Florencio Delgado Gurriarán: a fin do exilio

Unha celebración de descuberta, con México e Valdeorras como polos, marca o Día das Letras

Unha celebración de descuberta, con México e Valdeorras como polos, marca o Día das Letras
Cartel conmemorativo da Deputación de Pontevedra.
Liberado de condicionantes pandémicos, o Día das Letras retoma a presencialidade plena neste 2022. No entanto, faino transformado logo das últimas edicións. A protagonizar a data, Florencio Delgado sitúase ás portas do recoñecemento como figura histórica da nosa cultura. O seu nome liga un forte sentimento comarcal en Valdeorras coa reivindicación do exilio mexicano, a definir unha celebración aberta e de descubrimento.

O persoeiro escolleito para esta ocasión, Florencio Delgado Gurriarán, un vello candidato á conmemoración, marca en grande medida o xeito no que se celebra a data. Logo dunha década na que o Día das Letras estivo protagonizado por figuras recentes e con forte pegada social (Xela Arias, María Victoria Moreno ou Vidal Bolaño), por nomes indiscutibles e imprescindibles (Carlos Casares, Manuel María, Carballo Calero, Filgueira Valverde, Antón Fraguas ou Paz Andrade), desta volta a celebración reivindica un autor ata o momento pouco considerado pero cun grande peso a nivel comarcal, nunha liña que lembra a figura de Díaz Castro entre todos os homenaxeados destes dez anos. Deste xeito, se noutras ocasións a festa serviu para resituar e definir figuras no ámbito académico, desta volta preséntase como o comezo da canonización de Delgado, co engadido de non ser alguén que esta presente, como Arias, Moreno ou Bolaño, na memoria colectiva. Deste xeito, o Día das Letras de 2022 chama pola redescuberta da figura e a súa inclusión na memoria colectiva, de volta do exilio do esquecemento. 

A descuberta
Ricardo Gurriarán, biógrafo e divulgador da figura do homenaxeado, de quen ademais é familia, recoñece que "ata o momento era un autor bastante descoñecido, e este Día das Letras está a ter un pouco de descubrimento" para a sociedade galega. Posiblemente por mor do descoñecemento sobre este persoeiro, Gurriarán sinala que nos actos divulgativos que está realizar sobre o seu familiar "hai moita máis demanda por coñecer a figura de Florencio do que eu pensaba. Tanto desde as universidades séniores como nos colexios ou as institucións. Hai días que participo en tres actos diferentes, pero vexo que está a ser moi ben recibido. A xente fai moitas preguntas, faise debate, quere saber onde pode conseguir máis información sobre el. Está moi ben, é unha campaña divulgativa que me está a resultar moi interesante", recoñece. En particular, apunta que "estiven en centros desde Primaria ata Bacharelato, e ves que están moi receptivos. Eu que botei toda a vida na docencia, ver esa receptividade que teñen hoxe en día, malia a todas as críticas que se lles fan, sorpréndeme. Responden moi ben a un acto destas características que, en principio, versa sobre algo totalmente alleo a eles. Preguntan moitas cousas, teñen interese por afondar, e hai unha resposta moi interesante".

Camiño ao canon
A repasar o proceso de recuperación do autor, Ricardo sinala que Florencio "fíxose coñecido en Valdeorras a raíz do meu libro sobre el, alá polo 99. Alí realizouse moita divulgación e tivo unha acollida importante". Fóra do ámbito máis local "a xente da intelectualidade e sobre todo da intelectualidade galeguista coñecía a Florencio, aínda que nuns círculos bastante pequenos". Dentro do recoñecemento da súa figura "tivo moita importancia a primeira reedición do Cancioneiro da Loita Galega" que realizou Xesús Alonso Montero en 1996. "Tamén foi el quen o incluíu na listaxe dos cen mellores poemas da literatura galega, xa no 75. E logo houbo congresos dos anos 90 e 2000 que tamén o trataron e subírono ao carro dos poetas do exilio", nun proceso demorado que agora culmina. "A celebración está a ser moi importante non só para o recoñecemento senón para a divulgación e para afondar nestas cuestións. O traballo conxunto que se está a facer cumpre o obxectivo de meter a Florencio no canon, e penso que mais ou menos desta volta entrará", asegura.

A elección
Encol da elección que marca esa consagración do autor, o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes apunta que "houbo e hai candidatos que levan máis tempo. A elección de homenaxeado polas Letras Galegas antes era sota, cabalo e rei, aplicábase a cronoloxía e ían saíndo todos os pais da patria. Pero afortunadamente iso mudou, agora é un debate na Academia e unha reflexión consciente. E hai moitísimos candidatos". Canda a isto, recoñece que "desde hai tempo a Academia procura figuras que teñan unha calidade literaria, compromiso coa lingua e coa literatura. O que se procura tamén é que ademais da produción literaria, a figura teña certa exemplaridade social e nos permita visitar algún capítulo da nosa historia, coñecer mellor a significación da nosa cultura, e que se poida achegar ás novas xeracións". Neste caso "é a primeira ocasión en que a Academia visita o exilio de México. O de Arxentina visitámolo moitas veces, con Castelao, Blanco-Amor, Lorenzo Varela... pero México, Venezuela ou Brasil estaban pendentes", recoñece. Así, "a dimensión do exilio está presente na celebración, non só pola figura de Florencio senón por todo o que arrastra con el".

O exilio mexicano
A coincidir con Freixanes, Ricardo Gurriarán apunta que "na dedicatoria foi moi acaida por parte da RAG a identificación de Florencio co exilio mexicano". Nos seus encontros con diferentes públicos "estou a ver que sorprende o seu itinerario vital, que é moi peculiar. Un home que só viviu na súa terra catorce de oitenta e pico anos de vida. Á xente máis nova sorpréndelles todo o impacto da Guerra Civil e o que supuxo, porque non o coñecen". Canda a isto, "tamén lles resulta curioso que non puidese voltar ao seu lugar de orixe con normalidade, unha vez que estaba asentado nunha comunidade allea como a de ultramar", explica. "El nunca deixou a intención de retornar, aínda que ficou frustrado, quixo arrastrar á súa familia na volta e non foi posible". Para o presidente da RAG, "México ten un peso moi especial polo que significa o grupo de persoas que hai arredor das revistas Vieiros, Saudade ou do Padroado da Cultura Galega, e doutras iniciativas. Hai que pensar que a lingua e a cultura galegas entre 1939 e os primeiros anos 60 viviu grazas á dignidade e á resistencia dun grupo de intelectuais e persoas que se implicaron moito, a incluír novas xeracións que xa naceron no exilio", explica Freixantes. "Gurriarán é o exilio de México, é Carlos Velo, Soto, Bal y Gay, Francisco Comesaña, os irmáns Bilbatúa, ou Caridad Mateo, que son figuras importantes e ás veces pouco coñecidas. Moitos deles tiveron unha presenza moi grande non só no mundo literario senón tamén científico, médico, na arquitectura... Cando o presidente mexicano Lázaro Cárdenas fixo a aposta por acoller os exiliados españois sabía que estaba a dotar a cultura mexicana dun persoal cualificado moi importante para enriquecela, e os propios exiliados eran conscientes diso, moitos falan nos seus textos das dúas patrias", lembra Freixanes. A incidir no papel de Florencio Delgado netas iniciativas, Ricardo Gurriarán lembra que a súa "foi unha figura importante no exilio a nivel de unificar criterios e esforzos, un home transcendental para facer política unitaria nun primeiro momento dentro da comunidade galega". Así, o homenaxeado "tivo unha forte intervención política, sobre todo no ano 45, na reunión das Cortes españolas en México, e en organismos como Galeusca e o Consello de Galiza. Permaneceu na actividade sociopolítica ao longo do tempo cunha coherencia e unha firmeza nos seus principios importantísima, non como outra xente que abandonou a militancia e desapareceu" da vida pública.

O factor Valdeorras
Alén do peso que ten o exilio mexicano na celebración, este dezasete de maio posúe outro claro compoñente territorial que se enfoca en Valdeorras. A colaboración entre concellos que deu en 2017 no relanzamento da candidatura a través de múltiples actividades e da campaña As Letras de Florencio provocou unha importante mobilización tanto a nivel institucional como asociativo ou artístico na zona. "Os axentes da comarca conseguiron sumar esforzos e pór en marcha esta candidatura", lembra Ricardo Gurriarán. "É algo que eu levaba tempo reclamando, pero nos últimos tempos, ao ser familia, afasteime un pouco dos esforzos institucionais para que non se confundan os intereses. Eu só pretendín divulgalo con aquel primeiro libro e aquela exposición. Fixen o que tiña que facer nos primeiros momentos e logo o proceso correu só. Aínda tardou, pero non é sinxelo divulgar unha figura como a súa. Ao final a publicidade e o esforzo que se está a facer conseguiu conquistar este galardón". Deste xeito atopámonos cun dos Días da Letras máis centralizados dos últimos anos a nivel xeográfico. Segundo recoñece Freixanes, "a Academia nunca fora alí, e había un movemento social e institucional cos concellos, moi grande a prol da figura de Florencio como símbolo desas terras". Nese sentido, a comarca enteira apareceu como interlocutora da RAG para a data. "Parecíanos unha oportunidade de implicar eses colectivos. Este 17 de maio, despois do acto solemne da Academia, o concello de Vilamartín de Valdeorras, a xente de Córgomo, a comunidade de montes, a asociación de mulleres rurais e varias asociacións culturais farán unha especie de romaría que chaman Florenciada. E no canto dunha comida oficial vai ser unha participación de veciños e veciñas, esa veciñanza implicada neste tipo de celebracións. Isto é moi importante para que non queden reducidas a un ámbito elitista. A isto súmanse as actividades locais do Consello da Cultura, como o Concerto das Letras. En conxunto todo isto vai facer que Valdeorras estea a ser a capital das Letras Galegas, cun movemento enorme". Coma el, Ricardo Gurriarán apunta que a festa "na comarca está a se vivir con intensidade. A materialización do que supón o Día das Letras nunha aldea como é Córgomo vai se ver na propia semana das Letras".

A poesía
Encol da obra do autor, Ricardo Gurriarán salienta que nos seus múltiplos encontros con diferentes públicos sobre o mesmo, "a xente quere saber máis da súa poesía, chámalle moito a atención". Alén da curiosidade, "en xeral sorprende moito a riqueza da obra de Florencio. Ten un amplo espectro de poesía de circunstancias que vai desde a poesía de combate durante a Guerra Civil, a versos en defensa da identidade e a lingua. Pero tamén trata o cromatismo estacional de Valdeorras, da flora dos castiñeiros e das bocarribeiras". A estes aspectos suma aínda que "chega a facer unha poesía acorde coas linguas orixinarias de México, e é quen de versionar en galego poemas de linguas estranxeiras. Sorprende moito esa capacidade de trasladar á poesía determinadas cualidades do país, da cultura, da identidade ou da natureza". A repasar a carreira, Gurriarán lembra que "o seu primeiro poemario, de 1934, obtivera moitísimas críticas, sobre todo do mundo galeguista, con nomes coma Carballo Calero, Vilar Ponte ou Otero Pedrayo. Conseguiu moito eco na prensa do país, aínda que aquilo ficou cortado pola Guerra". Xa no exilio "continuou o seu traballo a participar na revista Nueva Galicia, o Cancioneiro da Loita Galega, o Padroado da Cultura Galega ou a revista Vieiros. No 63 publicou con Galaxia Galicia Infinda e das veces que veu a Galicia publicou unha despedida a facer fincapé en Valdeorras coas Cantarenas en 1981 e logo con O Soño do Guieiro en 1986. Con ese itinerario vese a súa importancia, porque está en cada porto, onde pousa o pé fai algo e vai deixando moitas pegadas, que compoñen un todo moi xeitoso nun ton moi variado".

A lingua
Dentro da súa importancia como autor, malia a unha produción literaria relativamente reducida, o presidente da RAG salienta de Delgado "un control, un dominio e unha lealdade á lingua enorme. Florencio vive a súa primeira mocidade en Valdeorras, pero despois mantén a súa lealdade á lingua durante a guerra vencellado a movementos políticos, sempre a escribir en galego. E ademais practicaba un galego moi consciente. Nas cartas a Francisco Fernández del Riego, que eu puiden ler, a comentar as iniciativas de Galaxia e de Grial, e a solicitarlle textos a Del Riego para Vieiros dí 'non me mandes poesía, mándame achegas á economía, a socioloxía, á ciencia'. Para Florencio o galego tiña que ser unha lingua aberta á modernidade que implican estas disciplinas, e era unha lingua que el peneiraba e coidaba. Como editor, se vemos este Cancioneiro da Loita Galega que publicou o Consello da Cultura vese como vai corrixindo orixinais de compañeiros e poetas, como un editor literario. Este amor á lealdade e ao coidado da lingua é moi importante". Canda a esta aposta, o presidente da RAG sinala que Delgado "tamén é a lingua de Valdeorras, o galego oriental, moi rico e cheo de enxebrismo que el traballaba sen o facer ruralizante. Non renuncia á lingua e tráballaa cunha perspectiva moderna, contemporánea, integradora".

Estudos e lanzamentos
Aínda que o demorado estudo ao que ten sido sometida a súa figura fai que non se poida contar coa aparición de inéditos neste 2022, o pulo que a data está a achegar a novos traballos de investigación prometen desde logo un mellor coñecemento. A nivel académico o presidente da RAG apunta que "están a saír moitas cousas. O mundo editorial está a responder moi ben, pero hai que ir alén. Hai unha enorme produción cultural desde a sociedade. Artistas de todo tipo, colexios e colectivos implícanse moito na celebración". Dentro das descubertas que atoparemos arredor da figura homenaxeada, e a falta das achegas que se desenvolverán no simposio monográfico do vindeiro mes de novembro, a RAG, en colaboración con Ricardo Gurriarán vai lanzar "unha selección da correspondencia de Florencio, anotada e contextualizada. Ricardo ten acceso a unha parte importante deste material. Ten cartas con Castelao, con Lois Tobío, con Fernández del Riego, con Seoane e con toda a xente de Bos Aires e mesmo con exiliados en Europa", explica Freixanes. "Tamén queremos publicar en galego a conversa que mantivo con el a antropóloga Dolores Pla en 1979, agardo que xa para antes do verán. E logo hai as propostas da Primavera das Letras, e todas as pílulas que saen nas redes sociais. É todo un ano de Florencio, non queremos concentrar todo nun día e que unhas cousas pisen outras".

Producións
A seguir a senda iniciada na pandemia, a RAG mantén tamén este ano un importante protagonismo nas propostas creativas arredor do autor. Logo do éxito do pasado ano, unha nova webserie retrata o autor desde esta institución. "Este ano encargámoslle de novo o guión a María Yáñez. Este material retransmítese polos medios públicos e se lle oferta ás canles privadas, ademais de que se pode ver na nosa web. E vemos as descargas que hai onde existen núcleos organizados activos interesando na nosa cultura, aos que lles fornecemos de ferramentas de traballo". Alén desta produción, "temos tamén proxectos sobre o idioma e o que iso significa. É o caso da serie Voces novas para a lingua" e de novos proxectos que a entidade anunciará en breve. Dentro das múltiples iniciativas que homenaxe ao poeta que se están a celebrar por todo o país, Ricardo Gurriarán salienta como unha das máis curiosas "a actividade escolar O poeta que baila, que leva Séchu Sende co alumnado co seu colexio. Paréceme que foi quen de captar unha das cualidades de Florencio que é a músico-artística-danzante e chamoume moito a atención. Logo tamén celebro a calidade da edición do Cancioneiro da Loita Galega que fixo o Consello, quedou magnífica".

Presencialidade e distancia
No primeiro Día da Letras plenamente presencial despois das restricións pandémicas, o presiente da Academia recoñece que "a celebración mudou. Nestes anos en especial para todo o presencial. Isto obrigounos na RAG a abordar algo que eu sempre quixen botar a andar pero que se fora adiando, que son as novas tecnoloxías. Como xornalista, penso que unha cultura, unha nación é un espazo de comunicación. O que non se comunica non existe. E estes anos obrigáronlle á RAG a facer un esforzo na dixitalización de textos, de libros e da hemeroteca, para que estean accesibles de balde para a investigación e o público xeral. E logo tamén na utilización das redes, tanto Facebook como Twitter ou Instagram, que nos permiten difundir a lingua, os persoeiros e o que a Academia representa dun xeito moito máis eficaz". Así, estas apostas deron nunha transformación da festa. "A repercusión social que tiveron estas últimas edicións grazas ao emprego dos redes foi infinitamente superior ao que había en celebracións anteriores. Estamos en Bos Aires, en Brasil, en Bruxelas, en Londres, en Barcelona, Madrid, Barakaldo, Xenebra, Salvador de Bahía, São Paulo, México... Todos son lugares onde hai actividade. Fanse actos en streaming e estamos aí en tempo real. Comparados con outras culturas e outras linguas temos un posicionamento na modernidade que nos permite xogar o partido. Podemos gañar, perder ou empatar, pero estamos aí, e iso é algo fundamental, estar na tecnoloxía e nas capacidades comunicativas contemporáneas". Dentro do público que se interesa por estes contidos, Freixanes destaca que "as novas tecnoloxías permiten conectar con estes núcleos e alimentar a consciencia da xente que está no exterior"; un colectivo que en grande medida está composto "de xente nova que vai traballar a Bruxelas, ou persoal sanitario que está en Londres e que ten xa os seus fillos. Eu animo as institucións a emitir para esa xente. O propio Florencio falaba da Galicia Infinda. Galicia está onde están os galegos".