Arrinca a Feira do Libro do 2001 en Compostela

Isto é unha feira

Chegou a primavera, e con ela, comezan os eventos feriais. Un clásico coma a Feria do Libro comeza mañá en Compostela un percorrido que a levará por toda Galicia. Presentacións de libros, sinatura de exemplares, contacontos, recitais ou concertos son algunhas das actividades que se desenvolverán durante a celebración da Feira. Ademais, e coma sempre, os asistentes poderán adquirir exemplares con desconto nos postos instalados por varias das máis destacadas librerías de Galicia.


Días con tema


Os actos na feira comezarán mañá mesmo coa representación de "Contos para todo o ano", de teatro Buratini. O domingo será un día dedicado á poesía, cun recital e un debate no que participarán varios poetas do país. A Literatura Portuguesa ocupará a xornada do martes, cun coloquio sobre o tema, ademais da actuación para nenos do grupo Os Quinquilláns. Para o mércores, día dedicado á literatura en feminino está prevista a presentación de "A mulher no nacionalismo galego (1900-1936)", libro de Noa Bergantiños. As actividades para os nenos correrán ese día a conta do grupo Trebellar.













Máis actuacións




Outras actuacións que se celebrarán no marco desta feira serán a representación do conto "Pedro e o lobo" a cargo de Paula Carballeira e da Banda Municipal de Compostela. Ademais, o Cuarteto de Cámara da Real Filharmonía de Galicia interpretará o seu programa "Música na escola", no que relaciona a evolución da música coas distintas correntes literarias. A feira rematará o domingo seis de maio coa entrega do I Premio de Literatura Infantil e a actuación do grupo Brincadeira.










Arredor de Galicia

A feira continuará o seu itinerario comezando por Ferrol, entre os días 12 e vinte de maio, para continuar por Ourense entre o 2 e o 10 de xuño. Cangas recibirá este evento entre o 24 e o 29 deste mes, e Lugo entre o 1 e o 10 de xullo. Pontevedra desde o día 14, A Coruña desde o 1 de agosto e Carballo desde o 23 son os outros destinos previstos. Están pendentes de confirmación as datas das feiras en Veríne en Redondela.