As paredes galegas están a se encher de cor. Medianeiras e muros de todo o país acollen cada vez máis murais de grande tamaño. A seguir a guía de encontros pioneiros como o DesOrdes Creativas e o Rexenera Fest, múltiples cidades e vilas crean festivais ou programas para decorar o seu casco urbano, dando pé ao xurdimento de toda unha serie de profesionais que atopan neste tipo de obra pictórica o seu medio de vida. Repasamos a situación do muralismo en Galicia, unha disciplina en pleno auxe, nunha serie de reportaxes.
Enormes murais están a se introducir na paisaxe de vilas e cidades do país. A aproveitar en moitos casos medianeiras e mesmo a se empregar como antídoto contra desfeitas urbanísticas, concellos e institucións están apoian a creación plástica neste formato de xeito crecente. "O muralismo sempre estivo aí, pero é certo que desde hai como unha década está a haber unha renovación", sinala Amabel González Troncoso, historiadora da arte e autora dunha tese doutoral pioneira sobre a arte urbana no noso país. "Nos últimos cinco anos hai un auxe importante" no que a aposta institucional polo formato, sobre todo por parte dos concellos, aparece como un factor fundamental.
A normalización
Un dos profesionais que máis éxito está a conseguir no campo dos murais é Yoseba MP. Os seus retratos de mulleres de idade en grande tamaño están a conseguir unha grande sona e poden verse en muros de todo o país. Para el, "o muralismo está a se normalizar, pero isto é algo que está a pasar a nivel europeo". No noso caso, "a partir do DesOrdes Creativas vaise estendendo, e hoxe xa non se pintan murais unicamente nos festivais. Cada vez hai máis concellos que propoñen facer obras, e isto é bo porque estas iniciativas divulgan máis o traballo por todo o territorio. Os festivais están moi ben, e son imprescindibles, pero deste xeito as obras espállanse máis". Precisamente desde a organización do DesOrdes, o colectivo Mutante Creativo, composto polos veteranos da arte urbana Sokram e Møu, apunta que "desde hai xa bastantes anos hai unha moi boa canteira e talento na escena galega. Nos últimos tempos están a aparecer eventos e iniciativas de muralismo ou arte urbana en distintas partes da Galiza, o cal nun principio é positivo e semella unha certa normalización deste tipo de arte. Isto pode dar oportunidades de expresión e difusión á boa escena que temos no país, ademais de achegar traballo e xerar espazos de convivencia e sinerxías entre artistas". Ao seu ver "a situación é positiva pero aínda queda moito por mellorar en moitos ámbitos e tamén por parte das institucións en canto a medios, financiamento, coñecemento sobre o eido e independencia para podermos falar de normalización".
Encontros con diferentes espíritos
Propostas como As Pontes enPEZAS (nada en 2017), Vigo Cidade de Cor (2015), a serie de obras temáticas promovidas polo Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra (2015), ou concursos como "Muros que unen" do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (2017), son algúns dos múltiples encontros que se sumaron nos últimos anos á aposta polos murais. A estes súmanse outras iniciativas máis xenéricas arredor da cultura e a urbana como son Culturban en Lugo, o Marisquiño de Vigo ou o Delas Fest (desde 2019) en Santiago. A outra escala, o encontro das Meninas de Canido en Ferrol desde 2008, e propostas puntuais na Coruña, Ourense ou Pontevedra, entre moitas outras localidades, fan parte do mapa do muralismo no país. González Troncoso apunta que dentro da listaxe de iniciativas "hai programas como o do Consorcio da Ribeira Sacra que está vencellado a temáticas da zona, lendas e historias do lugar", unha aposta similar á de Vigo Cidade de Cor, "onde as obras deben ter todas relación coa cidade, co mundo do mar e outros tópicos. Realmente este foi un proxecto que se creou exclusivamente para facer publicidade e no que o contido era o de menos",critica. Noutros casos combínanse o traballo de profesionais do sector con artistas locais ou propostas de participación veciñal, como é o caso da iniciativa das Pontes. Deste xeito, a investigadora apunta diferentes espíritos entre distintas convocatorias. "As veces aparecen só pola vontade dun político para aproveitar unha moda e facer un chamamento ao turismo. Entón determinados proxectos que poderían ter un pulo máis cultural quedan a medio camiño". Tamén os Mutante Creativo destacan que "nalgunhas ocasións as institucións, entidades ou organismos que promoven estas iniciativas non respectan demasiado certas premisas que nos parecen básicas para que esta actividade manteña a esencia de liberdade de expresión da que naceu. Ás veces estas iniciativas pretenden ou rematan por converterse nunha sorte de domesticación de certos discursos. Coidamos que segundo que institucións deberían asesorarse mellor, documentarse ou trocar a súa forma de enfocar esta arte, buscando persoas ou expertos que coñezan a escena e o oficio, igual que en calquera outro eido. Será o xeito de que artistas e movemento non perdan a autenticidade e a independencia e realmente programar eventos que acheguen contidos cun interese verdadeiramente artístico".
Espazos de liberdade
Nesa liña, González Troncoso destaca os encontros pioneiros que apostan de xeito máis específico por facilitar a expresión dos creadores, en concreto os coordinados por este colectivo. "Casos como o DesOrdes Creativas", nado en 2007 en Ordes, "ou o Rexenera Fest" que comezou en 2015 a encher Carballo de murais, "nos que hai outros estilos e técnicas e onde se permite unha maior liberdade. Isto depende moito de quen organiza o evento, e estes festivais continúan a estar organizados desde a sociedade". Sokram e Møu "son das primeiras figuras da segunda xeración do graffiti galego e teñen unha perspectiva diferente e moi contemporánea. Conciben o graffiti alén da idea do artista que traballa con spray, e aproveitan os encontros para establecer diálogos con xente de fóra". Para alén de servir como exemplos para o resto do país, estas iniciativas supuxeron "un pulo ao implicar que comezasen a vir muralistas de fóra. Os dous festivais teñen uns obxectivos e un xeito de traballar que xeran dinámicas artísticas propias". A defender o seu labor "desde Mutante Creativo cremos que hai que manter e fortalecer estes piares, proporcionándolles a independencia, o coñecemento, os medios e a liberdade creativa necesarias aos artistas cos que traballamos. Así o tentamos facer en cada unha das edicións". Para alén das súas dúas citas máis recoñecidas, o equipo leva tamén estes principios ao Cromático Mural Fest (Cambre) e ao Compostela Contemporánea (Santiago).
Piares de difusión
O carácter pioneiro do festival de Ordes fai que sexa un referente ineludible á hora de falar da evolución da arte urbana no país. "Despois de 13 anos de festival e de ser a día de hoxe o segundo evento de arte urbana máis lonxevo do estado español" despois do Asalto de Zaragoza, "para algúns o DesOrdes é un festival de referencia a nivel internacional e estatal", apuntan os organizadores. De xeito similar "o Rexenera, despois dos seus 6 anos de vida e da listaxe de nomes e de grandes obras que se realizaron durante este tempo, tamén está conseguindo unha moi boa acollida, tanto a nivel local como na súa difusión e expansión". Segundo sinalan, a partir destas iniciativas "foise abrindo un camiño que aínda estaba por explorar e co que se puido amosar o talento existente e emerxente da rica escena que tiñamos e do que se era capaz a facer, dándolle voz ás rúas nun intre ademais onde aínda ninguén apostaba por esta arte nestes lares". Deste xeito, "cremos que se pode dicir que sobre todo o DesOrdes (pero tamén os demais) tiveron un papel relevante a nivel galego e estatal, pero tamén en certa medida no plano internacional, en canto a amosar o talento existente e na posta en valor deste movemento". Os festivais traballaron "amosando as distintas variantes de formato e de estilos e dando oportunidades ás diferentes vertentes que foron xurdindo, traendo artistas locais e foráneos e tanto emerxentes como pioneiros". Para alén das oportunidades creativas para diferentes autores, nos eventos de Mutante Creativo "fomos introducindo distintas actividades paralelas coas que expandir coñecementos a novas xeracións e público en xeral, como foron obradoiros formativos, clases maxistrais, conferencias, mesas redondas, roteiros, proxeccións ou instalacións". As propostas "serviron para que artistas noveis se formasen e se introducisen nesta disciplina dun xeito achegado, directo e ademais gratuíto". Destaca este labor Xoana Almar, muralista que desenvolve o seu traballo desde a cooperativa Cestola na Cachola. "O DesOrdes actuou un pouco como encontro pioneiro, alí facíanse actividades de formación para xente nova e funcionou un pouco como escola. Con isto, a imitación deu en que fose aparecendo xente de calidade". Dentro do proceso de normalización da arte urbana en xeral e dos murais en particular, González Troncoso apunta aínda outro curioso factor. "Luar fixo algo importantísimo pola arte urbana. Durante uns anos levaron grafiteiros a pintar ao vivo durante o programa, e isto mudou moito a visión que tiña sobre eles moita xente de máis de 55 anos. Pasaron de ser considerados vándalos a que houbese moitas encargas de, por exemplo, comunidade de veciños, o que permitiu que moitos puidesen vivir disto. Mesmo houbo artistas que viñan doutras técnicas artísticas que se meteron tamén a traballar sobre o muro. Foi un labor de divulgación impresionante que aínda continúa".
Máis igualdade
Algo que resulta tamén rechamante do movemento do muralismo no marco da arte urbana é a importante incorporación de autoras a este formato. "Houbo un efecto importante de abrir esta arte ás mulleres. Isto está relacionado moito co paso por facultades de Belas Artes" de moitos dos profesionais do sector, algo que para González Troncoso mitigou esa ausencia que se daba na arte urbana. "Nos últimos anos moitas mulleres pasaron a se iniciar no mundo do graffiti e viron que era unha vía para se comunicar. E logo moitas derivaron ao muralismo, que é máis equitativo a nivel de xéneros do que o graffiti". Un exemplo da importancia que está a acadar a presenza feminina na arte urbana é o Delas Fest, encontro que se desenvolve entre Teo, Santiago e Ames e que se define como "primeiro festival de arte urbana feminista de Europa"
O problema da conservación
Dure moito ou pouco a actual aposta polo muralismo, unha cuestión que comeza a aparecer é o problema do mantemento destas obras. "Ao ter unha parte de moda, semella que nos centramos no desenvolvemento dos murais pero non no mantemento. Realmente isto supón moitos cartos, e co clima que temos ao mellor un mural pode aguantar ben entre sete e dez anos. Pero logo hai moitos muros que son edificios antigos e poden durar moito menos". A isto engádese que, malia ao prestixio crecente destas creacións, continúan a ser arte de rúa, e como tal, a exposición ás inclemencias meteorolóxicas e ás transformacións do contexto fan parte da súa esencia. Yoseba MP, lembra que "esta é unha arte efémera, algo que ao mellor non se ten presente cando se encarga. Polo momento esta aposta é moi nova e non se ven moi deteriorados, en Ordes xa se comeza a ve algún, pero para isto está o festival, para rexenerar estes muros". González Troncoso, pola súa banda, adianta que "moitos destes murais quedarán aí ata que alguén veña por detrás e lles pinte por riba, como co graffiti, aínda que repintar un mural é moito máis caro. Sendo realista, gustaríame ver en quince anos como están moitas destas obras. Aínda virá alguén a reivindicar que os musgos e as herbas son tamén parte das mesmas".
Murais e institucións
"A diferenza do graffiti máis convencional, a linguaxe neste tipo de obras é mais sinxelo para a institución porque polo xeral hai unha liberdade máis coartada. Moitas veces dáselle aos autores un tema dentro do que poden facer o que queiran", explica González Troncoso sobre a aceptación do formato no marco da Administración Pública. "Diríase que o graffiti está moi queimado e non se presta para accións de mercadotecnia. Entón dáselle unha nova volta e as institucións semella que están máis abertas a estoutra forma de arte", indica. Ademais, segundo apunta "o muralista non está vencellado á idea de vandalismo, moitos teñen unha formación universitaria". Encol do éxito deste formato nos diferentes concellos Yoseba MP apunta que "é unha arte relativamente barata en relación ao que pode custar unha escultura para pór nunha rotonda e á calidade que ten a obra finalizada. Logo hai zonas nas vilas ás que está moi ben darlles unha limpeza con iniciativas deste tipo, de feito en Ordes naceu como un xeito de combater o feísmo e traballar nas medianeiras máis deterioradas.
Os impactos dos murais
A repasar a súa experiencia na xestión de festivais e na recepción que están a ter os mesmos, os Mutante Creativo apuntan que "agora mesmo no DesOrdes temos ao redor de 80 obras esparexidas por todo o casco urbano da vila, moitas delas facturadas por referentes e figuras pioneiras da escena internacional da arte urbana. Isto é un orgullo, unha sorte e, sen dúbida, un valor patrimonial artístico que cremos necesario pór en valor e conservar de cara ao futuro". Para alén do propio valor da arte, o seu impacto como atractivo e como xeito de paliar problemas urbanísticos está moi presente para estes xestores. "Ademais de rexenerar espazos e convertelos en focos de expresión e de diálogo, esta grande galería de arte a ceo aberto está a xerar un interese cultural co que se atrae a cada vez máis público. A vila non se caracteriza polo seu potencial turístico ou por posuír un valor patrimonial e arquitectónico destacado, senón por padecer dun feísmo urbanístico latente. Polo tanto, este é un valor engadido que se lle está a achegar e que xera unha riqueza a curto e a longo prazo". Do mesmo xeito, en Carballo o Rexenera Fest suma unha corentena de obras. "A nosa experiencia como curadores, ou máis ben curandeiros , como soemos dicir: curamos vilas, a nosa percepción tanto a pé de rúa como vía Internet é que a sociedade está vendo como a arte pode servir á propia sociedade. En realidade sempre estivo aí, e isto é unha reapropiación. E semella que si, que cada vez está sendo aceptada de mellor grado, porque a xente dáse conta dos beneficios que lles achega, non só a nivel cultural, nin estético, non só pola liberdade e a alegría de poder usar a rúa como espazo de expresión, senón tamén polo beneficio social, cultural, urbanístico e tamén económico que deixa nos espazos comúns, neste caso nas nosas vilas".