Dous festivais de cine desenvolveranse en Lugo en paralelo este mes

A 42ª Semana de Cine coincide co primeiro Festival Cinema Mulleres

| Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
Compartir:
Dous festivais de cine desenvolveranse en Lugo en paralelo este mes

A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, adiada por mor da situación sanitaria, regresará á cita anual co público cinéfilo na súa 42ª edición do 23 ao 28 de novembro. Será a través dunha carteleira de máis de 100 longas e curtametraxes procedentes dunha ducia de países, que poderán verse en seis espazos da cidade: Auditorio Gustavo Freire, Salón de Actos da Deputación, o Museo e a Biblioteca provinciais, o Vello Cárcere e o Vicerreitorado da Universidade. A sección de Cine Galego contará con 28 filmes. Luis Tosar e a protagonista de O que arde, Benedicta Sanchez recibirán sendas homenaxes que inclúen as proxeccións da película de Óliver Laxe e de Quien a hierro mata, protagonizada por Tosar. O paseo do Cine inaugurado o pasado ano ampliarase cunha placa co nome do propio Tosar e outra en homenaxe á actriz Carmen Correa. Coma novidade o festival ofrecer tamén sesións de cine nos locais de Aspnais e fóra de Lugo nas prisións de Bonxe, Monterroso e Teixeiro, unha iniciativa para a que contan coa colaboración da asociación Concepción Arenal e de Institucións Penitenciarias.

Con motivo dos actos organizados en Lugo polo Día Internacional da eliminación da Violencia contra a Muller, o 25 de novembro, a Casa da Muller vai poñer en marcha unha serie de accións englobadas en torno a un concepto que é o de INVISIBLES, adicado a dar visibilidade a mulleres e dar a coñecer e de recuperar a súa historia. Neste segundo ano que se leva a cabo este programa inclúese na súa proposta como novidade o Festival Cinema Mulleres - FILMU - que se celebrará do 25 ao 29 de novembro nos cines Códex, no que se presentarán películas feitas por mulleres e se realizarán charlas con cineastas invitadas, se presentará un Decálogo de como ver cinema en igualdade e se concederán os premios NOVA ONDA ás películas que, por su calidade e pola súa visión, fan unha mellor representación da muller e as súas situacións. Trinta lumes (Diana Toucedo) , A estación violenta (Anxos Fazáns), Os fillos da vide (Ana Domínguez) e La isla de las mentiras (Paula Cons) son as producións galegas que se poderán ver nesta primeira edición do festival ademais de outras producións internacionais.

Que che parece esta nova?
69 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Cine, Lugo, Mulleres, Concepción Arenal...