Galería: Persoeiros da cultura vistos por Siro

O creador cedeulle ao Consello da Cultura Galega un fondo de caricaturas dedicado a persoeiros da cultura do país

29/1/2026 | Santiago. Xermán Hermida | Seccións: artebanda deseñada
151 lecturas | Compartido 0 veces

A coincidir coa celebración do Día da Ilustración na honra de Siro López, o Consello da Cultura Galega publica no seu web un fondo doado polo artista. No mesmo poden atoparse 61 caricaturas de persoeiros da cultura realizadas ao longo da súa carreira. A nos sumar á celebración, achegamos unha pequena galería seleccionada e comentada polo propio Siro. Podes acceder ao Fondo Siro López de persoeiros da cultura no web do Consello da Cultura Galega.


Dúas caricaturas de Otero Pedrayo


"Coñecín a Don Ramón Otero Pedrayo no ano 1973 aproximadamente. Fixen unha exposición de caricaturas de escritores galegos en Ourense, e foina visitar, pero non o día da inauguración. Un día fomos á súa casa Ramón Piñeiro, a súa muller, Carlos Casares e Cristina Berg, un par de amigos de Ourense e eu, el comezou a eloxiar a miña exposición e eu díxenlle: "Pois nada, Don Ramón, moi gustosamente lle agasallo a súa caricatura". E entón el dicía "Moitas grazas", pero agachaba a cabeza e eu víalle unha cara triste. Ao saírmos un dos amigos dixo "Non lle regales a caricatura que non lle gusta, porque non lle puxeches pernas". El era un home alto e non sei por que non lle puxen pernas, parecíame que quedaban ocultas embaixo daquel bandullo que tiña. Entón comprometinme a facer unha caricatura súa con pernas, e aquí está, pero por desgraza cando a fixen xa morrera e non lla puiden ensinar".

Retrato de Ramón Piñeiro
Retrato de Ramón Piñeiro

"Este é un retrato feito a Ramón Piñeiro, convencional, aínda que eu, sen que se note moito, esaxerei un pouco a expresión dos ollos e da boca, como fago sempre. Pero evidentemente hai unha grande diferenza entre o que é un retrato e unha caricatura. Aquí vese cunha Rosalía de Castro moi estilizada e vese ben a diferenza".



Dúas visións de Ramón Piñeiro


"Na exposición que lle dediquei a Piñeiro fixen isto que Seoane lle chamaría "figuracións", porque non ten que ver co retrato nin coa caricatura, é un xogo que se me ocorre, máis vinculado á caricatura que ao retrato. Póñolle tres cabezas, introduzo os cadros co pincel e coa témpera para facer tamén disto unha obra pictórica".

Caricatura de Blanco Amor
Caricatura de Blanco Amor

"Esta é a primeira caricatura que lle fixen a Blanco Amor, que estaba encantadísimo, despois fíxenlle bastantes máis".



Dúas visións de Carvalho Calero


"O primeiro é un retrato de Carvalho Calero, aínda que cunha pinguiña de caricatura, nótaselle ben no nariz que lle puxen. É unha caricatura-retrato ou un retrato-caricatura. No entanto, a segunda é unha caricatura e non se discute. A min na caricatura gústame a liña e a síntese. Aí si que sigo a Castelao, coller o máis expresivo do modelo e simplificalo o máximo posible".

Caricatura de Alonso Montero
Caricatura de Alonso Montero

"Esta de Xesús Alonso Montero, cando a vin dixen "por fin", e ata me preguntei por que tardei tanto en a facer cando estaba clarísimo que era así, pero ata entón non o vira. Porque o llo púñao un pouco máis cara a dentro ou máis cara a fora. A partir desta xa lle fixen outras de fronte ou de tres cuartos, porque unha vez que dominas a expresión é sinxelo".

Caricatura de Eva Veiga
Caricatura de Eva Veiga

"Esta foi a ilustración para unha serie de entrevistas a persoas da cultura galega que se chamaba Riscos e que publiquei La Voz de Galicia. Está feita a témpera nun formato grande. Alfonso Costa, a parella de Eva, cando viu a caricatura dixo: "non sabía eu que Siro pintaba así". Non tiña por que o saber, é unha caricatura pictórica".

Carmen Arias de Castro, por Siro
Carmen Arias de Castro, por Siro

"Aquí está Mimina (Carmen Arias de Castro), a muller de Isaac Díaz Pardo. A el tíñao caricaturizado, pero eu cría que ela tamén merecía unha caricatura. Non só unha caricatura, senón unha entrevistas, que lle fixen e resultou formidable. Dixo todo o que quixo e eu reproducino. Esta caricatura encantáballe a Isaac, e estivo detrás de min para que lla regalase, pero non o fixen porque quería que fixese parte da miña colección".

Valle-Inclán, por Siro
Valle-Inclán, por Siro

"De Valle-Inclán non sei cantas caricaturas e retratos terei feito, é probable que cen ou máis. Este é moi sinxelo. A Valle-Inclán todo o mundo o recoñece, pero este é un xogo. Se quero facer unha caricatura ou un retrato no que apareza o individuo Valle-Inclán este non vale. Isto é outra cousa, un debuxo enxeñoso".

Caricatura de Xosé Vizoso
Caricatura de Xosé Vizoso

"Vizoso, o meu antecesor no Día da Ilustración, un grande ilustrador, autor de carteis extraordinarios e para min autor de deseños marabillosos para cerámicas de Sargadelos. Durante moitos anos aprendeu de Díaz Pardo e foi unha prolongación del a facer unha obra extraordinaria".

Día da Ilustración

Ver serie completa
29/01/2026

Siro: detrás da caricatura

O Día da Ilustración pon de relevo a ampla traxectoria dun creador que é historia viva do noso país

29/01/2025

Xosé Vizoso, o artista agochado

O Día da Ilustración reivindica un creador que marcou coas súas propostas icónicas a paisaxe cultural do país

27/01/2023

Os traballos esquecidos de María Antonia Dans

O Día da Ilustración súmase aos recoñecementos que reivindican esta artista multidisciplinar na sociedade galega

28/01/2022

Reimundo Patiño: o esquecemento da revolución

O Día da Ilustración homenaxea un pioneiro da novena arte cuxa influencia chegou moi para alén dos cadriños

29/01/2020

Fernández Mazas: A liña mestra

O Día da Ilustración recupera do esquecemento a figura deste creador ourensán

29/01/2019

O ilustrador da elegancia

O Día da Ilustración reivindica a Federico Ribas, autor internacional que centrou a súa carreira na publicidade

Universo culturagalega.gal

29/01/2026

Siro: detrás da caricatura

O Día da Ilustración pon de relevo a ampla traxectoria dun creador que é historia viva do noso país

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego