Cadros coma casas: O tempo dos murais (III)

Artistas do país conseguen unha proxección inédita grazas ao seu traballo no muralismo

Artistas do país conseguen unha proxección inédita grazas ao seu traballo no muralismo
Mural de Lidia Cao no DesOrdes Creativas. Fotografía da organización.
A proliferación de muralistas está acompañada por un importante recoñecemento destes profesionais, tanto no noso país como no estranxeiro. Desde nomes pioneiros nesta arte ata as máis recentes incorporacións, un nutrido número de artistas compoñen un panorama no que mesmo hai quen detecta peculiaridades estilísticas propias. Achegámoste unha mostra dos murais feitos no país.

Cun número crecente de festivais e cada vez máis obras polas rúas do país, a auxe do muralismo en Galicia está a consolidar unha serie de nomes destacados nesta disciplina. En moitos casos, trátase de artistas que conseguen recoñecemento fóra das nosas fronteiras e que conectan a creación galega coas correntes internacionais.

Contactos e nomes
O feito de ter nos festivais de arte urbana un dos seus focos principais, tanto en Galicia como no estranxeiro, fai que os contactos internacionais e o intercambio sexan relativamente sinxelos no campo dos murais. "O ter apoio desde as institucións e unha maior difusión facilita que moitos artistas de mural vaian de ruta por programacións de fóra de Galicia e participen en festivais con outros creadores. En Galicia hai xente moi boa, e se recoñecen tanto aquí como fóra". Apunta Amabel González Troncoso, autora dunha tese pioneira sobre a arte urbana en Galicia. Entre os nomes a ter en conta, "eu sempre destaco, porque para min foron dos primeiros, e teñen tratado o tema da muller no rural, a Cestola na Cachola. Souberon fixarse nos tópicos pero dándolles unha volta, de xeito similar como fixo Yoseba Muruzábal cos seus retratos de mulleres. Logo Sekone, na Coruña, fíxose moi coñecido cos muros e posúe un dominio absoluto do debuxo e do hiperrealismo. Ten unha obra moi importante tanto en papel como en muro, e cunha creatividade enorme. Paréceme un dos artistas que segue sen se recoñecer", lamenta. Entre os pioneiros neste ámbito a investigadora salienta a Liqen. "Cando non había tanta xente dedicada aos murais, el xa estaba a saír fóra do país. Para min é o Dalí galego, traballa o surrealismo cun ton innovador que penso que continúa sen ser totalmente apreciado. Faltan estudos teóricos sobre o seu traballo, pero creo que se recoñecerá todo o que innovou e quedará como un nome de referencia".

A perspectiva profesional
A falar deste panorama o propio Yoseba MP apunta que "temos moi bos muralistas. Lidia Cao está a traballar moitísimo fora. Tamén destaca Lula Goce ou, xa desde antes deste novo impulso, Liqen, Pelucas ou Nano, que xa eran internacionais". Dentro do peso galego na escena mural apunta que, sen saír da Península, "hai lugares como Valencia que teñen artistas de primeira liña internacional, que pintan museos ou que traballan con grandes marcas. Non estamos a ese nivel, pero en Galicia temos xente moi boa". Algúns recoñecementos neste sentido puidéronse ver neste 2020 con fitos como a selección de Lula Goce para pintar a sede da ONU en Bruxelas ou a inclusión do Toribio que Nove Noel realizou nas Pontes no catálogo Street Art Cities. Ao ver de Yoseba, como unha característica que se pode atopar en diferentes artistas do xénero no noso país, "hai bastantes autores que apostan por unha temática bastante rural. Non é cousa de todos pero si que está Cestola na Cachola, Liqen, Nove Noel ou eu mesmo, que somos como moi de Galicia cando pintamos". Precisamente desde Cestola na Cachola, Xoana Almar destaca pola súa banda que "o Rexenera Fest é un dos encontros máis valorados nivel estatal e mesmo internacional. É moi recoñecido polo trato aos artistas, a liberdade que dan e logo que teñen pezas moi boas. En canto a artistas do país, a nivel estatal fálase do que está a pasar en Galicia. Mesmo sen ter o mellor clima para isto, contamos con moito muro interesante para pintar". Sen considerar que haxa tendencias comúns no muralismo galego, esta creadora si apunta que "hai varias liñas. En moitos autores vese moi clara influencia do deseño e da ilustración, con perfís moi marcados nos seus deseños. Logo hai xente que chega da pintura máis clásica, como é Yoseba, pero non vexo un estilo común".

Xeracións
Mutante Creativo, o colectivo formado por Sokram e Møu que organiza eventos como o Rexenera Fest e o DesOrdes Creativas, lembra que a situación actual ten antecedentes cun traballo consolidado e aínda en activo. "Xa desde os comezos dos anos 2000 xurdiu en España e tamén aquí na Galiza unha nova xeración de artistas urbanos ou muralistas, herdeira da anterior, que estaba máis achegada ao graffiti. Esta xeración comezou a explorar outras tendencias e estilos, chegando a outros terreos nos que se bebía tamén da ilustración, do deseño, das belas artes ou da banda deseñada. Con isto foron acadando certo recoñecemento e expandiron o seu traballo fora da Galiza. Algúns exemplos poden ser Nano4814, Liqen, Pelucas ou Isaac Cordal, que son vellos coñecidos na escena internacional". Logo desta estapa, "xa a partir do final dos dous mil, a cousa foi repuntando cada vez máis, tamén grazas aos eventos que foron xurdindo aquí e ao redor do mundo, cos que se podía dar maior visibilidade e un formato máis grande ás obras. Isto fixo que a escena medrase e fosen saíndo máis e máis artistas de aquí cara a fóra, como poden ser Lula Goce, Sr.X, Sekone, Tayone, Doa, Yoseba MP, Iria Fafián, Sokram, Novenoel, Cestola (Xoana Almar e Miguel Peralta), Møu, Maz, Lidia Cao, Twee Muizen ou Taquen entre outros". A resumir a situación, conclúen que "hoxe en día vemos que a situación goza de bastante boa saúde en canto a talento, proxección e capacidades, con moitas/os das artistas participando en eventos ou exposicións, viaxando e expoñendo por todo o mundo. Hai moi bo nivel".



Murais galegos no DesOrdes Creativas
Fotografías da organización.



Murais galegos no Rexenera Fest
Fotografías da organización.