O Simposio Castelao explora a complexidade da figura do galeguista

A RAG celebra en Pontevedra a xornada Momentos da cultura galega: Castelao en Buenos Aires

A RAG celebra en Pontevedra a xornada <i>Momentos da cultura galega: Castelao en Buenos Aires</i>
O Bloque Nacionalista Galego e a Fundación Galiza Sempre organizan este 8 de novembro o Simposio Castelao. A Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolle unha cita que pretende, segundo as entidades convocantes "abordar a figura da persoa, escritor, artista, dirixente político, pensador e ideólogo dun xeito integral".

Deste xeito, o programa prevé abordar a vida do homenaxeado con intervencións a cargo do seu biógrafo Miguel Anxo Seixas, da xornalista e escritora Montse Fajardo, e de Xosé Luís Axeitos, membro da Real Academia Galega. O aspecto literario do rianxeiro está a cargo da profesora da Universidade da Coruña María do Carme Fernández, da poeta Marta Dacosta e do escritor e profesor Xoán Costa, e a súa vertente artística contará coa historiadora da Arte Iria Friné, o historiador e crítico Carlos Bernárdez e o ilustrador e deseñador Pepe Barro.

O Castelao político contará con análises do historiador Uxío Breogán Diéguez, do ensaísta Manolo Rei e da profesora de Filosofía da Universidade de Vigo, Pilar Allegue. O evento tamén contará coa participación da xornalista Tareixa Navaza, que fará unha intervención logo da proxección do vídeo sobre o traslado dos restos do galeguista. O artista gráfico Xosé Lois 'O Carrabouxo' elaborará ao vivo unha estampa de homenaxe eo actor director e narrador Quico Cadaval, que porá en escena un monólogo creado de xeito específico para o simposio.

Con posterioridade ao simposio lanzarase unha publicación que recolla as intervencións de Castelao nas Cortes republicanas, a incluír material gráfico e textos manuscritos do político inéditos ata o momento.

De xeito paralelo, a Sección de Historia da Real Academia Galega, en colaboración coa Deputación Provincial convoca para o 5 de novembro no Museo de Pontevedra a xornada Momentos da cultura galega: Castelao en Buenos Aires. Este encontro, que coordina Ramón Villares, contará con intervencións a cargo de Henrique Monteagudo, que falará sobre "De 'Sempre en Galiza' a 'Alba de gloria'", Ángeles Tilve, que abordará "As cruces de pedra na Galiza: o cumio do Castelao investigador no exilio". Finalmente Xosé Manoel Núñez Seixas realizará a intervención "Castelao e a construción da 'Galiza ideal' no exilio (1940-1950)". A sesión complétase coa proxección de Castelao en Buenos Aires.

Segundo informa a RAG, o encontro "inaugura unha nova proposta da Sección de Historia, "Momentos da cultura galega", na que se analizará a importancia de figuras ou feitos en momentos moi determinados co propósito de repensar a súa relevancia ou capacidade de mudar a historia cultural de noso". Para alén de conmemorar o Ano Castelao, a entidade quere con esta iniciativa pór de relevancia a "acción cultural e política do intelectual na capital da Arxentina, onde publicou obras memorables como Sempre en Galiza, alentou institucións como o Consello de Galiza e pronunciou discursos inesquecibles como 'Alba de gloria'".