A Deputación da Coruña falla o VII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade

Cada unha das oito propostas seleccionadas recibe un máximo de 12.500 euros

Na mañá deste 24 de novembro, a Deputación da Coruña daba a coñecer o fallo da sétima xeira do Premio Luísa Villalta que recoñece proxectos culturais pola igualdade. En total foron oito propostas as seleccionadas polo xurado entre as 22 iniciativas que se presentaron ao galardón. Cada unha das gañadoras recibirá un premio que oscila entre os 12.281,50 e os 12.500 euros.

O xurado, presidido pola deputada de Igualdade Sol Agra, estivo formado por Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, María Victoria Rivadulla Conde e Daniela Ferrández Pérez, actuando como secretaria Manuela Muñiz Souto, xefa do Servizo de Acción Social, Cultural e Deportes da Deputación. Para emitir o seu fallo, "valoraron especialmente a coherencia metodolóxica, a calidade artística e o forte impacto social das propostas premiadas", segundo indica a entidade provincial.

Agra salientaba na presentación do fallo que moitas das propostas gañadoras "están pensadas para chegar a centros educativos, colectivos feministas, espazos culturais ou comunidades locais, multiplicando así o seu efecto". Deste xeito, "boa parte das propostas recuperan historias de mulleres que quedaron fóra dos relatos oficiais. Recuperar esas voces é un acto de xustiza e tamén unha forma de educar as xeracións máis novas na memoria democrática e na igualdade".

Na listaxe de galardóns, recibirán 12.500 euros a proposta audiovisual de memoria histórica feminista Espontaneadas, de Martela Films; Virando o rosa, de Diana Fajardo Rama, centrada en dar voz a pacientes de cancro de mama; a proposta escénica Non precisamos perdoar de Eugenia Manuela Sanmartín Alonso sobre a violencia institucional sobre as mulleres e Non damos puntada sen fío, de Chiripa Producións, que reivindica o traballo das mulleres en diferentes ámbitos e a súa conexión "co tecido teatral galego, coa autoría feminina e coa tradición das modistas".

Canda a elas, obtiveron a mesma contía as propostas En loita. A voz das mulleres na oposición antifranquista, da Cooperativa Mazarelos que "aposta pola memoria oral, pola produción audiovisual en galego e pola creación de recursos para públicos diversos", e mais Saúde, pracer, república e terra en malva, co que Feitoría Verde quere recuperar e divulgar a figura de Lola Ferreiro como referente feminista.

Completan a listaxe de galardoadas A ditadura é un señor con bigote, de María Montserrat Fajardo Pérez, que obtén 12.467 pola súa investigación das causas xudiciais contra mulleres e o estudo da misoxinia estrutural do franquismo. Tecelás da terra. Sementes con memoria e futuro, de Tania Merelas Iglesias, obtén 12.281,50 euros para unha proposta de enfoque ecofeminista na que se atopan "saberes tradicionais, participación cidadá, cultura e coidados nunha proposta sólida que empodera ás mulleres, fortalece redes comunitarias e introduce novas prácticas educativas e culturais nas bibliotecas públicas".