A RAG presenta o seu programa para o Día das Letras

Multiplícanse os contidos que homenaxean a Florencio Delgado Gurriarán

Multiplícanse os contidos que homenaxean a Florencio Delgado Gurriarán
A aldea de Córgomo, en Vilamartín de Valdeorras acollerá o vindeiro 17 de maio o pleno da Real Academia Galega polo Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. O acto contará coas intervencións de Rosario Álvarez, Ramón Villares e Xesús Alonso Montero. Na véspera deste acto na aldea natal do autor, O Barco de Valdeorras acollerá unha recepción aos membros da entidade e mais o Concerto das Letras que programa anualmente o Consello da Cultura Galega.

A Real Academia Galega anunciaba na mañá deste sete de febreiro o seu programa de actos en homenaxe ao poeta. No acto, o presidente da entidade, Víctor F. Freixanes destacou que a programación da entidade centrarase en tres eixes do homenaxeado: "A dimensión como poeta e traballador da lingua que emprega o galego das terras de Valdeorras como ferramenta de creación, a de resistente democrático e a de figura fundamental do exilio mexicano nun momento de actividade extraordinaria". Ademais, lembrou que "a figura literaria de Florencio Delgado Gurriarán é representativa dunha xeración", e con ela reivindícanse "as iniciativas que se desenvolven en México" no exilio posterior á Guerra Civil "para manter viva a cultura galega".

O web para escolares "Primavera das letras", que se presentará o vindeiro mes de marzo no colexio de Vilamartín de Valdeorras, ou unha produción documental sobre o escritor son outras propostas da RAG de cara a efeméride. Como é habitual, para finais de ano celebrarase un simposio dedicado ao homenaxeado no investigadores de diferentes eidos achegarán novas perspectivas sobre a súa figura.

Micropezas audiovisuais
Canda a este programa, a Academia ten desde o 31 de xaneiro na súa web o apartado específico dedicado ao autor. Unha biografía a cargo de Ricardo Gurriarán, un artigo de Víctor F. Freixanes, novas e bibliografía e unha selección de fotografías dan a coñecer o homenaxeado. Canda a isto, está xa dispoñible na rede o primeiro capítulo de Polos vieiros de Florencio, a serie de vídeos que a entidade lle dedica ao homenaxeado e que abre o seu propio presidente. A el seguirano Ramón Villares, Margarita Ledo ou Miro Villar, a abordar diferentes aspectos da figura en entregas semanais.



Contidos web e publicacións
Tamén está xa dispoñible a sección das Letras Galegas do Portal das Palabras, que recolle tres xogos interactivos sobre o rico vocabulario da poesía de Florencio Delgado un contido da sección Allos con bugallos sobre o léxico dos seus poemas mexicanos. No campo das publicacións, a Academia ten previsto lanzar o discurso que o autor deixara escrito para o seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse, a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México e unha escolma da súa correspondencia a cargo de Ricardo Gurriarán. As estas sumaranse o Boletín da Real Academia Galega coas alocucións académicas do 17 de maio e os relatorios do Simposio Florencio Delgado Gurriarán.

No acto, que se desenvolveu na sede da RAG, estiveron tamén presentes Ricardo Gurriarán, biógrafo e familiar do homenaxeado, Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto As Letras de Florencio e mais as membros da executiva da Academia Margarita Ledo, Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; o alcalde e a concelleira de Cultura do Barco de Valdeorras, Alfredo García Rodríguez e Margarita Pizcueta Barreiro; e o presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado.

Roteiro en Córgomo
Pola súa banda, a iniciativa As letras de Florencio ten tamén en marcha diferentes actividades na comarca natal do homenaxeado. Este 6 de febreiro desenvolveuse o roteiro literario de homenaxe A Ruada con Florencio polas Candeas. Un cento de persoas participaron desta proposta para coñecer a aldea natal do autor, a súa historia e persoeiros, ou o xeito no que se celebra a festividade da Candeloria no lugar.

Florencio, o podcast
Esta iniciativa comarcal publicou tamén o pasado 30 de xaneiro o primeiro capítulo de Florencio, o podcast. Esta proposta sonora conducida por Jorge Moral combina documentación, entrevistas e poesía falada e publicarase nas redes o último domingo de cada mes ata o final de ano. Na primeira entrega, co título Do que non se fala, nada se sabe, percórrese a traxectoria do autor coas achegas do investigador Ricardo Gurriarán e a recuperación dunha entrevista de Dolores Pla ao homenaxeado de 1979. Unha conversa con Eilún del Pazo, gañadora do III Certame de Poesía Florencio Delgado Gurriarán e mais a música de Sr. Jingles, que versionou pezas do poeta, completan os contidos desta entrega.



Conferencias en liña
Tamén o colectivo Valdeorras Infinda sumou ás conferencias que está a subir á rede o audio de Unha aproximación á obra literaria de Florencio Delgado Gurriarán que impartiu Miro Villar sobre o autor o pasado 28 de xaneiro no marco do segundo ciclo de Encontros sobre Valdeorras celebrados na Coruña.