O Consello da Cultura celebra un encontro na Fonsagrada sobre o baile tradicional galego

As III Xornadas etnográficas da Mariña abordarán tamén a música, o baile e o traxe tradicional

Pasado o Día das Letras dedicado ás cantareiras, continúa a actividade arredor do patrimonio da música e do baile tradicionais. Este mesmo 23 de maio o Consello da Cultura Galega celebra na Fonsagrada o encontro Comunidades e o patrimonio cultural inmaterial. A música, o canto e o baile, centrada no proceso en marcha, por segunda vez, de declaración deste legado como Ben de Interese Cultural.

A sesión, que se celebra no IES Fontem Albei da Fonsagrada, comezará cunha intervención de Sara González Cambeiro, coordinadora do Plan Nacional de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial e técnica do Instituto del Patrimonio Cultural de España encol da normativa sobre protección do patrimonio cultural inmaterial. José A. González Alcantud, catedrático de Antropoloxía Social da Universidad de Granada falará da declaración do flamenco como Ben de Interese Cultural, mentres Dulce Simões, doutora en Antropoloxía e investigadora no Instituto de Etnomusicologia da Universidade Nova de Lisboa abordará o caso do canto alentejano.

Ana García Lenza, lingüista e autora de alegacións nos expedientes de declaración BIC para o baile tradicional en 2018 e 2024 achegará " unha ollada desde a comunidade portadora" ao actual proceso de recoñecemento deste patrimonio. Finalmente, a mesa de debate Os BIC e outras figuras de protección sobre o patrimonio vivo analizará esta cuestión da man de Noemí Basanta e Carme Campo. Como feche do encontro celebrarase unha foliada aberta a partir das 20 horas. Os contidos da xornada publicaranse en vídeo en vindeiras datas no web do Consello da Cultura.

Tamén a música, o baile e o traxe tradicional centran o programa das III Xornadas etnográficas da Mariña, que se celebran do 30 de maio ao 1 de xuño no Concello de Barreiros organizadas por Tecedeira. Os encontros contarán coa presenza de Xabier Díaz, que compartirá a súa experiencia a recoller patrimonio inmaterial, Xiana Teixeiro, que falará sobre os cuartetos tradicionais mindonienses Os Pacheco e Os Veigas ou a presentación do libro Cantareiras, de Icía Varela e Xosé Manuel Varela. Unha exposición sobre tecedeiras, foliada e concertos de Tumba e dálle, Unto Vello e Lagharteiras fan tamén parte do programa.