadas figura da nosa cultura galega como vicepresidenta da Fundación Neira Vilas. Unha nova Historia de Vida que nos chega da man de Xan Leira.