Cadros coma casas: O tempo dos murais (II)

Un crecente grupo de artistas aposta por centrar a súa actividade profesional na pintura sobre paredes

Un crecente grupo de artistas aposta por centrar a súa actividade profesional na pintura sobre paredes
Mural en proceso de Lidia Cao. Fotografía de A.L. Crego. Rexenera Fest.
A creación de murais posúe unha serie de peculiaridades, a comezar polo custo, que impiden que calquera persoa poida se dedicar a esta actividade de xeito libre. No entanto, un grupo cada vez máis nutrido de artistas enfoca a súa vida profesional cara a este formato nos últimos anos, dando pé a un incipiente movemento organizativo. Continuamos a nosa serie sobre muralismo en Galicia cunha nova reportaxe.


O custo preséntase como unha das diferenzas máis evidentes entre os grandes murais e outros formatos de arte urbana como o graffiti ou o estarcido. O tamaño das pezas, que chegan a cubrir paredes de edificios de varios andares, implica toda unha infraestrutura, materiais e tempo de traballo que fan difícil para calquera artista involucrarse nunha destas creacións de xeito totalmente autónomo. "Só alugar o guindastre por un día supón unha burrada de cartos. Penso que só coñezo o caso dun autor que pintase un mural grande por libre. Era un vigués que tiña un amigo que lle deixaba o aparello. Fora de aí é algo imposible para un artista" asegura Amabel González Troncoso, autora dunha tese doutoral sobre arte urbana no noso país. "Hai que pensar no propio custo das pinturas para cubrir eses metros de parede ou as medidas de seguridade necesarias. Non é algo que poida facer unha persoa soa, depéndese doutra xente". Deste xeito, o custo de realización dun mural pode oscilar entre os 2.000 e os 30.000 euros no noso país, a depender do caché de cada artista, de se hai guindastre ou andamios a disposición, da superficie a cubrir ou de se cómpre pagar gastos de aloxamento e manutención.

Vídeo co proceso de diferentes murais no Rexenera Fest. Fonte: Organización.


Particularidades

Proceso de traballo de Lidia Cao no Rexenera Fest. Fotografía de A.L. Crego.
Proceso de traballo de Lidia Cao no Rexenera Fest. Fotografía de A.L. Crego.

Para alén do custo, a creación neste formato difire doutras formas de arte urbana. Segundo sinala a investigadora, "as obras vanse axeitando ao terreo, aproveitan os volumes ou a perspectiva, e en boa medida créanse nun obradoiro. Nese sentido non dá tanta liberdade coma o graffiti". Dentro das técnicas, "polo xeral no muralismo adóitase traballar cun proxector que amosa a imaxe na parede, e sobre iso márcase un bosquexo e trabállase por tramas de cor. Faise máis traballo no estudio antes de chegar á parede. No graffiti tense a idea na cabeza pero hai que se mover e afastarse para ver como vai quedando. No muralismo polo xeral non se ve o guindastre afastarse e achegarse á obra mentres está a se facer". A maiores sinala que "aínda que os entendemos como pintura hai artistas que mesturan técnicas e meten por exemplo cerámica" nas súas obras, con casos curiosos como as esculturas en parede de Isaac Cordal. "Outra diferenza co graffiti é que o mural trabállase sobre un muro predefinido, no graffiti é o autor quen procura o lugar para a obra. Logo o mural é algo que se ve de xeito inmediato cando se está a facer, o propio proceso faise parte da obra. Hai unha maior exposición, polo xeral fanse en sitios moi visibles", fronte a un graffiti que, en moitos casos, aínda se realiza de xeito clandestino. No entanto, para esta investigadora, malia ás diferenzas, "aínda que agora se separan máis, mural e graffiti teñen a mesma base, só mudan determinados rituais vencellados e o xeito de traballar, pero pártese da mesma base que é a intervención na rúa".

Traballo físico e exposición
Momento inicial do traballo de Lula Goce no Rexenera Fest.
Momento inicial do traballo de Lula Goce no Rexenera Fest.
Proceso de traballo de Lula Goce no Rexenera Fest, segundo día.
Proceso de traballo de Lula Goce no Rexenera Fest, segundo día.


Desde a súa experiencia como autora deste tipo de obras, Xoana Almar, de Cestola na Cachola apunta que, a nivel técnico "hai que se acostumar a pintar co corpo máis que co pulso, que é como fas un cadro. É un traballo máis físico, empregas pértega e os primeiros días de cada mural son algo moi canso porque hai que cubrir moita superficie". A isto cómpre engadir a existencia duns prazos marcados por toda a loxística que supón unha obra deste tipo. "Un mural na rúa implica toda unha serie de permisos para empregar a fachada, para ocupar o espazo onde vai estar o guindastre ou para almacenar os materiais. E logo está o alugueiro do guindastre, que se fai por un período concreto. Realmente implica todo un investimento económico e de tempo, e con eses condicionantes trabállase ao máximo durante eses días". A limitación temporal, no entanto, non é necesariamente un problema. "Nós en Cestola na Cachola temos falado que un mural podes facelo nunha semana e quedar contento co resultado, mentres nun cadro ao mellor botas meses sen o acabar. No mural hai un certo nivel de estrés que ás veces ata é bo". Encol da exposición pública que caracteriza este traballo, recoñece que "ao se facer no espazo público os murais danse a coñecer moi rápido, o boca a boca funciona moi ben. Logo o traballo implica outras ferramentas e outras técnicas diferentes da creación en interior. O contacto coa xente, as diferentes climatoloxías que ten asociadas o proceso ou o contexto ao final inflúen na obra. Nós cando levamos os bosquexos para facer o mural non temos as cores fechadas. Moitas veces a gama muda a atender a contorna ou aparecen novos elementos. Hai un punto de improvisación. Outra xente non o fai así".

Didácticos e figurativos
Para González Troncoso, a implicación institucional está a influír nas temáticas e mesmo nos estilos predominantes dos murais que proliferan no noso país. "Case todos son figurativos", explica. "Os temas, as paletas de cores, os volumes e mesmo as perspectivas adoitan ser sinxelas, pensadas para xente que observa na rúa". Para ela "no muralismo hai unha mensaxe máis politicamente correcta. A miúdo as intervencións fanse co apio de institucións ou empresas, entón procúrase algo sinxelo, que chegue á xente e que non poida crear problemas a nivel de imaxe". No entanto, a aposta pola figuración e por obras que poidan ser relativamente accesibles a todo o mundo non é exclusiva do noso país. "Hoxe en día a nivel español e europeo apóstase por mensaxes máis amables, e pasouse de festivais e encontros que antes eran de grafiteiros e outras formas de arte urbana e pásase directamente a monográficos dedicados a estes murais de grande tamaño". Así, a nivel de estilos ou de temáticas "non teño observado unha diferenza grande no caso galego. Ao vir xente de fóra aos festivais e moverse tamén artistas do país no estranxeiro vense similitudes. Se ollas programas dos eventos, tanto os galegos como os foráneos, tirando algúns que apostan pola orixinalidade como o de Grenoble, repítense moitos nomes".

As conexións artísticas
Proceso de traballo de Møu en DesOrdes Creativas.
Proceso de traballo de Møu en DesOrdes Creativas.

Esa aposta pola claridade expositiva non é algo novo nin exclusivamente vencellado ao aspecto institucional destas obras. "O muralismo contemporáneo ten desde o seu comezo unha faceta divulgativa. Os primeiros que o abordan neste sentido son os muralistas mexicanos como Diego Rivera, Sequeiros ou Orozco, que os dirixen ao pobo. Tamén hai exemplos entre o exilio galego, como Luís Seoane en Bos Aires ou Leopoldo Nóvoa en Montevideo". E as conexións aparecen en moitos outros creadores. "Aínda Díaz Pardo meses antes de morrer dicíame que levaba anos a seguir o que facían estes rapaces nas rúas, e declarábase sorprendido porque dicía que moitas destas cousas as comezara a facer el de novo cando foi para América, e non puido evolucionar. Tiña cousas de experimentación que realmente lembran o xeito de se enfrontar ao muro no graffiti" lembra esta investigadora.

Transferencias artísticas
A anovar estas ligazóns, a crecente demanda está a facilitar que diferentes artistas poidan se profesionalizar arredor deste formato. "Hai artistas que están a se especializar. Traballar este formato é difícil, pero cando se dominan as técnicas existe uha demanda moi forte. Resulta algo novidoso e rechamante", explica González Troncoso. O contexto actual está a facilitar unha certa converxencia entre a arte contemporánea máis convencional e estas formas de plástica,xa que unha boa cantidade de artistas neste campo pasaron pola facultade de Belas Artes e, nalgúns casos, teñen carreiras previas noutros formatos. Para ela, está por ver se todos os creadores actuais manteñen a súa dedicación a este xénero ao longo dos anos. "Penso que vai pasar como co graffiti, ao final van quedar os que apostaron por isto desde o comezo, e non os que se suman á moda mentres non chega outra cousa. Os que o entenden e senten isto como o seu xeito de se expresar seguirán a traballar nisto logo de anos".

Oportunidades profesionais
Un dos casos de transferencia entre pintura tradicional e mural é o do recoñecido Yoseba MP, que para alén dun licenciado que se dedica ao muralismo é tamén alguén con experiencia previa na arte urbana. Para este creador, "logo do muralismo histórico, dos rusos ou dos mexicanos, desde finais dos 90 ou da década do 2000, esta arte tiña moitísimo peso do street art e do graffiti". Ao igual ca el "agora moitos pintores están a entrar neste mundo, e está a se desprazar esa estética máis do spray cara a murais nos que moitos pintores de cabaletes trasladan a súa obra a formato grande, como é o meu propio caso". No entanto, este creador reivindica o seu traballo previo na arte de rúa. "Eu xa pintaba en spray desde os catorce ou quince anos, e como profesional levaba tempo a decorar tendas, de xeito que o meu paso ao mural non foi tan drástico, xa eran moitos a anos a facer paredes". Recoñece, iso si, que que "foi no momento en que me ofertan unha parede nun festival e me permiten facer a miña obra e non unha encarga, que comezo a ser muralista". Na súa aposta por este formato destaca como principais factores "a visibilidade e o aspecto monetario. Cando es artista vas facendo obra e podes ir vendendo, pero ser muralista é un traballo, tes que facer orzamentos e se tes varias encargas no ano cómpre organizar un calendario. Achega uns cartos e unha seguridade laboral que pintar cadros non me achegaba". O de Cestola na Cachola é outro dos casos de transferencia doutras disciplinas artísticas cara ao mural. "Cando fundamos a cooperativa en 2013 non tiñamos a idea de nos dedicar a isto. Se ben sempre pintamos na rúa, sobre todo Miguel (Peralta), non o traballabamos a nivel profesional. Saíu un proxecto de murais na Ribeira Sacra e pareceunos moi interesante, a vivir na zona varios meses e traballar no espazo público. A partir de aí apareceron moitas encargas e hoxe é a principal fonte de ingresos da cooperativa", explica Xoana Almar.

Organización colectiva
Malia a esta profesionalización crecente desde Mutante Creativo,colectivo que organiza diferentes festivais de arte urbana no país, advirten que "segue habendo moitas carencias neste eido a nivel laboral. Tamén existe unha falla de cohesión do gremio, porque a pesar de ser un oficio moi antigo non existe como tal unha asociacción profesional ou un estatuto do muralista nin nada parecido que vele polos dereitos dos traballadores". No entanto, están a se desenvolver as primeiras iniciativas de coordinación colectiva neste ámbito. "Entre moitos de nós estamos formando agora mesmo un colectivo de muralistas galegos, co que se pretende xerar sinerxias, compartir información, coñecementos, formación e sobre todo facer piña para ter maior forza, exercer máis presión e conseguir que se nos escoite con máis atención. Cousa que coa situación actual vemos máis necesaria que nunca". Arredor dunha vintena de profesionais que se dedican ao ámbito do muralismo no país está a traballar neste sentido. Segundo explica Xoana Almar, "non se trata de facer unha asociación, é algo máis informal. Estamos a redactar unhas bases que recollen uns mínimos dereitos laborais e obrigas, e que facilitan coñecer a profesión. Aínda que o muralismo é moi antigo, a nivel de dereitos e obrigas este oficio é moi recente. Temos que ser autodidactas porque non hai unha formación específica en muralismo". Unha primeira xuntanza, en decembro de 2019, puxo as bases desta iniciativa en desenvolvemento. "Vimos que máis ou menos todos tiñamos as mesmas dúbidas". Segundo apunta, "semella que a nivel de obrigas laborais ao que máis próximos estamos é á construción por todo o tema de seguridade con que traballan. Logo queremos marcar tamén uns prezos e unhas condicións mínimas de coidados. Temos que saber identificar se un andamio está ben montado antes de subir a traballar", apunta.

Deste xeito, un corpo crecente comeza a se artellar e a se reivindicar como artistas que fan parte da cultura do país e como profesionais con dereitos e obrigas. Un novo paso na consolidación dun ámbito que está ademais a conseguir un importante recoñecemento tanto en Galicia como no exterior.