A propiedade das voces de antano

Implicacións legais e de protección de datos condicionan o traballo con rexistros sonoros da tradición

Implicacións legais e de protección de datos condicionan o traballo con rexistros sonoros da tradición
Cintas de Cassette. Fotografía da University of Illinois Library vía Wikimedia Commons
Nun momento no que o traballo con arquivos sonoros está a coller unha especial relevancia na música do país, ponse de actualidade unha particular problemática que atinxe este material. Cuestións coma o dereito a intimidade, a protección de datos ou a propiedade intelectual sobre os contidos gravados están presentes na utilización deste material. Repasamos a complexa cuestión da propiedade das voces en relación á memoria colectiva e ao patrimonio inmaterial.


Unha gravación de audio coa voz dunha persoa, poida que xa falecida, a cantar e contar cousas de como era a súa vida. Este é un material moi común no noso país, e obxecto dunha demanda importante por parte de persoas interesadas na nosa tradición musical ou na nosa historia e memoria colectivas. No entanto, á hora de incluír este material nun disco, publicalo na rede ou desenvolver obras audiovisuais ou ensaios a partir del, estamos a tocar toda unha serie de dereitos que cómpre ter en conta. A complexa problemática que atinxe estas pezas, a miúdo sen definir a nivel xurídico, condiciona as posibilidades de acceso, reprodución e creación a partir das mesmas.

Dereito de quen fala ou canta
Nunha gravación, sexa de pezas musicais, de historias e vida ou de memoria sobre feitos concretos, aparecen unha serie de axentes que teñen algún tipo de dereito sobre a mesma. Cómpre ter en conta, en primeiro lugar, o dereito da persoa gravada sobre a súa propia voz e a información que achega. Un dereito que, para complicar aínda máis a situación, se transmite aos seus herdeiros logo do falecemento desta fonte. A estes habería que sumar aínda os dereitos de autor da persoa que compuxese a peza, en caso de ter esta autoría coñecida. Así, calquera informante pode estar disconforme co uso que se lle dá a este material, co lugar no que se publicar ou co xeito no que se seleccionan as súas palabras. Ou pode simplemente negarse a que ese son e contidos cheguen a ninguén fóra de quen os gravou. Por exemplo, testemuñas gravadas para a investigación que deu pé ao Cancioneiro Popular Galego puideron acceder a ceder o uso dese material a Dorothé Schubarth para o seu trabalho etnomusicolóxico e a publicación do mesmo como parte desa obra, pero non deron en principio consentimento ao uso desas mesmas gravacións en discos por parte doutras persoas.

O consentimento presuposto
Á hora de abordar este problema, danse varias propostas nos arquivos especializados que traballan con este tipo de material no noso país. No caso do Arquivo do Patrimonio Oral e da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, a aposta é considerar a persoa que fixo a gravación como responsable do material. "Cando unha peza ou conxunto de pezas entra no APOI o cedente a incorpora (asinando en persoa e data a súa cesión) para facela pública e convértese así publicamente en "autor" do seu traballo de recollida", recolle o web da institución. Tal e como explica Concha Losada, responsable do arquivo "son os compiladores quen se aseguran e nos aseguran a nós que os seus informantes coñecen a finalidade de investigación e divulgación das gravacións, así como o concepto de divulgación non lucrativa do material que nos proporcionan", explican. A política do APOI presupón pois o consentimento en todas as gravacións deste tipo. "Mesmo en gravacións feitas hai moitos anos, os informantes sabían que se ía empregar este material para os estudos dos compiladores, para se incorporar aos seus arquivos persoais e para ser difundidos. En xeral sabían que quedaban como documentación dun patrimonio moi valioso, os compiladores informaban deste aspecto, do valor dese material e de que ninguén se ía facer rico con iso". Desde este arquivo entón "preocupámonos de que iso estivese feito e que o material que poñemos a disposición non sexa obxecto de apropiación indebida".

Consentimento escrito
Cristina Pujales, coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega apunta pola contra que esta entidade non considera ese consentimento por defecto. "A recolleita que se ten feito ata o momento veu da man dunha serie de persoas moi interesadas na tradición. Polo xeral ían ao rural e recollían material gravado sen ningún tipo de permiso escrito das informantes, polo xeral mulleres. Houbo excepcións que cómpre subliñar como o caso de Alan Lomax, pioneiro nas gravacións de campo de música tradicional, que recollía os datos de cada informante e logo mesmo repartía os beneficios económicos que se obtiñan da venda dos discos elaborados co seu material. Poida que haxa algún caso concreto de xente que fixese asinar algún papel de cesión de dereitos, pero en xeral non coñezo ningún" advirte, unha situación que xera unha inevitable inseguridade xurídica sobre o que se pode e o que non se pode facer con este material. "Por exemplo no caso concreto de Dorothé Schubarth, recolle os nomes completos e os lugares de gravación de todas as persoas das que recolle temas, pero, que nós saibamos, e temos en custodia os seus fondos, non ten ningún permiso asinado neste sentido" explica Pujales. Entón xorde a cuestión "¿Eses 248 CDs que ten gravados, cunha riqueza impresionante, é material dela? ¿Ou é da señora ou do señor que aparece a cantar? ¿Ou, no caso de que xa non viva, dos seus herdeiros?".

Dereito por compilación
De calquera xeito, as persoas que fixeron este labor de recollida e compilación posúen tamén dereitos á hora de decidir o que se pode facer cun material que é produto do seu traballo e dos seus estudos. "Para nós é moi importante recoñecer o traballo dos compiladores. Pondo do seu capital, do seu coche e do seu tempo fixeron unha tarefa que hoxe vale para todo o mundo, e recoñecer esta autoría é fundamental. Non pode haber erros nisto", destaca Concha Losada. Coincide neste recoñecemento Cristina Pujales, a destacar que "dalgún xeito teñen que ser compensados por ese traballo", lembra, "non sei de xeito económico. Hai unha indefinición legal neste sentido". E é que este labor esixe desprazamentos, tempo de pescuda, uns coñecementos sobre música tradicional que permiten identificar as pezas de maior interese e un labor de catalogación e identificación, para alén do custo do material de gravación e do seu mantemento e conservación.

Control de acceso
Entre uns dereitos e outros, acontece que materiais como os presentes no Arquivo Sonoro Galicia teñen limitacións á hora de se facer accesibles ao público. "Temos algún arquivo que nos pasaron e dixitalizamos a raíz dun convenio do Consello coa persoa que o compilou, pero non podemos utilizalo libremente. Cada vez que alguén pregunta por el temos que contactar coa persoa que nolo cedeu para que nos dea permiso e se poida consultar. Hai xente que quere saber quen vai ver o seu material, isto pasounos varias veces. Desde o sector fálase moito de que cómpre abrir os arquivos, pero moitas veces cando se tenta facer non o ceden para o seu uso aberto". Nunha situación similar están os fondos que Dorothé Schubarth compilou para o Cancioneiro Popular Galego. Desde o Arquivo Sonoro "non podemos ceder copias dese material, temos que lle pedir permiso a ela para o facer, segundo o acordo que asinou co Consello da Cultura e que sinala que o material lle pertence a ela que foi quen o compilou". Na experiencia do Arquivo, apareceron casos nos que realmente a contradición se facía evidente. "Richi Casás atopou a voz da súa avoa nos fondos de Schubarth. ¿Nós temos aí dereito a lle negar a el, como herdeiro, unha copia desa voz?", pregunta Pujales, a incidir na indefinición xurídica que rodea este material.

A divulgación
Á hora de divulgar o material, o APOI aposta polo uso libre de todo o material que custodia. O organismo ten os seus fondos baixo licenza Creative Commons "que permite o seu arquivo libre pero non lucrativo e obriga a citar sempre a fonte de procedencia, de xeito que mesmo se o incorpora un creador musical ou un escritor a un libro non queda suxeito a dereito e non pasa a ser propiedade de quen o use", explica Losada. "Cando se nos solicita material que temos publicado na rede especifícase que está protexido por esta licenza e que cómpre citalo axeitadamente. No caso de se nos solicitar algo que non está na rede facemos expresamente que se firme unha folla de petición e de uso no que se especifica que non pode ser sometido a apropiación". Mesmo coa licenza aberta, o APOI recoñece que hai dificultades para que os arquivos sonoros se fagan públicos. "É moi complicado abrir todo o material nas redes. Sobre todo con algúns arquivos sonoros, ao mellor non tanto os musicais senón historias de vida nas que os relatos poden aludir a outras persoas". Este tipo de contidos en ocasións tamén se introducen en gravacións en principio dedicadas á recollida musical, con datos biográficos ou cuestións persoal e de contexto da persoa gravada. "Tentamos ser coidadosos con esta información e non subila á rede tal e como está. Entón poñémola a disposición de investigadores con todos os requisitos para protexer os datos individuais e respectar a vontade das persoas". Nunha situación similar está o material do repositorio Terra e Memoria. Este web compila máis de 2.000 entrevistas sobre historia oral realizadas por diferentes grupos de investigación da Universidade de Santiago de Compostela. No entanto, o acceso ao material está restrinxido en diferentes niveis, e mentres o público xeral pode acceder ás fichas nas entrevistas, só persoas investigadoras identificadas como tales poden consultar a totalidade dos fondos baixo condicións concretas de uso.

Publicación na rede
Na mesma liña, Cristina Pujales apunta que "nós somos un arquivo público e quen queira pode vir consultar o material, outra cousa é facer copias". E aínda máis, "a publicación deste material na rede entra nunha importante indeterminación xurídica, nin sequera está totalmente claro cales poderían ser as ilegalidades. É algo no que estamos a traballar con asesoramento especializado sobre cuestións xurídicas encol da Lei de Protección de Datos, pero é un tema extraordinariamente complicado", advirte. "Noutros lugares como a Fonoteca de Cataluña ou a Biblioteca Nacional enfróntanse a problemas similares. Teñen material subido que ao mellor en calquera momento teñen que retirar se hai unha reclamación. En xeral ao falarmos deste tipo de dereitos sobre o material sonoro con profesionais do sector a conclusión é tirar para adiante e logo, se hai que retirar algo retírase. Claro que é un risco porque catalogar e publicar axeitadamente estes arquivos supón moito traballo", sinala. No APOI tamén teñen claro que retirarían o material publicado en caso de que houbese algunha reclamación por parte de informantes ou dos seus herdeiros."Primeiro de todo retiramos o material e estudamos o caso. No noso caso non temos o problema de ter ánimo de lucro, unicamente pretendemos divulgar o patrimonio. Nós agardamos que as nosas institucións, o Museo do Pobo e o Arquivo teñan moito percorrido, e que en certo momento todas estas pezas coas que estamos a traballar agora queden libres de dereito de autor. En último termo, divulgarase entón se non se pode antes. Se hai un mínimo problema con algún material podémolo gardar e sempre quedará aí".

Dereitos de institucións
Á lista de dereitos aplicables a estes rexistros, nalgúns casos tamén están os da institución ou asociación que posúe os fondos, sexa porque os adquiriu, lle foron doados ou mesmo porque financiou ou promoveu a súa recollida. Nesta liña, Pujales pon o exemplo dun material recentemente incorporados aos fondos do ASG. "Trátase dunha serie de gravacións dos anos 80 que realizou Manuel Pérez Rúa no marco dun proxecto municipal de recuperación da memoria. No protocolo asinado con Concello, que é propietario dese material, dise que o Consello da Cultura pode empregar ese material e publicalo, pero se aparece alguén que descenda dunha das persoas entrevistadas e di que non quere que a voz da súa nai ou do seu pai estea subido na rede, non teño claro o que temos que facer", explica.

Explotación comercial
A complexidade de acceso a este material súmase aínda a problemática da explotación comercial do mesmo pola inclusión de gravacións deste tipo nun álbum ou nun espectáculo, ou polo emprego por parte dun grupo ou solista de arranxos tirados de audios recollidos da tradición. "Moitísima xente, a incluír grupos consagrados do folk galego, fai arranxos sobre este material que logo se rexistran e polos que cobran dereitos de autor. É certo que polo xeral falamos de contías pequenas", establece Pujales, mais o caso amosa unha nova capa de complexidade sobre o traballo coa tradición.

Gravacións duplicadas
No APOI advirten tamén dunha complicación singular con estes rexistros. "Ás veces hai algúns roces sobre a cuestión de quen foi realmente o compilador de determinado material e a quen se lle atribúe este mérito. Moitas veces foi máis dunha persoa quen fixo este traballo. Nun mesmo lugar e ao mesmo tempo podían estar ao mellor catro persoas con cadansúa gravadora, e a mesma gravación pode estar en catro arquivos diferentes que logo chegan ao Arquivo. Nós en casos coma estes atribuímos todos os compiladores se os coñecemos. Pódenos pasar que en certo momento non saibamos que varias persoas compilaron o mesmo ata que atopemos unha segunda cinta. Se alguén avisa do caso mudámolo inmediatamente, pero non é habitual".

Os dereitos das plataformas
Engade Losada aínda unha outra complexidade que atinxe á plataforma coa que se publica o material nas redes. "Á hora de os pór en Internet hai que ter en conta tamén que hai unha diferenza entre publicar o material nun portal web que é teu ou dunha institución e empregar unha plataforma como Youtube ou Facebook, que adquire determinados dereitos sobre todos os contidos que se publican neles. Isto paréceme moi importante, algo a coidar de xeito exquisito. Ferramentas coma estas son moi axeitadas para a difusión, pero poden pór en entredito a lexítima propiedade que todos temos sobre a nosa cultura". Detrás da proliferación de publicacións en plataformas deste tipo "como en moitas outras cousas somos algo minifundistas como colectivo. Habendo grandes portais institucionais como o do Consello da Cultura Galega ou da Biblioteca de Galicia, ou privados e sen ánimo de lucro como o propio APOI, con traxectoria e solvencia, moitas veces publícase este material en páxinas persoais ou blogs, sexa por descoñecemento ou porque publicalo da man dunha entidade como estas parécelle a algunha xente que é quedar sen el. Por iso nós tentamos ser moi coidadosos desde o primeiro día, e deixar claro que o material é de quen o trouxo, os nomes figuran e o material está perfectamente recoñecido para que ninguén se sinta privado".

A demanda e a apertura
Losada recoñece ter detectado o interese no sector musical por este tipo de material. "Hai moito, moito interese. Mesmo que sexa só por coñecer ou afacer a sensibilidade á forma orixinal de interpretar, que vai desaparecendo. O tratamento dixital deste tipo de información faina moito máis accesible, e permite máis comparación con determinados criterios. Vexo a resposta de moitos creadores que se aproximan e se sorprenden e se aledan ao descubrir o material orixinal que poden escoitar na sede do arquivo". Tamén no Arquivo Sonoro de Galicia son habituais as solicitudes de consultas por parte de profesionais da música e de persoas que investigan o noso patrimonio. Segundo sinala Pujales, "desde a miña perspectiva habería que apostar por subir á rede a maior cantidade posible de material, pero iso esixe, como digo, un traballo especializado que non pode facer todo o mundo, cómpren recursos para o facer ben".

Pendentes de regulacións específicas ou da clarificación dos diferentes dereitos que se atopan arredor deste material, continúa a indefinición sobre como se pode facilitar a transmisión de todo este patrimonio inmaterial, parte fundamental da nosa cultura.