Arte para reparar o patrimonio

O proxecto Legado Coidado explora as posibilidades da participación colectiva combinada coa creación contemporánea

O proxecto Legado Coidado explora as posibilidades da participación colectiva combinada coa creación contemporánea
A obra de Carme Nogueira instalada. Fotografía de Óscar Gorriz. Fonte: Concomitentes
Betanzos inaugurou este 25 de maio unha instalación artística no espazo público. O antigo terreo do Parque do Pasatempo incorpora unha peza realizada por Carme Nogueira combinada cunha intervención paisaxística de Íñigo Segurola. No entanto, esta non é unha inauguración máis. O demorado proceso participativo que deu na encarga desta instalación pon de relevo as posibilidades que ten a arte neste tipo de localizacións e cuestiona o xeito no que se concibiu historicamente a arte nos espazos públicos do noso país.

En 2018 botaba a andar en Betanzos unha iniciativa pioneira no noso país. Da man da asociación Concomitentes, varios colectivos da vila iniciaban a súa participación nun proxecto que os levaría encargar a creación dunha obra de arte contemporánea. As Asociacións Amigas Parque do Pasatempo, a Roxin Roxal, Casco Histórico de Betanzos e varios veciños da vila quen protagonizaron un proceso participativo que involucrou a preto de 200 persoas durante cinco anos, un período que sufriu as demoras derivadas da pandemia de Covid-19. Como mediador da proposta, Fran Quiroga, investigador transdisciplinar especializado nas conexións entre arte, activismo e comúns, encargouse de aplicar no lugar unha metodoloxía creada en 1990 polo artista belga François Hers e que, no marco da rede New Patrons deu lugar a máis 500 obras de arte en diferentes países europeos ao longo dos últimos 25 anos.

Segundo explica, "Concomitentes é unha entidade sen ánimo de lucro que desenvolve proxectos artísticos a partir de necesidades sociais ou ambientais dun territorio. Aquí tiñamos un parque emblemático no que en 2018 se desmorona o templete dun dos estanques. Ante esta situación existe unha comunidade local que solicita un maior coidado deste elemento patrimonial, e ese é o detonante que activa o proxecto". Co nome de Legado Coidado esta iniciativa pretendeu "ver cal pode ser a contribución cidadá para o coidado dun ben como é o Pasatempo". O proxecto foi financiado a un 90% pola fundación Daniel e Nina Caraso con 70.000 euros.

O lugar da arte
A aposta pola colaboración cidadá como método de traballo é fundamental para a liña de traballo de Concomitentes. Mediante as actividades deste proceso téntase "desvelar cal é o desexo desa comunidade e ver como se pode expresar esa suma de vontades individuais a un nivel político ou colectivo. O parque permite falar de emigración, educación, lecer ou elementos patrimoniais, entre outras posibilidades", lembra este mediador. No entanto, recoñece que a arte contemporánea non casaba de xeito inmediato coas necesidades que percibía esa comunidade local. Cando comezou o proxecto "a demanda cidadá fundamentalmente era que se rehabilitase o parque. Pero Concomitentes é unha entidade que desenvolve proxectos artísticos e ademais carece dos recursos necesarios para esa rehabilitación", explica. Ao seu ver, "non é común que haxa unha demanda inicial neste sentido. Se traballas sobre a alimentación, por exemplo, si se dá, porque falamos de algo co que estamos en contacto a diario. Pero a quen se lle encargou algunha vez comandar unha obra de arte? Ata que non se ve o resultado final a moita xente cústalle visualizar o que vai saír". Ante esta situación, cumpriu traballar no grupo as posibilidades da arte contemporánea ante ese interese.

O proceso
"Nas primeiras sesións estableceuse o marco de participación. Para nós era clave situalo no ámbito da arte contemporánea. Entón puxéronse moitos exemplos que se fixeron na rede da que fai parte Concomitentes, a ver as posibilidades da creación contemporánea", lembra Quiroga. O desenvolvemento da dinámica non resultou sinxelo. "Cómpre crear espazos como este proceso para que emanen estas ideas. Hai toda unha serie de saberes expertos que sumaron a este traballo. Aquí participou un equipo de arquitectura, un de arqueoloxía, un de paisaxismo, a artista ou unha empresa de xardinaría, e empregamos metodoloxías como conversas camiñadas, debuxo ou cafés diálogos", sinala, a repasar o demorado proceso de diálogo. "Nós realmente traballamos coa idea de vencello, exploramos cal é o vínculo con este elemento patrimonial, ver que fai que a xente estea tan namorada cun espazo coma este, que a asociación de Amigos do Parque do Pasatempo limpase o lugar, fixese un web ou unha revista. A cidadanía sinte ese elemento como seu, alén do máis material e das cuestións máis técnicas. Entón traballamos desde aí".

Procesos paralelos
De xeito paralelo a este traballo, a situación do parque sufriu toda unha serie de mudanzas. A declaración do conxunto que se conserva como Ben de Interese Cultural, a aprobación dun Plan Director para o recinto ou o comezo dos traballos de rehabilitación no espazo histórico transformou notablemente a situación e as expectativas encol deste monumento.
"Isto permitiu tamén que o proxecto saíse no momento en que tiña que ser. De se completar antes de ter a declaración BIC ou que se iniciase a rehabilitación non se entendería igual nin tería o mesmo sentido con esas cuestións pendentes". O xeito no que a situación do parque protagonizou múltiples cruces de acusacións entre forzas políticas a varios niveis situou tamén o proxecto Legado Coidado nunha situación complexa. "O parque é o foco de tensión política local. Ao partir esta iniciativa da propia cidadanía xéranse tamén tensión co Concello, que polo xeral é protagonista de procesos coma este, e que neste caso ademais é propietario do parque", advirte, a recoñecer que "a urdime burocrática coas administracións foi complexo, aínda que finalmente conseguimos o apoio das catro involucradas", Concello, Deputación, Xunta e Estado, "cos principais partidos políticos implicados".

A encarga
O proceso participativo permitiu definir unha serie de características para o que sería a obra de arte. "Acordouse que a obra debía ser inacabada, non excesivamente monumentalista, que non debía ser efémera e que tiña que dialogar co patrimonio, non só arquitectónico senón tamén ecolóxico", lembra o mediador. Canda a isto, "tamén se requiriu que non resultase excesivamente historicista e que non ficase nunha revisión do pasado, senón que tamén permitise pensar o futuro". Para Quiroga, o establecemento duns requisitos tan específicos "amosa unha intelixencia colectiva que moitas veces desbotamos como se non posuíse un saber que existe pero que debemos axudar a que se desvele" mediante procesos como o de Legado Coidado. Carme Nogueira, creadora cunha ampla traxectoria de intervencións no espazo público, foi escolleita para desenvolver a súa creatividade no marco destas coordenadas.

A Artista
Para Nogueira, enfrontarse a este proxecto supuxo un particular reto, xa que "é o primeiro proxecto que teño como encarga para facer no espazo público". Malia que boa parte da súa carreira se desenvolveu neste tipo de lugares, ata o momento fora ela quen levaba o control das súas instalacións. Recoñece no entanto puntos en común entre as súas intervencións previas e a proposta de Concomitentes. "É certo que sempre traballei en lugares onde detectaba que existía unha necesidade ou un conflito que pagaba a pena pór de relevo ou sobre o que facer unha chamada de atención" mediante as súas creacións. Nese sentido, Legado Coidado "foi unha proposta que abordei con moita ilusión. Desde logo supuña un desafío polo contexto do Pasatempo, que é un espazo moi especial e simbólico, pero tamén por todo o traballo previo que se realizou".

Limitacións
Á concreción da demanda sumáronse complicacións particulares derivadas da área na que se desenvolve e do patrimonio co que traballa. "Por unha banda temos unha área declarada Ben de Interese Cultural. Isto obriga a se axeitar ao Plan Director do Parque e á lexislación, que limita as actuacións que se poden desenvolver na zona", admite Quiroga. "Ao final decídese intervir nesta área" anexa ao espazo protexido, "porque daba máis facilidades para realizar este proxecto fronte á parte histórica". Pola súa banda, Nogueira apunta que "o desexo da comunidade estaba xa moi organizado, e pola miña banda houbo todo un proceso de traballo e de mediación coa veciñanza. Xa non se trataba só de pensar a obra e definila, senón tamén de ver o xeito de a levar a cabo. Houbo un lote de institucións implicadas e moitos filtros que pasar, o que tamén foi complicado".

A liberdade artística
Na súa primeira achega á iniciativa, Nogueira recoñece que "non ía cunha idea previa" do que ía facer. "Cheguei alí e tentei involucrarme no proceso de pensamento que a veciñanza levaba tempo a traballar. O que tiven claro desde o comezo era que a agua era un tema fundamental, xa que era o elemento que vertebraba o Pasatempo, tanto a parte alta como a baixa, co propio territorio, a incluír o río e as mareas que chegan ata alí". A partir desta base apareceu o espazo no que se realizar a instalación artística. "Localicei ese elemento e pensei en reclamar esa canle, a ler no traballo de mediación que fixo Fran e no desexo da veciñanza. A parte que se conserva do parque xa foi declarada BIC e iniciouse a restauración que precisaba, e ese era o principal desexo da veciñanza. Pero había tamén un desexo de vincular o Pasatempo coa propia vila, co territorio. E nestoutra parte, máis perdida, quedan aínda a Fonte das Catro Estacións, a Estatua da Caridade e un anaco de muro do parque orixinal", explica esta creadora. A combinación do traballo de Nogueira coa intervención paisaxística que realizou na mesma área Íñigo Segurola engadiu aínda outra capa de complexidade ao proxecto. "Comezamos a pensar que era importante que houbese desde o comezo unha parte vexetal. A intervención ten que ver con recuperar o que foi ese espazo concreto do terreo, e iso implica tanto o antigo parque como o que era fisicamente, unha xunqueira. Entón a relación coa auga era importante reclamala e dialogar con esa natureza do terreo", completa Nogueira.

A obra
Como resultado dos debates, o proxecto que se presentou este sábado 25 de maio
"é unha intervención paisaxística nunha área degradada do parque. Trátase do espazo que ocupaba o antigo Estanque dos Papas, onde actualmente se sitúa un campo de fútbol e instalacións deportivas e se conserva aínda a estatua da Caridade", explica Quiroga. As sete pezas elaboradas por Nogueira en cemento reciclado "emulan unha antiga canle e unha fonte desaparecida que se localizaba no lugar", sinala o mediador. Segundo especifica Nogueira, o traballo "é unha peza modular que ten intención de servir como mobiliario. A intención é que se poida usar e para isto ten unha forma que semella bancos ou mesas, para converter ese espazo que era de paso nun espazo no que estar. Logo as pezas queren facer pensar no que falta nese lugar, e para iso son case como moldes, nos que existen uns baleiros que lembran a pezas e esculturas perdidas do parque". Deste xeito, a intervención "fai como unha deconstrución desa Fonte de Neptuno en diferentes pezas que se instalan nesta área de 1.100 metros cadrados sobre a que actúa o proxecto", explica Quiroga. A actuación "responde á idea de rehabilitación pero a traballar no concepto de reparación. É dicir, non se trata tanto da volta a ese elemento desaparecido senón de ver como podemos actuar ante un dano como o que houbo cunha nova capa sobre este elemento. Unha rehabilitación sería simplemente voltar á imaxe daquel tempo pasado, e aquí o que facemos é, a partir da vida actual pensarmos un elemento novo que dialogue cos elementos que hai no lugar", conclúe.

A arte no espazo público galego
O carácter extraordinario da iniciativa de Betanzos pon sobre a mesa a situación da arte no espazo público no noso país. Para Quiroga "está nunha situación deficitaria. Non conta con moitos recursos, e hai que ter en conta que estes procesos de intervención son caros". En canto ás tendencias neste sentido, este investigador considera que "nos últimos anos houbo certa aposta máis cara a arquitecturas efémeras neste ámbito. Fanse intervencións máis arquitectónicas, no sentido de elementos útiles, e tamén o muralismo está a funcionar moito. Pero non se dá unha aposta clara neste campo". Ao seu ver, "a aposta pola cultura e a arte non se considera tan relevante á hora de pensar o dereito á cidade ou á aldea", deste xeito, polo xeral "non se desenvolve a potencia que ten a arte no espazo público a nivel estético ou político, quizais porque poden xerar tensións".

Canda a isto, acha en falta nas intervencións de espazo público no noso país a aposta por mecanismos de participación como Legado Coidado. "Non se lle dá abondo valor a esta parte procesual", denuncia. "Fronte a xerar unha obra de arte, que moitas veces se limita á idea de embelecer un espazo, trátase de ver de como o proceso permite afondar nese vínculo co elemento patrimonial", reclama Quiroga. "Facer iso permitiríanos que a xente coide máis ese elemento novo que vai aparecer na súa vida cotiá, porque ninguén coida o que non considera como propio. Moitas das tensións que se poden dar coa comunidade cando se fan intervencións no espazo público poderían mudar cara a outro lugar se a xente o sinte como algo propio".

A evolución e a tradición
A incidir na necesidade de renovar o xeito no que se concibe a intervención creativa nestas áreas, Nogueira apunta que "a propia idea de espazo público sempre me interesou, ao igual que a de monumento, pero para a cuestionar. Penso que a nosa relación no traballo artístico co espazo público mudou moito. Non podemos facer monumentos como no século XIX porque non estamos no século XIX". Para ela "é importante ver o espazo como algo dinámico, que non é o mesmo durante o día que durante a noite e non se vai vivir do mesmo xeito a depender da posición de xénero ou social". Ao seu ver "resulta moi rico achegarse a este ámbito e manexar todos estes matices. Estamos nun punto no que isto é cada vez máis evidente, pero ademais as novas tecnoloxías achegan novas capas que se poden incluír no espazo público e faise máis sinxelo acceder a elas".

A repasar a situación deste tipo de intervencións no noso país, Nogueira sinala que "sei que noutros lugares, como o Reino Unido ou Holanda, houbo momentos nos que cando se facía un desenvolvemento urbanístico encargábase a artistas un proceso de pensamento e investigación para entender o lugar e crear algo relacionado. E iso en España nunca aconteceu. Houbo unha reclamación do 1% da obra pública para facer intervencións artísticas ou esculturas, pero aínda que nalgún caso concreto puideron elaborarse pezas asociadas a unha obra aquí non se desenvolveu esa tradición".

Futuro participado
A aposta de Concomitentes pola arte no espazo público no noso país ten xa outra proposta sobre a mesa. Unha colaboración co Monte Veciñal de Couso, en Gondomar, verá a luz o vindeiro mes de outubro. A artista burgalesa Asunción Molinos Gordo será neste caso a encargada de desenvolver a intervención. "É unha creadora que xa ten un recoñecemento internacional moi forte. Traballa moito a idea do pensamento campesino e a valorización dos saberes rurais, e pareceunos que encaixaba moi ben con este proceso", explica Quiroga. "Traballamos cunha comunidade moi activa de arredor de 80 comuneiras e comuneiros que levan anos a desenvolver este monte con diferentes iniciativas. Aquí a contribución de Concomitentes é explorar un relato que poida facer atractivo para as xeracións máis novas ese monte veciñal, a procurar dispositivos que poidan reencantar estes vínculos". De xeito máis concreto, "a proposta de Asunción Molinos é xerar un novo ritual desde a festa no que pensar como o propio monte ten axencia e pide coidados en relación coa cidadanía. Isto oponse á visión máis antropocéntrica de que somos nós quen ocupamos ese espazo. Será unha produción máis efémera, pero a intención é que se poida replicar ese ritual, que se xere un protocolo para que se poida desenvolver alén desta edición inaugural", conclúe.


Pezas da obra de Carme Nogueira para Legado Coidado. Fonte: Concomitentes
Pezas da obra de Carme Nogueira para Legado Coidado. Fonte: Concomitentes


Pezas da obra de Carme Nogueira para Legado Coidado. Fonte: Concomitentes
Pezas da obra de Carme Nogueira para Legado Coidado. Fonte: Concomitentes


A obra de Carme Nogueira instalada. Fotografía de Óscar Gorriz. Fonte: Concomitentes
A obra de Carme Nogueira instalada. Fotografía de Óscar Gorriz. Fonte: Concomitentes


Performance de Nuria Sotelo na inauguración de Legado Coidado Fotografía de Óscar Gorriz. Fonte: Concomitentes
Performance de Nuria Sotelo na inauguración de Legado Coidado Fotografía de Óscar Gorriz. Fonte: Concomitentes


Esquema da colocación das pezas da obra de Carme Nogueira. Fonte:Concomitentes
Esquema da colocación das pezas da obra de Carme Nogueira. Fonte:Concomitentes


Esquema da proposta de Carme Nogueira sobre unha foto antiga da fonde. Fonte: Concomitentes
Esquema da proposta de Carme Nogueira sobre unha foto antiga da fonde. Fonte: Concomitentes


Lur Garden. Proposta de paisaxismo de Íñigo Segurola para Legado Coidado. Fonte: Concomitentes
Lur Garden. Proposta de paisaxismo de Íñigo Segurola para Legado Coidado. Fonte: Concomitentes


Relato gráfico do proxecto Legado Coidado realizado por Adela Vázquez Veiga. Fonte: Concomitentes
Relato gráfico do proxecto Legado Coidado realizado por Adela Vázquez Veiga. Fonte: Concomitentes