A dificultade de manter a arte en público

A Illa das Esculturas de Pontevedra cumpre 25 anos coas agresións e a incomprensión como principais retos

A Illa das Esculturas de Pontevedra cumpre 25 anos coas agresións e a incomprensión como principais retos
Vista da Illa das Esculturas. Fonte: Visit Pontevedra
Galicia conta desde hai un cuarto de século cun dos espazos de referencia mundiais da arte en espazos públicos. A Illa das Esculturas de Pontevedra agrupa unha ducia de obras da plana maior desta arte a nivel contemporáneo, aínda que a proposta é pouco recoñecida no país e sufriu neste tempo frecuentes agresións. A evolución desta proposta ao longo destes 25 anos exemplifica moitos dos retos aos que se enfrontan a iniciativas artísticas situadas en ámbitos comúns.

O pasado mes de maio, o Consello da Cultura Galega celebrou na Cidade do Lérez a xornada A Illa das Esculturas de Pontevedra 25 anos despois a coincidir co aniversario deste proxecto. Na mesma, o historiador da arte Ramón Rozas e o comisario orixinal deste proxecto, Antón Castro, repasaban a xénese desta iniciativa e a evolución dun conxunto que sofreu e sofre diferentes agresións e mudanzas. Aos consabidos graffitis e accións vandálicas ás que habitualmente se enfrontan as obras de arte en espazos públicos, súmanse as modificacións do espazo no que se sitúan as pezas e as diferentes orientacións que se lle deu, ao longo do tempo, ao parque público na que se sitúan. Toda unha serie de transformacións que, no entanto, non desvirtúan o interese e o obxectivo principal con que naceu esta iniciativa.



Referencia
"Este é un dos grandes proxectos de arte pública que existen a nivel europeo", asevera Antón Castro, promotor e comisario da Illa das Esculturas. "Están representados nel os grandes artistas que construíron a escultura ao longo da segunda metade do século XX". O recoñecemento da importancia deste conxunto, no entanto, é maior a nivel internacional do que no noso propio país. Segundo sinala Castro, "supón unha referencia no circuíto mundial da arte. Un dos estudosos referentes neste ámbito, Arte e natureza de Colette Garraud trata de xeito esquisito o proxecto, que aparece en todos os libros sobre a cuestión dos cinco continentes". O proxecto conta desde a súa inauguración o 29 de julio de 1999 con doce pezas escultóricas a cargo de Giovanni Anselmo, Fernando Casás, José Pedro Croft, Dan Graham, Ian Hamilton Finlay, Jenny Holzer, Francisco Leiro, Richard Long, Robert Morris, Anne e Patrick Poirier, Ulrich Rückriem e Enrique Velasco, nomes que na súa maior parte marcaron a renovación da escultura contemporánea na segunda metade do século XX. As pezas parten do uso do granito e mais do diálogo coa natureza da contorna como eixes condutores.

Xerar un espazo
O xeito no que un proxecto tan singular acabou por tomar forma na Cidade do Lérez xorde da casualidade e da propia experiencia do comisario. "Nunha ocasión, a mediados dos anos 90 tiven que perseguir un can que me escapara por aquela zona, e ao subir un montículo descubrín a illa, que eu non coñecía. Naquel momento estaba nun estado totalmante agreste, había moitos anos que no tiña un uso social. E pareceume un espazo alucinante". A partir de aí, Castro comezou a pensar nas posibilidades do lugar. "Pensei que era posible revitalizar aquel espazo a empregar a escultura", xa que, segundo asegura "a escultura contemporánea non é unha estrutura monumental nin decorativa, senón que vai xerar un espazo para existir". Con esta intención "fixen un proxecto utópico cunha serie de artistas e coa idea do granito como eixe, xa que eu estaba moi sensibilizado con este material, participei na fundación da Escola de Canteiros de Poio e estudei o culto ás pedras en Galicia". Nese sentido, a arte no espazo público xera unha paisaxe nova. "A Natureza é un espazo agreste, pero a paisaxe é a construción cultural da natureza. Unha vez que un constrúe culturalmente a natureza coa intervención dos escultores está a crear un espazo habitable, converte o espazo en cosmos, un espazo da posmodernidade onde a escultura xa non é un obxecto para ver, senón un obxecto para existir. A escultura hoxe é fundamental na recuperación do que en urbanismo se chama espazo de bordo e que en Pontevedra estaba moi mal tratado", explicaba Castro na xornada do Consello da Cultura. Dentro deste plan xeral "tentamos mesturar o concepto de construír culturalmente unha paisaxe a vinculala coa noción do Xacobeo e da peregrinación como primeira idea de Europa. A isto engadimos toda a etnografía, a prehistoria e a tradición histórica de arte da pedra que existe no noso país. Hai que lembrar que Galicia é a primeira exportadora de granito en España e a quinta no mundo".



Os apoios
Para desenvolver esta idea, "propúxenllo ao entón alcalde Juan Luís Pedrosa e á delegada de cultura da Xunta, Pilar Rojo, que se fixeron eco daquela posibilidade", lembra Antón Castro. Á hora de concretar o proxecto, o apoio da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo foi o impulso fundamental. Aínda demoraría varios anos a procura do financiamento, ata que en 1998 se integrou nas propostas para a celebración do Ano Santo. "Coincidiu nun momento no que as administracións eran moi abertas á hora de investir en arte", advirte o comisario. Á hora de conseguir a participación de artistas de primeira liña da arte internacional, Castro recoñece que el coñecía persoalmente a maioría dos escultores, "senón sería algo imposible" concretar unha iniciativa destas dimensións polo custo económico que suporía. "Aos artistas podes convencelos cos cartos ou seducilos cun proxecto. Neste caso conseguímolo coa sedución", o que permitiu pasar das oito pezas previstas inicialmente á ducia que existen na actualidade. "Tivemos moita sorte, xenerosidade e complicidade por parte dos políticos do momento", asevera. Para alén da aceptación do proxecto polo público xeral ou pola clase política local, Castro recoñece que o impacto internacional da proposta é moi superior á que conseguiu na crítica galega. "Quizais quen menos o entendeu era a crítica emerxente que aparecía naquel momento no país. Eu sentinme con poucos apoios, e con críticas infundadas. Hoxe, por sorte, existe unha xeración de críticos extraordinaria, moi formada".

O mantemento
A evolución da Illa desde a súa creación exemplifica en grande medida a problemática á que se enfrontan as propostas de arte en espazos públicos.Un dos problemas comúns a estas iniciativas, o mantemento das pezas e da súa contorna, foi tamén a grande pexa que enfrontou este conxunto escultórico. "O mantemento é o grande problema. En 1999", un ano despois da inauguración, "gañou as eleccións municipais o BNG", partido que goberna a cidade desde aquela. "Penso que nunca entenderon plenamente o proxecto, aínda que tratan de defender o espazo do mellor xeito posible".Desde aquela, "o Concello integrou o conxunto nun dos proxectos de renovación da cidade, e penso que moi ben. A miña queixa céntrase no mantemento das esculturas ante as agresións que sufriron", apunta Castro.

Mudanzas naturais
A localización das obras de arte en espazos públicos e naturais provocan inevitables mudanzas non controladas das contornas próximas. "Temos que aceptar as mudanzas naturais" como pode ser o crecemento das árbores ou a súa desaparición co tempo. Este foi o caso do conxunto Los 36 justos de Fernando Casás, que viu como caían varias das árbores que rodeaban estas pezas. Canda a estas, danse outras modificación que poden requerir intervencións de mantemento periódicas. É o caso do conxunto Hortus conclusus de Anne e Patrick Poirier, que viu importantes modificacións na vexetación que integraba. "Había trinta e tantas especies vexetais que foron arrasadas, desapareceron absolutamente. As institucións tiñan que velar por isto, e deberían dicirlle aos xardineiros que remarquen o arco non está como os autores proxectaran" reivindicaba Castro no encontro do Consello da Cultura.

Intervencións na contorna
Para alén de tarefas de mantemento, desde a posta en marcha do conxunto desenvolvéronse diferentes intervencións e reformas na illa, coa apertura de camiños, substitución de firmes, instalación de mobiliario urbano e todo tipo de mudanzas. Non todas estas accións foron abondo respectuosas coas obras de arte instaladas no lugar. "Houbo intervencións agresivas empedrando determinados lugares. Aconteceu coa escultura de Giovanni Anselmo Cielo acortado, na que por contrato non se podía actuar en menos de 200 metros á contorna", lembra Castro. "Meter lousado onde había herba supón destruír a escultura. O Concello debía terme consultado cuestións coma esa", denuncia. A construción dunha escolleira para evitar a erosión da beira da illa eliminou ou amortiguou tamén a relación que algunhas das obras presentes onda río pretendían ter coa masa de auga e os reflexos, como é o caso da pirámide de Dan Graham. Este tipo de actuacións "son o meu grande medo, máis do que os graffitis", asevera o promotor do proxecto.

Vandalismos
E é que no conxunto "houbo agresións na forma de graffitis desde o mesmo momento da inauguración. Penso que Pontevedra é das cidades máis grafitadas Galicia, e non sei se de España. O labirinto de Morris está totalmente pintado, é terrible". Aínda que esta forma de vandalismo representa un dos problemas máis habituais nas instalacións de arte en espazos públicos, actuar contra este tipo de ataques "é moi díficil", recoñece o comisario. "Habería que pór cámaras. Eu teño envexa sa cando vou a espazos similares de arte público en Huesca, Cádiz ou por Europa e vexo o respecto que hai polas obras que hai noutros lugares". Canda a esta forma de agresión, "houbo moitas outras. Eu mesmo vin unha nai que entretiña unha nena duns tres anos martelar as letras dos bancos de Jenny Holzer para as desfacer". Lembra tamén a situación da peza Pontevedra Line de Richard Long. "Está medio desfeita porque unha afección de certa xente, mesmo con estudos, é tirar pedras da escultura á canle da illa. Tamén é habitual o botellón na obra dos Poirier. Un dos casos máis graves é o da peza Camino de juncos de Enrique Velasco, que "está case destruído. Tiña unha serie de pedras refractantes que levaron e chegaron a aparecer no centro da cidade", e tamén desapareceu unha árbore que facía parte do conxunto. A colección de agresións amosa a dificultade de manter en boas condicións propostas de escultura contemporánea en parques e rúas.

Restauración
As actuacións de mantemento sobre o conxunto teñen chegado mesmo a desobedecer a intención inicial do artista. Foi o caso coa peza de José Pedro Croft, unha casa de pedra que deixa sitio para que medren árbores nos seus bordos a representar nunha pugna entre natureza e construción. A intención do artista era que o crecemento vexetal acabase por provocar o esborrallamento da escultura. No entanto, segundo recoñece Castro, no momento en que iso aconteceu "non lle fixemos caso, porque quedariamos sen peza. Cando a árbore rachou a parte do tellado da casa decidimos restauralo e separamos o tronco cunha corda" para evitar futuros danos. Outra obra que mudou, segundo explicaba o comisario na xornada do Consello da Cultura Galega son os medallóns que Hamilton situou en tres eucaliptos do lugar, con referencias a outros tantos sonetos de Petrarca sobre amor, melancolía e soidade. As pezas "caeron co tempo e recolocáronse aleatoriamente", cando no proxecto orixinal "había un ritual na maneira na que estaban colocados, a 5 metros de alto, un á saída do sol, outro a medio día e outra na posta do sol. Agora están barallados", advirte Castro, a sinalar a necesidade de os recolocar axeitadamente.

A recuperación
A continuidade dos danos no proxecto levou a que, xa en 2001 se crease unha asociación en defensa deste conxunto, promovida polo propio Castro, que ten denunciado publicamente a situación de abandono que ten sufrido ao longo do tempo. Ao seu ver "non é a actitude do conxunto da sociedade, a cultura vai ter sempre inimigos que non son necesariamente os nazis pero que habitan entre nós. Os principais inimigos cos que contou o proxecto foi un segmento de poboación moza que se dedicou a agredilo durante anos". Malia a esta situación, considera que "danos irreversibles penso que non houbo ningún. Cun pequeno traballo todo é recuperable para voltar á idea inicial". Malia aos problemas que ten vivido o espazo, considera que "o obxectivo logrouse porque gañamos ese espazo para a sociedade. Hoxe é un espazo vivo con ducias de especies vexetais e animais, un espazo social no que a xente pasea, fai deporte ou se fan concertos", asevera o comisario.

A situacón xeral
A revisar a situación da arte en espazos públicos no noso país, Castro apunta que "estas actuacións teñen que contar sempre con profesionais do sector que saiban o que é. Sempre vai haber un conflito cando se actúa neste tipo de espazos, por unha cuestión cultural. Existe unha cultura dos agresores, persoas que non teñen capacidade empática, e iso preocúpame máis do que a perspectiva dos políticos". Aínda que recoñece o alto custo económico que poden ter intervencións deste tipo, apunta que "á longo prazo sae barato, porque consegues un espazo novo, e o mellor xeito de o facer é mediante intervencións artísticas. Debemos pensar que neste caso falamos dunha superficies de sete hectáreas".

Futuros
A coincidir con este 25 aniversario, Castro apunta a esperanza dun relanzamento do conxunto. "O Concello está nun plano moi colaborativo, os tres grupos se puxeron de acordo para aprobar unha moción na que se reclama un novo impulso para o espazo" que inclúe redactar un plan director que recolla as necesidades de conservación do conxunto e os requisitos para a incorporación de novas esculturas. De cara ao futuro, Castro manifesta que "a miña ilusión sería que algún día pasase a depender do Museo e fose o esporón de proa da súa parte contemporánea.

De xeito inmediato, o espazo vai acoller actividades do programa da recuperada Bienal Internacional de Arte de Pontevedra, que comisaría o propio Castro. "A estrutura que presenta a illa préstase para facer actuacións públicas deste tipo. Hai espazo que permite desenvolver intervencións sen crear interferencias co que xa existe". Deste xeito, a previsión do coordinador é que se incorporen dúas ou tres novas pezas ao conxunto de xeito permanente.