10+1 da cultura galega en 2024

Cambios políticos, novas ofertas de museos, premios e os debates ao redor da lingua definen o ano pasado

Cambios políticos, novas ofertas de museos, premios e os debates ao redor da lingua definen o ano pasado
Manuel Rivas, Luísa Villalta e a rapa das bestas de Sabucedo, un dos bens de patrimonio inmaterial declarados este ano
O 2024 foi un ano con numerosos cambios na cultura galega. Neste ano o patrimonio inmaterial foi unha tendencia clara na súa recuperación, pero tamén no ámbito da innovación. Profundízanse as olladas ao patrimonio inmaterial, e repénsanse os equipamentos que preservan o patrimonio material. As artes do país seguen a ser recoñecidas no ámbito do Estado, nun contexto de cambio na dirección cultural da autonomía e no tenso debate ao redor do futuro da lingua.

1. A memoria gaña espazo
2024 foi un ano de interesantes movementos na oferta museolóxica. Por unha banda, abriron novas propostas museográficas, coma o Museo de Arte Sacra de Castro Caldelas, o centro de instrumentos musicais da Fundación Legar, na aldea courelá da Seara ou a Casa Museo María Antonia Dans, en Curtis. Está tamén anunciado o Museo Forges na Fonsagrada para 2025. Ao tempo, varios museos ampliaron espazos expositivos ou reformas. Deste xeito, o Museo das Mariñas de Betanzos volveu abrir en setembro, o concello da Estrada anunciou a reapertura en 2025 do Museo do Pobo Estradense. A Xunta adquiriu tamén novos terreos para ampliar a musealización do castro de Viladonga, e o Museo do Mar de Vigo abriu unha nova sala dedicada á Mariña Mercante para acoller os fondos da Fundación Castro-Rial de Cee. Ao tempo, a Xunta comprometeuse tamén a financiar e organizar o novo museo diocesano de Ourense, que será relocalizado desde a catedral ao Pazo Episcopal. Porén, o desenvolvemento do proxecto museográfico do pazo de Meirás segue sen coñecerse. En xullo a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica denunciaba a parálise do proxecto.

2. Das pedras aos líquidos
A Xunta reorientou neste ano a candidatura fallida da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Humanidade, para buscar unha nova oportunidade. En outubro celebrou en santo Estevo de Ribas de Sil o evento Fontes, inaugurado por Miquel Iceta, embaixador de España na UNESCO, e no que se deu o punto de partida ao novo concepto: unha paisaxe cultural da auga. A candidatura fora aprobada polo Consello do Patrimonio Histórico Español en abril, recibindo o voto unánime de todos os membros. En marzo presentara a súa estratexia de participación social, orientada a tentar incorporar a máis colectivos ao proxecto.

3. E continúa a ser ano de Premios Nacionais
Os creadores e creadoras galegas continúan a gozar de recoñecementos relevantes no Estado. En setembro Bea Lema recibiu o Premio Nacional do Cómic polo seu álbum El cuerpo de Cristo, editado por Astiberri, valorado como unha obra "de gran beleza visual e profunda emoción que ofrece unha mirada sorprendente na relación nai e filla". Chus Pato facíase tamén co Premio Nacional de Poesía 2024, tralo éxito de Yolanda Castaño obtendo o mesmo galardón o ano anterior. Pato foi premiada polo poemario Sonora, do que se destacou "ser unha obra experimental, unha expansiva e concentrada conversa entre o poema e a morte, aquela que, tras da orfandade da nai, arrastra aos lectores cara os abismos da propia liñaxe". E Manuel Rivas recibiu en novembro o Premio Nacional das Letras Españolas, un galardón orientado ao recoñecemento da traxectoria dun autor e dotado con 50.000 euros. Desta volta, o xurado destacou que "poucos autores do panorama literario español, partindo dun compromiso firme coa súa lingua, conseguiron alcanzar tal recoñecemento a nivel mundial".

4. Os filmes de 2023 repiten con vitoria na casa
A película 'O Corno' xa foi a protagonista da nosa selección das novas de 2023 pola Concha de Oro gañada no festival de San Sebastián, e volve a estar no más destacado de 2024, porque foi recoñecida na tamén na casa. A gala dos XXII Premios Mestre Mateo, que se celebrou na Coruña o 23 de marzo, coroouna como a grande triunfadora do cinema galega do último ano. O filme dirixido por Jaione Camborda obtivo sete dos catorce galardóns aos que optaba, a incluír os de mellor filme, dirección e guión. O protagonismo neste 2024 está compartido co filme 'Matria', que tamén repite do 2023. O filme de Álvaro Gago recibiu cinco dos dez premios aos que aspiraba. En concreto, a produción foi galardoada polo traballo de María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista e o de Susana Sampedro e Santi Prego como mellores intérpretes de reparto. Entre as dúas repartiron a admiración do sector e o recoñecemento do público no 2024, destacando no audiovisual galego.

5. Cambio de titular
A carteira de Cultura e Lingua da Xunta de Galicia cambiou de mans neste 2024 e tamén separouse da de Educación. Román Rodríguez quedou coas responsabilidades do sector educativo e entrou no Consello de Goberno da Xunta un novo titular para a cultura, o ata entón alcalde de A Estrada, José López Campos. Cun feixe de asuntos enriba da mesa para xestionar ou solucionar que viñan da anterior xestión. Na súa primeira comparecencia parlamentaria o conselleiro quixo deixar claras xa as prioridades do seu mandato entre as que destacou un "pacto pola lingua, un plano estratéxico para a Cultura Galega ou a dixitalización do patrimonio cultural". Aínda non fai un ano diso.

6. Vigo, sitio cultural distinto
Este ano a cultura tivo un papel protagonista no discurso político sobre Vigo, a cidade máis poboada de Galicia. Desde antes das eleccións o presidente da Xunta xa apuntou a súa decisión de recuperar para a xestión pública o Teatro Cine Fraga e unha vez reinvestido puxo en marcha ese proxecto. En convenio coa Deputación Provincial de Pontevedra, coa que comparte signo político, levouse a cabo o desembolso á entidade Abanca de 9,3 millóns de euros para facer co inmoble, que gora está a procederse a restaurar. Os seus usos aínda non están claros e a Xunta abriu un período de consultas e encontros coa cidadanía para obter ideas. O alcalde da cidade, Abel Caballero, de signo político distinto tamén fixo coincidir o seu movemento sobre a cultura propoñendo un Plan Estratéxico para a Cultura a nivel local, que incluiría "a reconfiguración dos museos, con segmentación e especialización para reforzar a súa singularidade". Nese sentido xa se anunciaron algúns cambios concretos nos usos dos fondos tanto arqueolóxicos como artísticos da cidade olívica.

7. A situación da lingua
Sen dúbida ningunha foi dun dos grandes temas do ano. A publicación do estudo que verifica o acusado descenso de falantes do galego marcou a actualidade dos tres últimos meses de 2024. As reaccións desde entidades como Real Academia Galega, a convocatoria de mobilizacións ou os movementos da Xunta de cara á elaboración dun novo Plan de Normalización Lingüística, con múltiples acusacións cruzadas na area política e un importante debate social.

8. Un ano inmaterial
O 2024 foi un ano especialmente fecundo nos recoñecementos ao patrimonio inmaterial. Destacan neste sentido as declaracións como Ben de Interese Cultural de manifestacións destacadas da nosa cultura como o Entroido e o Baile Tradicional, neste caso nunha segunda tentativa. Pero canda a elas, cómpre destacar que a práctica totalidade dos novos BICs que foron recoñecidos este ano foron de carácter inmaterial (fóra dos murais de Lugrís na Coruña). Os Birlos, a Rapa das Bestas de Sabucedo, a Romaxe da Nosa Señora dos Remedios ou a Ofrenda do Reino de Galicia amosan unha aposta clara do Goberno Galego por atender un ámbito do noso patrimonio que ata o momento ficara na súa maior parte fóra desta protección. Canda a isto, a dedicatoria do vindeiro Día das Letras ás cantareiras, contribuíu a pór en primeira liña todos estes legados pendentes de recoñecemento.

9. Catro décadas de traballo nas táboas
A celebración das catro décadas de traballo do Centro Dramático Galego serviron para reivindicar o peso deste departamento na configuración do noso sector escénico. Actividades para amosar o interior da institución e un intenso programa de producións e coproducións amosaron o músculo dun CDG que leva máis dun cento de producións ás costas.

10. Completar a Luísa Villalta
O Día das Letras deixou unha celebración multimedia, no que a música ocupou un papel destacado dentro das homenaxes. Canda a isto, as reedicións de textos de ensaio, teatro e narrativa, canda ao simposio e as múltiples publicacións encol da homenaxeada descubriron un perfil moito máis complexo de Luísa Villalta, a redimensionar a importancia da súa figura na cultura do país.

11. Ruth Matilda: lembranza sen celebración
O centenario da visita de Ruth Matilda Anderson a Galicia espertou un grande interese no noso país, especialmente no outono. No entanto, as actividades arredor do aniversario foron anecdóticas, cos roteiros no Concello de Santiago e as actividades na Rúa e Dumbría como principais homenaxes á fotógrafa estadounidense. A multiplicación de iniciativas que se están a desenvolver arredor da súa figura nos últimos anos semellar garantir a definitiva incorporación de Anderson ao imaxinario cultural galego.