Cantareiras nas cidades do silencio (II)

As urbes galegas pasaron de ser espazos marxinais a auténticos focos de recuperación da música tradicional

As urbes galegas pasaron de ser espazos marxinais a auténticos focos de recuperación da música tradicional<br />
Momento dun Baile Assalto celebrado no centro social A Gentalha do Pichel en Santiago. Fonte: aCentral Folque
Malia a seren durante anos un contexto hostil ao desenvolvemento da cultura tradicional, as cidades galegas foron e son espazos clave para a recuperación deste patrimonio. Desde as iniciativas que comezaron a valorizar o labor da cantareiras ata os novos espazos de celebración para a nosa música e baile, as urbes galegas constitúense como focos imprescindibles para entendermos a tradición.

Algunhas das cantareiras que habitaban as cidades galegas comezaron a mudar a súa relación coa cultura tradicional a partir dos anos 90 do século pasado. A aparición de diferentes iniciativas que valoraban os seus coñecementos, canda a multiplicación de espazos públicos para a nosa música e baile, permitiron a moitas destas mulleres atopar contextos nos que continuar estas actividades. Os casos de Rosa e Adolfina Casás, Elena Alonso ou Erminda Miramontes reflicten as mudanzas na maneira na que a nosa sociedade entende este patrimonio, e amosan ademais como na actualidade as cidades son ámbitos clave na recuperación do mesmo. Os investigadores Richi Casás, María Vidal e Alejandro Martínez coinciden en cales foron e son as claves deste proceso.

A valoración
Sen oco para os encontros tradicionais arredor da música e do baile, o espazo da tradición nas urbes galegas ocupouse a comezos do século XX "polos coros históricos. Foron os que trouxeron á cidade o vigor das cantareiras e dos bailes" lembra Casás. "Facían o que chamaban escenas galegas, representacións nas que sempre aparecía unha foliada polo medio. Iso permitía que a xente urbana puidese coñecer este patrimonio, pero tamén facía que a xente da aldea se vise retratada con certo respecto e orgullo sobre un escenario. Na ditadura deixáronse de representar esas obras, e a partir dos anos 60 foron as asociacións folclóricas, onde había xente nova" as que mantiveron a tradición musical nas urbes do país. "Esa xente acudía ás aldeas, gravaban músicas e bailes e logo traían ese material á cidade. A través disto descubrimos que as avoas que vivían en Vigo, A Coruña ou Lugo tiñan unha vida secreta nas aldeas que non desvelaban na cidade". Ese interese foi determinante para que moitas das antigas cantareiras retomasen o seu contacto con este legado. A isto sumouse que "a finais dos anos 80 comezaron a aparecer no programa Luar, da man de Mercedes Peón, Leni Pérez e outras colaboradoras, avoas e avós vestidos como vestían normalmente, co seu pano na cabeza ou con pantalóns e camisa, a cantar na televisión o que cantaban de novos", sinala Richi Casás. Coma el, María Vilar observa que "houbo influencia do Luar e tamén da xente que aparecía polas aldeas para preguntar por esta tradición. Ver que se valoraba o que facían e o que chegaron a conservar levou a estas mulleres a se reconciliar con ese coñecemento. Moitas chegaron a ser conscientes de ata que punto é importante o que transmitiron".

Recuperación
A combinación de todos estes fenómenos "fixo que xente como Adolfina e Rosa se recoñecesen no fenómeno cultural da nosa música e baile tradicionais. Púidolles axudar a perder a vergoña de cantar na familia aqueles cantos que Xeración Túnel rexeitaba", lembra Casás. Tanto no caso de Rosa Casás, como no de Elena Alonso, as frecuentes visitas ás súas aldeas natais non facilitaron, durante anos, a recuperación de espazos musicais no lugar. "Ela en canto tiña oportunidade ía para alí, xuntábase coas compañeiras e falaban das súas cousas pero non cantaban nin bailaban", explica María Vidal sobre Alonso. "Foi cando comezamos a ir a lles preguntar como eran as cousas de antes e con interese porque nos ensinasen que comezaron a revivir os seráns, aló polo 1993. A partir de aí, aínda que había anos que non se xuntaban para isto, sempre que tiña oportunidade de voltar, ía coas compañeiras para cantar e tocar". Nas propias cidades "algunhas destas mulleres téñense anotado a corais, aulas de pandeireta ou outras actividades nas que compartían algo do seu saber", lembra Martínez.

O papel da emigración
A un nivel máis amplo, este investigador salienta a importancia dos colectivos emigrantes na conservación e recuperación deste patrimonio. "Apareceron moitos informantes en centros galegos de cidades de todo o mundo. Nos de Euskadi, por exemplo, dignificaron moito o coñecemento desta xente", lembra. A isto suma casos como o de Avión, Beariz ou zonas dos Ancares onde "é a xente que emigrou a que organiza bailes e tocan a pandeireta cando volven no verán. Os propios veciños que quedaron na aldea ao mellor esqueceron esa tradición pero os que veñen de México manteñen esa pegada como sinal de identidade, e a propia distancia pode facer que manteñan a chama máis acesa".

Recollidas urbanas
Cabe pensar que a presenza das grandes masas de persoas migrantes do rural nas cidades galegas puidesen ofertar grandes oportunidades de facer recollidas de música e baile por parte dos colectivos que iniciaron estes procesos. "Estou certo de que moitas destas entidades tentaron recoller cousas nas cidades, pero a día de hoxe a maioría das recollidas que temos están rexistradas en aldeas. Moi tardiamente houbo quen recolleu algo en residencias da terceira idade nas cidades. Pero non hai nada no material que Dorothé Schubarth, Pablo Carpintero ou Mini e Mero", con esta orixe sinala Casás. Vidal recoñece que tampouco as iniciativas das que ten participado desenvolveron recollidas específicas nas cidades, aínda que apunta que "cando atopamos con casos como o de Elena si que queremos falar con ela e gravala. Eu, por exemplo, a dar unha actividade de pandeireta e canto tradicional nun centro sociocultural atopei mulleres que emigraran desde Avión ou de Ponteareas á cidade, a acompañar os seus homes ou para traballar elas mesmas. Tirabas un pouco por elas e vías que sabían cousas, que ían a seráns e foliadas cando novas e cantaban. Pero entre que eran tímidas niso e estaban fóra daquel contexto éralles difícil amosar o que sabían", explica. Alejandro Martínez, cunha ampla experiencia en recollidas, atopou tamén diferentes casos de cantareiras que lle transmitiron o seu saber en cidades. "Tiven a sorte de estar con informantes en diferentes cidades de Galicia e de fóra. Resulta moi frecuente que vaias a unha aldea e que che digan de alguén que sabe moitas cantigas pero que viven en Santiago, en Vigo ou en Pontevedra. Ás veces alí é difícil atopar a persoa, pero nun lugar como en Santiago, que é como unha vila grande, é posible aínda preguntar nun supermercado ou no salón de peiteado dun barrio e que che indiquen onde atopar alguén. Así foi como atopei a Erminda e cheguei a outras mulleres, como Pilar, da aldea de San Silvestre, que vivía na Rúa do Castro de Santiago, ou outras no barrio de Vista Alegre".

O mérito da transmisión
A afondar no que supuxo o abandono da tradición na biografía destas mulleres, Vilar apunta que "para min no seu momento falar con elas era entrevistar unha xente que só mudara de lugar de domicilio ou de traballo. Pero se afondamos un pouco, vemos que abandonaron todo. Deixaron o seu estilo de vida e a familia por algo que lles era alleo. Penso que ten moito valor que, unha vez nas cidades, poidan seguir transmitindo o que saben", sinala. "Cada vez hai menos casos, pero ten moito valor que teñan consciencia sobre isto. E resulta estraño e conmovedor que sexan quen de ter transmitir este legado fóra do seu contexto, onde todo isto tiña sentido".

O son das cidades de hoxe
Fronte a esa situación de silencio que se prolongou durante décadas, na actualidade as cidades transformáronse en refuxios fundamentais para a transmisión da música tradicional. Nelas sitúase a actividade das principais asociacións dedicadas a este ámbito no país, ademais de ser espazos nos que se desenvolven unha grande parte das foliadas e encontros regulares arredor da tradición. "Foi o tecido asociativo quen mantivo vivo este patrimonio, tanto rural como no urbano. O mesmo un rapaz de 20 anos de cidade pode saber máis neste campo do que un de aldea, se ten unha agrupación folclórica preto", lembra Martínez. "Hai moitas asociacións que imparten clases de baile, música ou pandeireta e percusión. Na Coruña, por exemplo a Asociación Donaire apostou por ter un local aberto ás foliadas, e todos os meses se fai unha", explica Casás. Canda a este exemplo, en xeral "agroman locais que entenden que a música tradicional favorece o negocio e atrae cada vez máis xente, non só para escoitar senón tamén para cantar. Os que teñen espazo e condicións para unha foliada están encantados de que a xente vaia. E logo hai moitas iniciativas de afeccionados á musica tradicional que forman os seus grupos de Whastapp, Facebook ou outras redes sociais para facer encontros. Nun espazo urbano como é o parque de Santa Margarida, cando vai bo tempo, xúntase xente a tocar e cantar, levan a merenda e pasan a tarde. Isto é unha novidade na cidade, a Xeración Túnel da Coruña non se xuntaba en espazos públicos, aínda que o podían ter feito. Hoxe xa non existe aquel estigma cara ao galego, temos autoestima e o orgullo de que a nosa cultura está a altura de calquera outra".

Asociacións e eventos
"Cada vez está a se facer máis espazo para a música tradicional nas cidades. Toda a xente quere aprender a tocar e bailar, e non para participar dunha agrupación, senón para ir a unha foliada e saber botar uns puntos ou unha cantiga. Paréceme alucinante e marabilloso que exista ese interese", apunta María Vidal. Nesa situación, o papel de asociacións folclóricas e culturais como actuais transmisoras deste patrimonio no espazo urbano é fundamental. "En todas as cidades hai grupos, e grazas a eles chegaron a nós cousas que non terían chegado se non fose pola xente das cidades que foi buscar repertorio". Alén dos locais e dos grupos, Vidal lembra a pegada de eventos como a Aña Urbana que se celebra anualmente en Pontevedra. "Semella unha contradición no seu nome pero é a escusa para reunir agrupacións e xente que quere vir tocar e bailar, é un día de moito movemento folclórico e musical". Na actualidade "estamos nun momento non de evolución senón de translación, a levar o que un día foi a vida e a música das aldeas á nosa vida. Xa non é o mesmo que entón, agora ten outro sentido diferente ao que tiña, o que tamén é moi bo".

A innovación
Richi Casás lembra ademais que, canda aos espazos físicos, "está o medio virtual, que tamén é unha invención urbana. A cultura tradicional transmítese moito a través das redes, permite que a xente se achegue a este mundo, non só por creadores que a empregan como selo ou parte da estética, senón tamén porque se pode acceder a arquivos que están dispoñibles en calquera parte do mundo". Fronte á fosilización que estivo a vivir a música tradicional durante anos, este músico advirte como "agora unha xeración nova de rapaces introduce nas cantigas elementos de hoxe, mediante a regueifa ou a facer coplas que falan do Instagram, do 4G, da clave do wifi e de cousas que son cotiás para eles". A incidir na innovación que se está percibir arredor da música de raíz, Casás destaca tamén que "temos tamén un lote de grupos de músicas urbanas que están a adoptar a tradicional galega como base. É moi interesante que quen antes adoptaba sons de Estados Unidos ou de Centro América como base para as súas músicas, agora haxa cada vez máis xente que as fai desde a raíz galega, o que resulta totalmente novo na historia da nosa música".