Acto de presentación no Salón Teatro Foto: S. Montes
Máis axilidade nos procesos de selección de elencos
Mañá mesmo darán comezo as probas interpretativas para a selección do elenco que dará vida ás personaxes desta obra baseada en ambos textos. De entre as cincuenta persoas que pasaron as fases premias dos baremos agora seleccionaranse as dez que formarán parte da posta en escena. A directora, Gena Baamonde xe se declaraba "ansiosa por comezar a ensaiar" de cara á súa estrea o vindeiro 11 de abril. O controvertido proceso de selección de intérpretes en convocatoria pública aberta mantense tamén nesta ocasión pero para tanto da directora do CDG, Fefa Noia, como a propia Gena Baamonde, advirten nel melloras respecto a anteriores temporadas. "Este ano podemos dicir que avanzou o procedemento en axilidade, en lixeireza e en bo facer", declarou Noia, punto que apoia tamén Baamonde, "avanzouse un pouquiño", asegura percibir a directora que engade que o proceso de baremado previo a ela xa o agradece como un avance e unha axuda ao tempo que recoñece que eses "son os contextos nos que nos desenvolvemos peor". Para Noia este ano aínda no se puideron levar a cabo os cambios que ela agardaba dar a ese proceso que para ela "é unha espiña cravada e que penso que sí se pode mellorar". A directora do CDG fixo mención ao feito de que a Mesa de Traballo convocada desde Agadic cos axentes do sector para tratar ese asunto non se levou finalmente a cabo pola negativa da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) a tomar parte nela. "A min me pareceu un diálogo moi pertinente e sigo coa esperanza de poder retomalo", asegurou Fefa Noia. Fontes da AAAG quixeron matizar que a postura desta asociación sindical de non tomar parte nesa mesa viña da súa visión da necesidade de abordar nela as diversas problemáticas relacionadas co CDG no seu conxunto como "a produción, a distribución ou a burocratización no CDG", din, "mentres que desde a Xunta só se pretendía tratar o tema da contratación única e exclusivamente", aseguran desde a asociación.
Liñas de coprodución, colaboracións e formación
O resto da programación do CDG, centrada baixo a batuta de Fefa Noia nunha apertura e colaboración coas compañías privadas e creadores, ofrecerá tamén un amplo abanico de co-producións e de residencias teatrais, ademais dunha aposta formativa importante. A temporada trae cinco co-producións a levarse ás táboas co apoio do Centro: Doppelgänger, de Berrobambán coa compañía colombiana El Arca de N.O.E, que se estrea este mesmo xoves 24 no Salón Teatro; A compañeira de piso, de Contraproducións; lnvisibles, de Redrum Teatro; Soma, de Javier Martín; e Se fosen turistas levarían gafas de sol, de Limiar Teatro. Dentro do apartado de Residencias o CDG inclúe algunhas xa comezadas e outras por facerse, cono ata nove obras que pasarán polo Salón Teatro de compañías como inversa Teatro, Redrum teatro, Funboa Escénica ou o Colectivo Marciano Balboa. Tamén creadores como Noleia Toledano ou Roberto Salgueiro farán as súas propostas dentro do progrma de Teatro Ob-sceno (a realizarse fora do escenario) que o CDG ven impulsando para obras de formatos escénicos alternativos.
A aposta pola formación como unha das funcións de sentido da compañía pública de cabeceira do teatro galego vese de novo presente nesta ocasión. Oito actividades formativas conforman a oferta do CDG, entre elas unha levada a cabo en colaboración do Centro Dramático Nacional e varios talleres especializados nas técnicas teatrais, entre os que cabe destacar tamén un Taller de competencia lingüística, As cancelas do falar, no que Rosa Moledo abordará a translación dos modelos lingüísticos aos escenarios. Nas súas funcións de apoio á exhibición a sede do centro, o Salón Teatro, acollerá este ano numerosas representacións de compañías de teatro, danza, monicreques e circo, así como música e audiovisual.





