Fotografía da Coruña por Nicolas Muller (recortada). Fonte: Cidade da Cultura
Un legado pendente
O traballo de Muller "non era coñecido para o grande público", explica Ferrero. No seu momento "encargáronlle imaxes para facer doce libros sobre todo o territorio do Estado, pero só chegaron a se publicar seis, e nin sequera saíu o volume correspondente a Galicia". Deste xeito, "a maior parte das imaxes incluídas na mostra son inéditas, non se viran nunca". Encol do proxecto que achegou por vez primeira as imaxes de Muller ao grande público, o comisario sinala que recibira a encarga "dunha exposición sobre o seu traballo, que era coñecido en certos ámbitos. Pero que, por exemplo, nunca amosara as fotografías que fixera en Asturias, que é onde fixou a súa residencia ao se xubilar. Nese momento púxenme en contacto co seu legado e seleccionei trinca e cinco, pero non me pareceron abondas, e pensei en recuperar o seu traballo sobre toda a Cornixa Cantábrica". Deste xeito naceu a mostra Vento Norte, a compilar imaxes de Asturias, Galicia, Cantabria, País Vasco e Navarra. Foi ao abrir esa mostra que saíu a cuestión de canto material sobre o noso país podía ter acumulado o fotógrafo, e "descubrimos que hai máis de 750 imaxes, na súa inmensa maioría inéditas. Para esta mostra itinerante seleccionamos cincuenta por limitacións de orzamento e de espazo, pero existen moitísimas máis", lembra.
O ollar no traballo
Os intereses de Muller no ámbito fotográfico estiveron fortemente influenciados pola súa propia biografía. "El era licenciado en Dereito e Ciencias Políticas, e comezou na fotografía como afeccionado", detalla Ferreiro. "Foi cando saíu de Hungría, polo avance das tropas alemás, e foi a Francia, que comezou a tirar imaxes para dar a coñecer a realidade dos traballadores húngaros no país". Esta orientación marcou o seu traballo e "fixo que se chegase a considerar un dos grandes fotógrafos humanistas" do pasado século. A súa ollada "céntrase nas persoas e no traballo que desenvolven. Atraíalle de xeito particular o campo, os mercados e o mar. Prestou unha especial atención ao traballo da muller, un labor que pasaba desapercibido e no que el sempre se fixou. Tamén lle encantaban os nenos e, a través das súas imaxes, denunciaba a situación na que se atopaban en moitos lugares, en particular os duros traballos que realizaban entón".
A viaxes descoñecidas
Para realizar a encarga da editorial Clave, Muller visitou o noso país en varias ocasións, aínda que non existen rexistros exactos dos seus itinerarios, paradas ou vivencias. "De feito, ao facer as exposicións cometemos máis dun erro coas localizacións porque non había anotacións de onde foran tomadas as imaxes", lembra Ferrero. "Sabemos que veu tres ou catro veces, e entendemos que, ao ter que facer as imaxes encargadas para estes libros, debía ter unha listaxe de monumentos e sitios importantes que había que sacar nos libros. Canda a estas había esoutras imaxes que el tomaba dun xeito máis libre".
Alén dos monumentos
Na selección de imaxes para estas mostras, tanto Ferrero como Ana Muller, filla do fotógrafo, que participou na preparación do proxecto, "deixamos a parte as imaxes dos monumentos, porque non resultan moi diferentes das que tomaban outros fotógrafos da época. Son as outras as que amosan máis a súa personalidade e o seu estilo", asegura o comisario. Deste xeito, "fixámonos máis na calidade das fotos do que os itinerarios en si. Entón a mostra pode estar un pouco desequilibrada en canto a localizacións. Non é unha exposición que tente plasmar a Galicia de entón, senón amosar a que coñeceu el". Estas fotografías "son algo que facía á parte e que nos libros se empregaban como imaxes de recurso de xente polas rúas. Nos arquivos a maioría consérvanse sen indicacións do editor, porque non lle interesaron. A empresa quería dar unha visión de España atractiva ao turismo e á inversión, e seleccionaba as imaxes máis doces. Está claro que fóra dos monumentos, o resto son as súas fotos, teñen o seu estilo e o seu xeito de mirar".
A Galicia de Muller
As imaxes de Muller sobre o noso país amosan que "tiña un interese especial no traballo dos labradores. Como o listado de localizacións que lle dera a editora non tiña pobos pequenos, nas súas viaxes dedicouse a fotografar sobre todo mercados e lugares próximos ás urbes importantes do momento, onde se podía ver a conexión do campo coa cidade, os lugares aos que a xente levaba os seus produtos e se facía ese intercambio económico e social". Nas súas series sobre Galicia tamén se ve "algo non moi habitual nel, que era o interese pola arquitectura. Semella que aquí lle sorprendeu o urbanismo do momento" e o reflectiu nas súas imaxes. "El non coñeceu a fondo Galicia, non se debe ver a exposición con esa perspectiva. Deixouse impactar polo que viu de diferente a outros lugares. Era un fotógrafo moi viaxado e fixábase nas cousas máis singulares dun territorio".
A exposición
A mostra quedou finalmente artellada nos apartados Territorio, Mercados, Traballo da Muller, Mar e Urbanismo e Arquitectura. "Contamos cunha media de dez fotos por cada tema. Custou moito facer unha mostra coherente e quedaron fóra temas como o dos nenos, por exemplo", salienta o comisario. O proxecto, ademais, ten a singularidade de que permite ver as imaxes coa forma orixinal con que as tomou Muller. "Sempre se viron as súas fotos en formato vertical ou horizontal, pero el realmente sempre traballaba en formato cadrado, e agora amosámolas como eran, sen recortes".
As olladas foráneas
Esta ollada foránea, ao igual que as doutros nomes que nos últimos anos están a chegar ao público do país, como os de Alfred Henningsen, Ruth Matilda Anderson ou Ton Van Vliet "achegan unha visión completa do país, canda aos fotógraos locais da época. Cada un amosa cousas diferentes. Muller, por exemplo, é moi humanista, mentres Anderson, aínda que tamén o é, ten máis interese polo escenario, a arquitectura e a paisaxe", lembra Ferrero.
O legado por reivindicar
Aínda que o arquivo de Muller está custodiado na súa práctica totalidade no Arquivo Rexional da Comunidade de Madrid, Ferrero lembra que "grazas a esta exposición positiváronse unha serie de copias que van quedar en propiedade da Cidade da Cultura, por decisión de Ana Muller que as doou" ao arquivo desta institución. "Todo o que descobre o traballo de Muller namora del. Ten unha calidade indiscutible. Sería estupendo que se puidesen rescatar máis imaxes inéditas", lembra.
Galería: Nicolás Muller en Galicia

"Esta é quizais a única fotografía de Muller que xa publicara varias veces. Alén da perfecta composición, ten o detalle de que a muller que aparece é a súa propia dona, que o acompañou nesa ocasión", explica José Ferrero.

"Unha escena entrañable destas mozas vendedoras de pan. Ademais de fixar a súa atención no traballo da muller, Muller nunca especulou co dramatismo das escenas, senón que se situou do xeito máis imparcial posible para que fose o espectador o que tirase a súas propias conclusións", salienta o comisario da exposición.

"Seguramente lle sorprendeu a modernidade que se podía atopar nas súas rúas, e así o rexistrou en varias imaxes. O mesmo lle aconteceu en Pontevedra e en Ourense".

"Nestes anos estaba a ter lugar unha importante transformación urbanística e social. Aquí pode verse como convivía o transporte tradicional cos vehículos modernos", apunta Ferrero.

"Magnifico rexistro duns nenos a xogar ás cartas, moi posiblemente nun descanso da súa actividade na rula".



"Todas as fotografías que Muller ten de Lugo son baixo a choiva, debeu de coincidirlle sempre que estivo alí. Estas tres imaxes teñen que ver sobre a muralla, pero en todas as que temos aparece tamén a choiva".








