O proxecto Laudatio funebris convida a descubrir a morte na Idade Media

A iniciativa de aCentral Folque inclúe unha publicación, roteiros e concertos

Coa intención de responder á pregunta "Que significaba morrer na Idade Media?", aCentral Folque presenta a iniciativa Laudatio funebris: Da Morte, o Pranto e o Alén no Reino da Galiza. Co apoio do Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia, o proxecto comprende unha publicación, dous roteiros por Santiago e Noia e outros tantos concertos nestas localidades.

Os prantos galego-portugueses, poemas musicados creados no ámbito cortesán e relixoso para conmemorar unha morte, son a base dunha iniciativa que pretende revelar "un conxunto de prácticas culturais nas que a morte non era só un feito biolóxico, era tamén un acto social, político e artístico", segundo sinala a editora. Neste textos "recoñecemos non só a dor e o consolo, senón tamén a súa sofisticación estética, encargos dinásticos para afirmar liñaxes, exercicios de memoria colectiva ou formas de devoción".

Arredor deste material, Andrés Díaz e Eva Moreda elaboraron unha publicación que se presenta este 30 de outubro na libraría NUMAX de Compostela, un acto no que estarán acompañados do dramaturgo e narrador oral Quico Cadaval. O día 1, Cadaval guiará un roteiro polos ritos funerarios medievais da cidade, e a seguir, a partir das 12 horas, a Igrexa de San Domingos de Bonaval acollerá o concerto Cinco prantos para un reino interpretado polo Grupo 1500, formación galega de referencia na música antiga.

Este programa continuará durante a tarde na vila de Noia con outro roteiro temático a cargo de Cadaval sobre as lendas funerarias medievais locais, e un novo concerto do Grupo 1500 na Igrexa de Santa María A Nova.