A Consellería de Cultura fai do incremento en fondos para normalización a bandeira dos orzamentos

José López Campos presentou no Parlamento os proxectos do seu departamento para o 2026

Un total de 150 millóns de euros compoñen o orzamento da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para 2026. Así o recolleu na mañá deste 29 de outubro o responsable deste departamento José López Campos, na súa comparecencia ante a Comisión Terceira, de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia. Como medida estrela para o vindeiro exercicio, López apuntou o incremento dun millón de euros destinado a campañas para a normalización da lingua.

O crecemento de fondos da Consellería supón unicamente un 3,5% fronte aos dispoñibles no actual ano, cando sumaba 145 millóns de euros. Isto supón un importante descenso no ritmo de crecemento económico dos mesmos, xa que entre 2024 e 2025 a medra fora do 7,5%.

Segundo apuntou o conselleiro, boa parte do esforzo orzamentario irá destinado a poñer en marcha as accións resultantes da renovación do Plan Xeral de Normalización, que pretende iniciar a súa tramitación parlamentaria no primeiro trimestre de 2026. Deste xeito, a Secretaría Xeral de Lingua absorbe o crecemento da Consellería no ámbito cultural, cun 8,7% máis fondos para o vindeiro ano, o que supón 13 millóns de euros fronte aos 11,9 con que contou en 2025. Na mesma porcentaxe medran os fondos da Dirección Xeral de Xuventude, mentres a Secretaría Xeral suma un 2,2% ata os 14.6 millóns. A Dirección Xeral de Patrimonio mantén a súa capacidade gasto en 22,1 millóns (un 0,2% máis) e a Dirección Xeral de Cultura mingua na mesma porcentaxe, ata 56,5 millóns de euros.

A falar de medidas concretas, unha das principais novidades que presentou López é o desenvolvemento dun plan especial para impulsar a cultura na Ribeira Sacra, no marco da súa candidatura a Patrimonio da Humanidade. O conselleiro tamén anunciou a creación dunha figura para recoñecer itinerarios culturais de interese autonómico "que distinga o labor de concellos e entidades vencellados a rutas que contan cun alto valor cultural e que funcionan como unha importante ferramenta de dinamización cultural". Adiantou tamén a posta en marcha da iniciativa Illa de Creación que pretende "potenciar a creación na literatura, nas artes visuais, nas escénicas ou no audiovisual" na Illa de San Simón a concentrar un investimento aproximado de medio millón de euros.

Repunta para o ano o investimento na Cidade da Cultura, que contará con 15 millóns de euros, 3 máis que en 2025, para completar o Centro de Artes Dixitais, ampliar o programa de residencias e impulsar un plan de itinerancias das súas actividades, segundo sinalou o Conselleiro.

O apoio audiovisual mantense nunha contía aproximada de 6,5 millóns de euros, cunha suba de 500.000 euros nas axudas á produción, ata os 3,5 millóns. Manteñen contía as axudas a atracción de rodaxes, con 2 millóns, ou ao desenvolvemento de videoxogos, que recibirán 150.000 euros. No ámbito musical, as contas inclúen unha achega de 120.000 euros para financiar as accións resultantes do Plan estratéxico do sector e outras de 400.000€ "para novas axudas de ciclos de concertos". A Axencia Galega das Industrias Culturais reduce lixeiramente os seus fondos ao pasar de 16,8 a 16,7 millóns de euros, dos que 670.000 van, ao igual que no pasado ano, ao Centro Dramático Galego, e 176.000 ao Centro Coreográfico.

Repítese nas contas de Cultura o investimento de 1,5 millóns para a recuperación do Teatro Cine Fraga de Vigo, 3 millóns para o sector do libro e da lectura, dentro das que se mantén invariable a partida 450.000 euros para a promoción, produción e edición do libro en galego. O Plan de Lectura contará, fronte ao millón anunciado en 2025, con 1,1 millóns de euros para o vindeiro exercicio. Manterase aproximadamente o mesmo apoio ao Consorcio da Cidade de Santiago (3,16 millóns fronte a 3,2 de 2025) e ao Consorcio para Promoción da Música da Coruña, responsable da Orquestra Sinfónica de Galicia, para o que a achega pasa de 3,3 a 3,6 millóns.

Modificar a Lei do Patrimonio Cultural para eliminar a necesidade de autorización da Dirección Xeral en determinados casos como traballos forestais e derivar ese control aos concellos preséntase tamén como unha das propostas do departamento para o ano.

Desde a oposición, o Grupo Parlamentario do PSdeG denunciou a cantidade de fondos destinados a entidades xa existentes no canto de a programas de desenvolvemento, e apuntou que os fondos de normalización continúan por baixo dos 17 millóns de euros dispoñibles en 2010. Desde o BNG, pola súa banda, destacouse a falta de desenvolvemento de proxectos anunciados para 2025 como foron o Plan de Infraestruturas Culturais, a Rede Adival de Dinamización da Cultura no Rural ou o Museo da Romanización de Lugo, que sumaban un investimento de 4 millóns de euros para 2025.