Naceu, como tantas outras entidades por todo o país, para preservar e divulgar o legado dun escritor. No entanto, a Fundación Novoneyra transformouse nunha importante dinamizadora cultural da comarca do Courel. E aínda máis, mediante un nivel de participación inédito en proxectos europeos, está a amosar novos xeitos de xestionar a memoria deste patrimonio e a súa implicación coa sociedade.
A Fundación Uxío Novoneyra foi no pasado ano a entidade cultural galega que xestionou máis proxectos europeos. Esta iniciativa, modesta en comparación con outras entidades do seu tipo no noso país, conseguiu ademais que o Festival Os Eidos fose finalista aos Premios de Festivais Ibéricos na categoría de Festival non Musical na última edición do certame. Editou neste tempo o disco Uxía-O de Uxía Senlle, que obtivo os galardóns a mellor interpretación, disco e canción nos Premios Galegos da Música de Raíz, así como o galardón a mellor disco Español noutro idioma dos Premios da Musica Independente, no que tamén foi candidato a mellor deseño gráfico.
"A Fundación naceu no verán de 2008, a coincidir coa campaña cidadá que pedía o Día das Letras para o meu pai, da man de amigos e colaboradores", explica Uxío Novo, fillo de Novoneyra e un dos promotores da entidade. Entre os seus obxectivos básicos da mesma están "os de todas as entidades de legado de autor: salvagardar, difundir, conservar e promover o seu legado e obra, tanto a poética como a pictórica que é moi pouco coñecida". Tamén aborda o traballo do autor pola comunidade e a terra, os discursos e os pregóns que deu "ou o rexistro da súa presenza activa nas moitas loitas nas que participou". Nestes anos, a fundación continuou o traballo editorial ao redor do propio poeta, con traducións, carpetas de arte e novas aproximacións á súa obra, ao que sumou a atención doutros autores, a editar antoloxías de poetas novos, labregos, mulleres, ou poemarios de Carlos Oroza. "Tentamos que a obra do meu pai estea viva e activa, e desenvolvemos proxectos que pensamos que poden ser de interese, en sintonía co que el facía en vida", lembra Novo.
A posta en marcha
No canto de apostar por integrar administracións ou grandes empresas, o proxecto comezou a súa andaina a incorporar amizades, familiares e aliados de Novoneyra. "Creamos un padroado no que tentamos atender as diferentes áreas de pensamento do meu pai", explica Novo. "Está organizado por cadeiras temáticas, unha dedicada á poesía, outra de pintura, outra de estudos politicos... a contar con representación de entidades como a Asociación de Escritores en Lingua Galega, que o meu pai presidiu 23 anos, a Real Academia Galega ou SOS Courel". Na listaxe de membros coincidiron políticos como Xosé Manuel Beiras, a poeta Chus Pato, o finado Isidro Novo, estudosos da literatura coma Luís Cochón, artistas como Antón Patiño ou Anxo Pastor canda a outros amigos, como o urbanista Daniel Pino e o fotógrafo Federico García-Cabezón, ademais de parentes do homenaxeado. "Desde o comezo contamos cun grande capital humano que nos acompañou e axudou moito" agradece Novo. A venda de cartafoles de poesía e arte permitiu financiar a constitución da entidade, que naceu como fundación de carácter estatal, algo pouco habitual nas entidades galegas deste tipo. "Pensamos que se meu pai desenvolveu sempre un labor de embaixador da cultura galega fóra de Galicia, tanto na súa etapa madrileña como na presidencia na AELG, a fundación debería seguir este ronsel". A aposta foi, tamén un reto "implica ser auditados co maior control posible por unha administración independente que mesmo ás veces non sabía quen era o meu pai.
Un papel na montaña
Unha parte fundamental do traballo da fundación foi desde o comezo o legado material da casa de Novoneyra, en Parada do Courel. "Hai todo un arquivo documental, literario e artístico, non só del senón tamén de amizades e colaboradores". Entre outros, consérvase no lugar "o maior arquivo de Carlos Oroza, que tamén residiu alí, e de María Mariño, que viviu na escola de Parada, mesmo ao carón da casa. Tamén hai material e cartas de Herminio Barreiro e doutros moitos amigos". O propio autor "tiña claro que era bo deixar estes bens ao servizo do pobo na propia serra do Courel e non quería que fosen almacenados en arquivos institucionais. Pensaba que era no Courel onde podía ser un legado produtivo". Desde esta perspectiva de manter o vencello co seu territorio máis inmediato é que se desenvolveu a actividade da fundación, coa intención de "desenvolver actividades nos mesmos eidos onde el traballou e tentar pular por un desenvolvemento sociocultural sustentable das montañas de Lugo. E procurar que funcionase tamén como un nexo de atracción turística no campo cultural".
Vangardas nas periferias
"As vangardas desenvólvense tanto noutros lugares como nunha aldea do Courel alto", asevera Novo. A exemplificar isto, apunta que "En Parada viviron e escribiron dous poetas homenaxeados co Día das Letras" (María Mariño e o propio Novoneyra), "e un galardoado co Premio Internacional de Poesía Underground" como foi Carlos Oroza. "Iso é algo que non teño coñecemento que suceda en ningún outro lugar de Europa". Desde esta premisa, na entidade defenden que "teñen tanto dereito os montañeses a unha programación cultural de calidade e de vangarda como os composteláns. E desde o comezo desenvolvemos unha programación centrada nos recitais, na escena ou nos concertos". As actividades concéntrase nos últimos anos no verán, xa que "logo de afociñar moito contra as paredes vimos que debiamos concentrar os nosos esforzos nos momentos nos que resultaban máis aproveitables. O Courel é un destino estacional, no verán coinciden retornados e turistas, e é tamén cando podemos xuntar os courelaos". Deste xeito, a última semana de agosto celébrase desde hai xa catro anos o Festival Os Eidos, Membro dunha rede europea de festivais culturais en zonas illadas. "Tentamos que, desde a centralidade da poesía e literatura, haxa teatro, danza e música diversas, e procuramos que sexa extensamente participado coa xente de Parada, Seoane, Moreda e mais aldeas courelás canda a outra moita que nos visita de lugares diversos dentro e fóra de Galicia".
Formación
Unha das liñas de traballo da entidade que menos cadra co concepto tradicional de fundación dedicada a un escritor é a aposta pola formación do sector cultural. "Procuramos facer os cursos que nós mesmos non tivemos ocasión de realizar cando botamos a andar esta entidade", explica Novo. "Pensamos que hai unha necesidade estrutural de renovación da capacitación non tanto no sector cultural senón na sociedade en xeral". Nese sentido, considera que "temos que axudar a capacitar a xente que non vive no Eixe Atlántico, a pór en valor o seu territorio e recursos. O Courel, Manzaneda, Lugo, Ferrol, o Morrazo, a Ribeira Sacra ou Valdeorras son sitios incribles, e temos que os potenciar dende os recursos propios". Nesa liña, logo de celebrar un amplo curso de edición literaria en Lugo, unha das vindeiras propostas da Fundación é un proxecto para formar xente no traballo con pedra en seco, unha técnica que acaba de ser incluída na lista de Patrimonio Inmaterial da Humanidade pola UNESCO. "Trátase dun curso intensivo, parte dun proxecto europeo para recuperar patrimonio e técnicas sustentables e tradicionais. Pensamos que vai espertar moito interese".
Innovación museística
A vivenda familiar, aínda pendente de moitas reformas, tivo que se enfrontar co desenvolvemento da Fundación, ao reto da musealización. "Nese sentido foi fundamental a conservación feita pola viúva de Uxío, Elba Rei e o traballo de deseño do discurso museolóxico que realizou Óscar Penín, antigo xerente da fundación. Non tiñamos nin onde recibir os visitantes, e no canto de nos esforzar por abrir como museo os espazos das cortes, para o que non tiñamos moitos recursos, el viu claro, desde a perspectiva da nova museoloxía, que o auténtico museo era a propia casa, e que era iso o que lle había que amosar a xente". O aproveitamento destas instalacións, o lugar de escrita do poeta e as diferentes estancias do fogar desenvólvese na forma de visitas guiadas e residencias. "Isto funcionou moi ben. O elemento humano é sempre o que leva o peso do discurso, e segundo quen explica e a quen se lle explica vai mudando", lembra Novo, un formato que ademais está a resultar especialmente exitoso entre as visitas escolares. "Os docentes dinnos que o noso é dos poucos museos aos que trunfan nos adolescentes, quizabes por non ser mausoleo-lóxico. Din que empatizan moi ben co noso equipo, porque tamén nós somos empáticos. Aprendemos da necesidade, e iso, coa solidariedade, é o que define o noso estilo mais do que ningunha outra cousa".
Exemplo para outras entidades
Neste reto, e dentro do capital humano co que contaba a entidade, Novo recoñece a importancia da experiencia profesional. "Eu veño da xestión de proxectos europeos", sinala. Canda a el "o noso persoal, para alén do padroado, somos todos xente nova e contamos con moitos voluntarios, todos de diferentes disciplinas. Por outra banda, os contactos con outras fundacións permítennos tamén falar con xente que leva máis de tres décadas a traballar neste campo e hai unha aprendizaxe coral. Tamén por necesidade creamos un estilo diferente de manexar unha fundación literaria". Nese sentido salienta o feito de que "somos unha fundación privada, que naceu despois da crise económica. Desenvolvémonos nun período moi diferente a outras". A innovación que supón o traballo desta entidade aínda está pendente de permear outras propostas deste tipo existentes en Galicia. "Non somos conscientes de estar a ser unha influencia noutras fundacións. Vemos que hai unha réplica no deseño de certas actividades, pero nós tampouco inventamos nada, son cousas que responden á demanda da sociedade, a como se achegan á cultura". A repasar este panorama, apunta que "temos un problema nas fundacións deste tipo en Galicia. E é que, a miúdo pola nosa propia debilidade, estamos moi metidas en nós mesmos. E realmente resulta un labor heroico que algunhas funcionemos. Nós, vendo este panorama tentamos facer algo que non se facía. Había moitas con arquivos e bibliotecas fantásticos, de grande interese, pero non había ningunha que se centrase en ligarse coas do resto do mundo. Nós desde a Fundación Novoneyra tentamos aprender e dialogar con entidades similares doutros países da Europa. Ao igual que facía o meu pai na súa estadía en Madrid, e logo na AELG a través dos encontros Galeuzca, tentamos conectar xente relacionada coa escrita e o lugar de diferentes territorios europeos".
O peso dos fondos europeos
A capacidade de aproveitamento das convocatorias competitivas para proxectos europeos é sen dúbida un risco definitorio da fundación, algo que supón unha excepción no panorama cultural galego. "Aínda hoxe o apoio acadado remitindo propostas a convocatorias das diferentes administracións non pasa do 40% por cento. A maioría dos nosos fondos conseguímolos presentando os nosos proxectos a procesos de concorrencia competitiva", nomeadamente fondos europeos de carácter cultural. Esta modalidade de traballo obriga tamén a apostar por propostas innovadoras e anima a se integrar en programas con metodoloxías ben diferentes ás tradicionais no noso país. Uxío Novo recoñece a importancia de contar coa colaboración das administracións neste sentido. "Estas axudas esixen un cofinanciamento, polo que este tipo de apoio permítenos combinar con outras liñas abertas. Tanto o actual goberno da Deputación de Lugo como os anteriores nos apoiaron. Este último mesmo redobrou a colaboración ao ver as liñas de traballo que estamos a desenvolver".
O panorama do financiamento
Nese sentido avisa da falta de aproveitamento destes recursos non só das entidades do terceiro sector senón tamén das administracións. "Non pode ser que unha da fundacións máis novas e máis febles financeiramente do país sexa a entidade que máis proxectos europeos executa do sector cultural", explica Novo. "O liderado nesta captación de financiamento externo debería ser daquelas que teñen máis recursos para camiñar cara á internacionalización. Nós como organización non lucrativa temos acceso a determinados fondos, pero as administracións públicas son as que máis puntúan para conseguir os fondos máis interesantes e máis dotados. Concellos como Compostela ou a Coruña fano, outros como Lugo e as Universidades estano a o tentar, pero precisamos teimar e afondar neste sentido. A Agadic está moi ben armada para xestionar fondos coma estes e ten o persoal, mais necesitaría dunha antena para a captación de fondos internacionais para o financiamento de industrias creativas". Nese sentido advirte que "somos a única nacionalidade histórica do Estado que non a ten. Madrid, Cataluña, Euskadi ou Andalucía contan cunha entidade deste tipo, e mentres nós somos os que menos captamos per cápita. Estamos a perder uns recursos que son nosos, financiámolos cos nosos impostos. É algo que non é doado e precisa tempo, pero penso que o día que se integren ben estas estratexias xa non se vai parar".
Crowdfunding e patrimonio inmaterial
A aposta pola innovación no financiamento de proxectos culturais é unha das liñas nas que a entidade leva máis tempo a traballar, tanto impartindo formación como desenvolvendo ferramentas. A plataforma Ith Crowndfunding, financiada desde o seu lanzamento con fondos europeos e estatais, foi a primeira galega dedicada a esta forma de financiamento, e achega asesoramento individualizado aos proxectos que participan da iniciativa ou que o necesiten para acudir a outras. "É importante capacitar xente para que sexa activa á hora de procurar recursos e diversificar o financiamento dos seus proxectos, sen agardar a que veñan as cousas ou depender do que decidan institucións e empresas. O crowdfunding está a conseguir cada vez unha maior presenza, con módulos sobre a mesma en cursos universitarios ou en mestrados de xestión cultural. E o mesmo está a acontecer en congresos e encontros que programan contidos sobre financiamento. Agora temos que ir a polo matchfunding", unha modalidade que integra o apoio cidadán coa colaboración das administracións para financiar proxectos. Outra proposta nesta liña que a fundación ten en marcha, tamén no marco dun proxecto internacional é a de "formar xente que traballe coa mocidade en territorios do rural co obxectivo de reactivar o patrimonio inmaterial". Contos tradicionais de Ánxel Fole ou do propio Novoneyra servirán de base para "dotar este territorio dun relato mítico para a súa valoración turística e autónoma propia. Se te baseas en determinados soportes populares ou míticos é mais doado activar un territorio como o noso. Non podemos contarnos, reformularnos sen o patrimonio inmaterial".
Vindeiros proxectos
De cara ao vindeiro ano, a entidade prevé recuperar espazos da casa para usos culturais. "Coa axuda da Deputación de Lugo queremos ampliar a zona de arquivo e habilitar nas antigas cortes salas de exposición para amosar a obra gráfica que custodiamos: obras de Patiño, Laxeiro, Lamazares e moitos outros que agora imos rotando en diferentes cuartos para exhibilas". O organismo provincial anunciou xa un investimento de 15.000 euros con esta finalidade, que se engade a outra de 20.000 para apoiar actividades da fundación. Segundo recoñece Novo, "moitas veces ao comezo do ano non sabemos ben o que imos facer, porque dependemos da resolución das convocatorias, cando as hai. En xeral, tentaremos seguir creando especialistas en cultura co noso selo para que logo se dispersen polo país e apoien outros proxectos". De xeito máis concreto, entre os obxectivos inmediatos está renovar o web da fundación, ou desenvolver a participación do proxecto Erasmus+ que os levou a Turquía xa no comezo deste ano, unha iniciativa para o intercambio de boas prácticas sobre a relación entre museos e centros educativos: "todos os museos deberían ser espazos vivos, de creación, educativos, e para iso cómpre formar públicos, implicar ar comunidades locais".
A resumir a filosofía desta entidade, Novo asevera que "pensamos que o sector cultural é dos máis innovadores, hai determinadas propostas de vangarda, tanto para a cultura como para a cidadanía en xeral nas que o noso país non pode ficar atrás".