2024 desde o miradoiro (I)

Jaime Pena, Patricia Hermida e Lucía Santiago analizan o ano desde o audiovisual, a música e o patrimonio cultural

Jaime Pena, Patricia Hermida e Lucía Santiago analizan o ano desde o audiovisual, a música e o patrimonio cultural
Jaime Pena, Patricia Hermida e Lucía Santiago.
Comezamos o noso Miradoiro anual coas nosas olladas de expertos de diferentes sectores ao redor do que nos deparou o ano 2024. Na entrega de hoxe, escriben Jaime Pena, director da Filmoteca de Galicia, que nos falará sobre o audiovisual, Patricia Hermida, produtora e manager musical sobre a música e Lucía Santiago, historiadora e activista do patrimonio cultural.



Un ano de transición
por Jaime Pena


Un ano de transición, sen dúbida. E aínda... O cine galego chegaba dun dos seus mellores anos, só lembrar que no 2023 presentáronse tres películas galegas no Festival de Berlín e que O corno, de Jaione Camborda, gañou a Concha de Ouro no Festival de Cine de San Sebastián, o galardón máis importante xamais obtido polo cinema galego, ademais de ser un importante éxito de público (e dominar os Premios Mestre Mateo entregados en 2024). Desde esta perspectiva, 2024 foi un ano máis discreto, no sentido de carecer dun título tan relevante como o de Camborda ou de ter tanta presenza en festivais internacionais. Pero xa avanzaba con ese "e aínda" que este ano non foi para nada un ano en branco, todo o contrario, xa que o que hai un par de décadas (ou menos aínda) podía considerarse excepcional é agora a norma.

En realidade, poderiamos enmarcar 2024 con La parra, de Alberto Gracia, estreada no Festival de Rotterdam en xaneiro e lanzada nas salas comerciais españolas en decembro. Por medio, moitos títulos que, sen pretender ser exhaustivos, poderiamos clasificar entre os de vocación máis comercial (ou que se centran no cine de xénero) e os que responden a unha liña máis autoral. Entre os primeiros, sen dúbida, cabe citar El correo (unha produción de Vaca Films dirixida por Daniel Calparsoro), un éxito notable, sobre todo se o comparamos cos resultados moito máis discretos de + Cuñados (Luis Avilés), Honeymoon (Enrique Otero ) ou Tratamos demasiado bien a las mujeres (produción de Ficción dirixida por Clara Bilbao).

2024 mesmo deu lugar a dúas Rapa, o documental cinematográfico de Alejandro Enríquez e a serie de televisión de Portocabo TV para Movistar+. E é curioso como esa liña de separación, ás veces máis difusa que outras, entre as propostas de xénero e as máis autorais quedaría perfectamente definida no retrato de Ferrolterra que tanto Rapa, a serie, como La parra nos ofrecen. Seguindo a taxonomía de Thom Andersen en Los Angeles Plays Itself, poderiamos afirmar que Ferrol (e arredores) é un mero decorado na serie creada por Pepe Coira e Fran Araujo, mentres que o que propón Gracia achégase moito máis á paisaxe sentimental, sociolóxica e política dunha cidade que está a experimentar un declive sen fin desde a reconversión industrial de principios dos oitenta.

En todo caso, este cine máis de autor tería máis representantes, entre os que cabe destacar tanto un exemplo dunha traxectoria consolidada ao longo dos anos, o ensaio Prefiro condenarme, de Margarita Ledo Andión, como unha revelación, As Neves, primeira ficción de Sonia Méndez, un drama protagonizado por adolescentes do rural, un territorio pouco transitado no cinema galego, e cunha proposta formal arriscada (ese último plano que invoca a Michael Haneke).
Pero dixen que este fora un ano de transición, un ano no que se acumularon rodaxes que nos levarán ao 2025 e ás mellores previsións. En 2024, Eloy Domínguez, Ángel Santos, Miguel Ángel Delgado, Gabriel Azorín, Daniel Sánchez Arévalo e Carla Simón rodaron en Galicia, pero Oliver Laxe volveu a Marrocos coa súa película máis ambiciosa... E 2025 arrancará con dúas películas galegas en Rotterdam: Deuses de pedra, de Iván Castiñeiras, e Ariel, de Lois Patiño. As expectativas non poden ser mellores.

Jaime Pena é director da Filmoteca de Galicia. Doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, previamente foi programador na mesma entidade, coordinando a oferta anual cinematográfica, actividades formativas e publicacións.

Entre tradición e futuro: o desafío de equilibrar o talento musical galego
Por Patricia Hermida


O ano 2024 consolidou o talento galego como símbolo de innovación e autenticidade, desafiando estereotipos e visibilizando un cambio social que se foi forxando ao longo do tempo. Este proceso viuse reforzado pola rexeneración artística e a reivindicación dun legado impulsado por precursores esenciais.

O 2023 serviu como antesala. Artistas como Grande Amore, Boyanka Kostova ou The Rapants destacaron ao desligarse das dinámicas convencionais, revolucionando os seus xéneros e normalizando o galego como lingua artística. En 2024, esta tendencia consolidouse e deu paso a proxectos emerxentes como Leria, Montedapena, De ninghures, Amobeo, Hydn, C Mirazo ou Eris Mckenzie, que deixan unha pegada única na escena musical galega.

Estas novas propostas xorden nun contexto onde o público é o principal validador do talento. As conexións directas entre artistas e seguidores, sen a intermediación de estruturas tradicionais, transformaron o xeito de consumir e apoiar a música. Exemplos como Fillas de Cassandra ou Mondra ilustran como un ascenso meteórico pode converter promesas en realidades consolidadas en tempo récord. Con todo, esta rapidez tamén suscita dúbidas sobre a capacidade dos artistas para crecer de xeito natural e preservar a liberdade creativa.

A aceleración do éxito está vinculada a un modelo que privilexia a produción constante e o retorno inmediato, poñendo en risco procesos creativos máis pausados e profundos. A necesidade de captar a atención rapidamente pode comprometer a diversidade do panorama musical.

Propostas consolidadas como Ruxe Ruxe, DKTC ou Ataque Escampe enfróntanse a dificultades para acceder a espazos destacados en grandes festivais, malia o seu valor artístico e un público fiel. No ámbito privado, as programacións destacan por visibilizar novas propostas demandadas, pero a miúdo non son equitativas no pago dos cachets, ofrecendo visibilidade como moeda de cambio. Pola súa banda, as programacións públicas compiten en asistencia, esquecendo en moitos casos a súa labor de divulgación e apoio a proxectos que traballan a un ritmo reflexivo e con regras alternativas de mercado, poñendo a composición no centro.

Neste contexto, os espazos independentes e comunitarios xogan un papel transformador. Permiten que tanto artistas emerxentes como consolidados desenvolvan proxectos libres das dinámicas do mercado. Non obstante, a falta de recursos e apoios institucionais ameaza a súa continuidade.

O 2024 puxo de manifesto a vitalidade do talento galego, pero tamén a necesidade de equilibrar proxectos emerxentes e consolidados. Para crear un ecosistema sostible, é crucial recoñecer o valor das propostas que cimentaron a escena actual e garantir recursos para que as novas voces desenvolvan todo o seu potencial. Este equilibrio debe preservar esa inquietude das xeracións anteriores por investigar, fusionar e innovar, un espírito que nos levou ata aquí e que segue sendo o alicerce dun futuro próspero, diverso e coherente coa nosa identidade cultural.

Patricia Hermida é avogada, produtora e manager musical a través da súa empresa Dotbeat, traballo polo cal recolleu en Lisboa en 2022 o Premio á Excelencia dos Iberian festival Awards Actualmentue preside Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e forma parte da comisión do proceso de renovación do Plan Xeral de normalización lingüística.

O patrimonio, semente de futuro
Por Lucía Santiago Sanmiguel


Durante as últimas décadas, tanto o concepto como o uso do patrimonio foron evolucionando ao mesmo tempo que as novas realidades e necesidades sociais. Superamos consideralo algo predefinido e estático que herdamos do pasado para hoxe sermos quen de contemplalo con outras lentes. Se ben levamos anos usando as tecnoloxías 3D para a análise do patrimonio cultural, na actualidade tamén usamos unhas lentes 4D para apreciar as complexas dimensións que o definen: a social, a histórica, a económica e a ambiental. Ademais, tanto o activismo como a investigación académica están a prestar cada vez maior atención á parte inmaterial, así como a buscar fórmulas que articulen as súas distintas dimensións tendo en conta que as persoas somos as que facemos e desfacemos o territorio e, polo tanto, o patrimonio.

O patrimonio inmaterial para reconstruír territorios sustentables

As formas de nos relacionar co territorio mudaron de xeito drástico desde mediados do século XX, e con estas transformacións foi ficando a un lado o coñecemento atribuído ao seu manexo, transmitido e perfeccionado ao longo dos séculos. Hoxe, a crise ecosocial lévanos a pensar que para cimentar un futuro sustentable é preciso botar man do pasado, e con el dos diversos saberes que, tamén na actualidade, poden contribuír á construción e ao mantemento das nosas paisaxes. E isto non é nada novo: a finais dos 90 o historiador e xeógrafo David Lowenthal xa sinalaba que levamos anos precisando dos recordos doutras persoas, tanto para confirmar os nosos como para darlles continuidade dun xeito ou doutro. Neste sentido, o ano 2024 despediuse deixándonos diversos proxectos que integran nas súas investigacións a recuperación de saberes e de manexos do territorio como un patrimonio inmaterial de enorme valor para a sociedade. Estes poden ser hoxe adaptados e utilizados en novos escenarios para afrontar os retos relacionados co abandono, co cambio climático ou coa democracia cultural.

As persoas facemos o patrimonio

Cando falamos de patrimonio inmaterial, outra das cuestións que está a ocupar un espazo relevante no contexto galego é a música popular de tradición oral. No ano que vén de rematar, recibimos a noticia de que as Letras Galegas do 2025 estarán dedicadas ás cantareiras, un fito sen precedentes para o noso patrimonio cultural. Primeiro, porque se amplía a visión da cultura galega que merece ser premiada e se visibiliza un conxunto de mulleres con nomes e apelidos que simbolicamente representan a moitas máis, dando relevancia á cultura oral e á muller como transmisora de coñecemento. Segundo, porque se trata dun patrimonio vivo que se desenvolve no contexto actual e que trae de seu outras manifestacións como a música e o baile en toda a súa diversidade, sen esquecermos a riquísima variedade lingüística. Terceiro, porque xunto a esta herdanza cultural tamén recibimos unha serie de coñecementos e valores que hoxe podemos aceptar pero tamén desbotar ou resignificar.

Falo aquí da resignificación do patrimonio porque se a música e o baile tradicionais non fosen dotados de novos sentidos e utilizados no contexto actual, xa non estarían presentes nas nosas vidas nin farían parte da nosa identidade colectiva do xeito en que o fan. Este é un patrimonio amplo e complexo, vivo e en evolución, que ten unha funcionalidade non imposta e un sentido libremente atribuído pola sociedade.

En relación con isto, tamén temos no horizonte a declaración da música e baile tradicionais galegos como Ben de Interese Cultural. Trátase dun tema sobre o que non me aventurarei a profundar, pero que me xera dúbidas en relación cos desafíos que pode supor definir, homoxeneizar e protexer un patrimonio tan vivo e dinámico, co que nos identificamos colectivamente.

Ao meu ver, o 2024 reforzou o cambio de mirada sobre o patrimonio, incorporando de maneira máis atenta o ollar sobre o territorio. Semella que hoxe en día temos máis cautela cos procesos de patrimonialización, xa sexa material ou inmaterial: non queremos afastar as comunidades e converter o patrimonio nun ben envasado listo para o seu consumo. Por outra banda, cada vez somos máis conscientes do inmenso poder que ten o patrimonio para unirnos e mobilizarnos. Porén, non podemos esquecer que está suxeito a relacións de poder que con frecuencia escapan ás nosas vontades. E que mellor exemplo de patrimonio que o común que nos sustenta. O aire, a terra e a auga son nosas. Altri NON.

Lucía Santiago Sanmiguel (Senín, Valga, 1992) formouse no ámbito das linguas, a cultura e o patrimonio. Na actualidade participa en diversas investigacións e proxectos centrados na historia rural e no patrimonio cunha ollada dirixida cara aos procesos de socialización e de valorización. Tamén ten participado en diversas iniciativas relacionadas coa recuperación da memoria e da cultura de tradición oral.

Ademais da súa experiencia profesional, ten unha ampla traxectoria no campo do activismo, participando en proxectos asociativos relacionados co territorio, o patrimonio e a historia como obaixoulla.gal ou LabUlla: laboratorio de socialización do patrimonio.