Recoñecer os dereitos das voces

A potestade dos informantes sobre as súas gravacións determina o traballo de recollida

A potestade dos informantes sobre as súas gravacións determina o traballo de recollida
Recollida en Salcedo. Fonte: MAOS
Canda ao traballo de recollida musical, o labor análogo dedicado á memoria histórica e familiar e ás historias de vida mantén unha importante vitalidade. No entanto, pola súa propia natureza, as gravacións de material deste tipo son particularmente delicadas no que se refire á salvagarda dos dereitos e da intimidade dos informantes. A Cooperativa MAOS explícanos o xeito no que abordan estas entrevistas a partir da súa ampla experiencia.

Cando unha persoa accede a ser gravada a cantar ou a contar unha historia non perde os dereitos sobre o material gravado. A atender á protección de datos, pode esixir a súa retirada, revocar o seu consentimento ou limitar o seu uso. Deixar moi claro a función do material compilado, informar en todo momento a fonte sobre os procesos nos que se emprega ou ter permisos o máis detallados posibles son algunhas das cuestións que desde MAOS aprenderon nun labor de anos.

Recollidas de memoria e sons
A cooperativa MAOS leva varios anos a desenvolver traballos de collida de memoria oral. Historias de vida no proxecto A memoria das mulleres. Do gris ao violeta do Concello de Pontevedra, o estudo sobre o patrimonio da reserva reserva da biosfera transfronteiriza Gerês-Xurés ou os cantos de berce da iniciativa Arrolos de Rianxo son algúns dos seus proxectos neste campo. Durante o seu labor, o equipo da entidade atopouse co problema de como xestionar os rexistros sonoros e videográficos que realizan no transcurso destes traballos. Segundo explica Óscar Senra, un dos membros da firma, "temos moi claro que a voz corresponde ás persoas. Por moito que nos conten a súa historia, fannos unha cesión de coñecementos e nós pedimos permisos para os rexistrar e que fique ese rexistro". Con esta perspectiva, nos traballos deste tipo que desenvolve a cooperativa, a persoa que cede a súa voz e a súa información conserva en todo momento o dereito a decidir o uso sobre as mesmas. Isto fai que, por exemplo, unha gravación realizada para aparecer transcrita nun web non se podería empregar como audio nunha produción audiovisual, mesmo dentro do mesmo proxecto. "Se non temos a certeza de que se autoriza o emprego dalgún material, non o empregamos. O fundamental para nós é o respecto á historia das persoas, e as historias son delas e non deixan de o ser porque nos dean dereito a gravar". Así, calquera outro emprego diferente do establecido no acordo inicial implica a solicitude dun novo permiso.

A aprendizaxe práctica
Esta perspectiva xorde da experiencia da Cooperativa ao enfrontar as múltiples problemáticas que implica traballar con materiais deste tipo. Senra recoñece que "tiñamos moitas dúbidas de como enfrontar estas cuestións, sobre todo ao comezo, pola falta de experiencia", sinala a rememorar o que foi un proceso de autoaprendizaxe. "Cando comezamos coa Memoria das mulleres", proxecto promovido polo Concello de Pontevedra sobre a historia feminina nesta área, "fomos aprendendo aos poucos. Naquel momento vimos que había que ter as cousas por escrito, e a partir de entón creamos tres documentos de permisos, un primeiro para a propia gravación e o seu uso, o segundo para cando recollemos fotografías e unha acta para o momento no que devolvemos o material que se nos cedeu. Entón tentamos que nos asinen permisos de todo e que quede todo moi claro", explica. A autorización que presenta MAOS autorízaos ademais a modificar o material recollido para a súa publicación "no sentido de tratar as imaxes, recortar ou retocar, sempre dentro duns límites éticos que nos impomos". E é que o groso do seu traballo neste campo tivo como obxectivo a publicación de memorias, pezas sonoras ou fotografías, fundamentalmente en soporte web. Con estes protocolos "legalmente estamos cubertos. Ás veces optamos por un permiso oral que collemos por audio. Pomos a gravadora e queda gravado ese permiso, co nome e apelidos da persoa que está falando".

O problema de asinar
Á hora de conseguir eses permisos "a miúdo non é tanto o problema o documento como explicar os usos. Moitas veces gravamos persoas que non entenden para que é, entón tentamos analizar e empatizar con elas do mellor xeito posible, deixarlles claro que queremos, para que e que usos se lle vai dar ao material, se van ou non van saír identificados, cales son as nosas intencións, como se lles vai devolver ese traballo e en que xeito se se vai poder ver o que fagamos. Isto facilita que asinen os permisos, e sen eles non facemos nada". De cara a coroar con éxito estas cesións, en MAOS apuntan que "unha dificultade neste sentido é que a xente á que entrevistamos non nos coñece persoalmente. Tentamos subsanar isto amosándolles cousas que xa temos feitas previamente. Tamén anima moito que saiban dalgunha persoa que coñecen que xa fixes o mesmo e colaborase con nós". A aplicación deste tipo de protocolos nas recollidas supón un traballo engadido para as persoas que as desenvolven. "Esixen moita preparación previa", recoñece este investigador.

Chegar á xente
E é que xerar esta intimidade coas persoas informantes é para os membros desta cooperativa un dos grandes desafíos á hora de facer recollidas. "Para alén dos permisos de uso do material temos tamén un protocolo sobre como acceder ás persoas, hai que ir con moito coidado", a miúdo creando unha rede de contactos e de confianza que permiten chegar a informantes da man de amizades ou de contactos comúns. "Logo cómpre transcribir as entrevistas para tirar as partes fundamentais e ver que material se pode extraer elas. Despois vóltaselles o material a esas persoas e transfórmase para o proxecto concreto. É un traballo moi laborioso que historicamente se facía desde o asociacionismo e que non se valora a nivel profesional. Cómpre moito tempo para o facer con detalle e cariño".

As modalides de rexistro
O feito que de MAOS aposte en xeral polo formato audiovisual para rexistrar aos seus traballos "permite tamén captar xestualidade e achega unha información máis completa", aínda que na cooperativa recoñecen que a toma de imaxes é en ocasiones unha barreira a maiores. "Pode acontecer que mesmo despois de asinar o documento a persoa decida que non quere aparecer nun vídeo. Nunca nos aconteceu iso, pero si xente que accedeu a ser gravada mais non quería aparecer no arquivo público do proxecto. Hai persoas que acceden a ser gravadas en vídeo, outras queren só audio ou só permiten que tomes notas" explica Senra.

Temas sensibles
En ocasións, durante a recollida aparecen temas particularmente sensibles, como as mencións a terceiras persoas, as acusacións de condutas deshonestas ou mesmo crimes ou outras cuestións conflitivas. "Hai cuestións como debates pola propiedade do monte que moita xente conta pero sobre as que logo non quere asinar un permiso para que se utilice o material", recoñece Senra. "No caso de contaren algo moi sensible que afecta a terceiras persoas, preguntamos por segunda vez ou retomamos o tema máis adiante para asegurar que queren que fique rexistrado. No caso de que non o poidamos confirmar porque falecese a persoa que nos informou, aplicamos autocensura".

Contidos non solicitados
A cooperativa tense atopado ademais con outra cuestión, a da xestión de contidos que non son especificamente aqueles polos que se pregunta. "Hai momentos de intimidade nunha conversa nos que a persoa pode se deixar levar pola emoción ou fala de cousas que non son as que se lles preguntaron", lembra Senra, algo que acontece mesmo nunha recollida centrada en pezas musicais. "Neses casos recortamos a respectar sempre a intimidade da persoa, se non ten que ver co que procuramos deixámolo fóra".

A intimidade do canto
Encol da recollida de cantos, recoñecen dificultades específicas. "Á xente maior ás veces cústalle cantar diante de alguén descoñecido. Na nosa experiencia había ocasións nas que recitaban pero custáballes máis cantar ou non querían que aparecese o seu nome aínda que nos deixasen gravar. Entón cos Arrolos de Rianxo traballamos moito a partir dos obradoiros de memoria que se facían no propio Concello. Desde esta actividade era máis sinxelo conseguir permiso para a utilización do material".

O acceso ao material
Canda aos dereitos das persoas entrevistadas á súa intimidade aparece tamén a problemática do acceso ao material recollido. Neste sentido, encol das demandas desde diferentes sectores da investigación e da música tradicional para que os arquivos sonoros sexan accesibles en rede dun xeito aberto, Senra admite que "non pensara nesta cuestión ata hai uns meses, que atopei un caso próximo sobre o uso de arquivos para creación musical. Aí saltoume a dúbida de ata que punto se pode usar o material desta xente que en moitos casos está falecida. Pregúntome como verían que as súas gravacións estivesen accesibles a todo o mundo ou que haxa gravacións sonoras a empregar a súa voz. A verdade é que non temos unha opinión moi definida. Temos claro que non se pode perder a transmisión cultural, e abrir os arquivos é fundamental para isto, é a nova vía de transmisión. É certo que xera dúbidas sobre a intimidade das persoas e a privacidade, pero abrir este material paréceme fundamental".