A identidade no centro da escena

O Centro Dramático Galego propón cuestionar a identidade colectiva galega na súa nova temporada

O Centro Dramático Galego propón cuestionar a identidade colectiva galega na súa nova temporada
Foto: S. Montes
Cun paraugas aberto cara abaixo e coa frase Xa non hai que dicir que chove, presentouse xa no fío do cambio de ano o pasado 27 de decembro a temporada 2017/2018 do Centro Dramático Galego (CDG). O fío que conducirá e definirá este novo período da cabeceira pública do teatro galego será o do cuestionamento da identidade galega actual, de aí, segundo a directora do CDG. Fefa Noia, esa simboloxía do paraugas e esa variación do dito popular. Se ben, como unidade de produción que é, a súa única montaxe deste ano, Divinas Palabras, centra a maior atención deste programa son máis as accións e propostas que desde o Centro se fan e moitas inciden nesa idea da busca da identidade actual contrastada coa anterior.

No acto de presentación da temporada o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, deu paso á directora, Fefa Noia, asegurando que con esta proposta ela "vai incidindo nos obxectivos que se marcou cando asumiu a dirección do centro", entre os que destacou a produción propia, as coproducións e as sinerxías cos autores dramáticos actuais, así como a promoción das estadías de residencias na sede do CDG.

A débeda de Divinas Palabras
Divinas Palabras era a obra seleccionada no seu momento para ser a produción inaugural do CDG na súa fundación en 1984. Tal cousa non se puido levar a cabo ante a negativa dos herdeiros, co dereito na man, a permitir a súa tradución ao galego. A extinción destes dereitos o pasado ano xa permitiu a varias obras subir aos escenarios no noso idioma, entre elas Martes de carnaval do propio CDG, e agora permite o pago desta débeda coa historia do propio Centro e co teatro galego. A estrea está prevista o 12 de abril. Por decisión de Noia será Xesús Ron (Vigo, 1965) quen dirixirá a montaxe que contará nos dous papeis protagonistas cos seus compañeiros da compañía Chévere, Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés. O resto dos sete integrantes do elenco está aínda por decidirse no proceso de convocatoria aberta que marca a lei das administracións e coñecerase previsiblemente entre o mes de xaneiro e febreiro xa que o inicio dos ensaios está previsto para o vindeiro 12 de febreiro. A elección do texto en si, foi non obstante unha decisión consensuada entre a propia Noia e o director designado.

Segundo afirmou Noia ao falar sobre a proposta feita a Ron, "non foi fácil convencelo". O director e os membros da súa compañía levaban moitos anos desvinculados das producións que facía o CDG. "Nos costou un pouco decidirnos cando nos chamou para propornos unha produción", confirmou Ron, que en todo momento falou en plural asumindo a encarga máis como compañía Chévere que a título particular, aínda que falase só no seu propio nome, segundo aclarou. A primeira reflexión que fixeron no momento da proposta os levou a pensar que todo indicaba que era unha encarga que non deberían aceptar como compañía polo momento e actividade que Chévere estaba a ter, pero lembra que tamén pensaron que "si Chévere ten algo que aportar para mellorar en algún aspecto a proxección do CDG este sería o momento porque senón ao mellor despois sería demasiado tarde", dixo Ron. "Aceptamos isto como un reto e como un risco", asegurou.

A Xesús Ron facer algo cun texto de Valle-Inclán fáiselle moi alleo á súa práctica teatral habitual de moitos anos e di que polo tanto se achegan ao autor cunha "mirada moi limpa". "Non compartimos esa mirada sacralizada", di sobre Valle-Inclán , "non lle temos medo e seguramente faremos unha barbaridade", comentou. Malia que o director recoñece que é misión dos centros públicos como o CDG establecer a visión canónica de certas obras ou textos recoñece tamén que non é iso o que pretenden con esta produción. "Nós non imos facer este traballo, imos facer todo o contrario: singularizar unha proposta e apropiarnos un pouco desde texto e plantexar un debate se queres máis contemporáneo e que non ten nada que ver co que sería unha adaptación canónica dun texto de Valle-Inclán", di o director.

"A maior parte do tempo que eu dediquei a este proxecto, nos últimos tres meses, foi ao procedemento de selección de actores e actrices, e para o mes que ven vai ser un mes dedicado en exclusividade a isto e non debería ser así, isto debería ser unha operación que non fose tan central"



Completamente alleos ata o de agora ás situacións que deu de si o conflitivo proceso administrativo de contratación de elencos do CDG , Ron admite que "ata o de agora a maior parte do tempo que eu dediquei a este proxecto, nos últimos tres meses, foi ao procedemento de selección de actores e actrices, e para o mes que ven vai ser un mes dedicado en exclusividade a isto e non debería ser así, isto debería ser unha operación que non fose tan central, polo menos en tempo dedicado, non só por min senón por un lote de xente". Resulta rotundo ao afirmar a falta de idoneidade deste procedemento no contexto teatral pero asegura que non é so el quen pensa e sinte así."Ninguén está cómodo, ningún dos axentes participantes, nin a propia administración, nin os funcionarios que o tramitan, nin a dirección e a xerencia do CDG, nin a clase política nin a profesión. Absolutamente ninguén". Desde o punto de vista da dirección artística Ron asegura que a el este sistema non lle facilita o traballo, "non vou a dicir que o impide pero dificulta moitísimo e afecta moitísimo ao tipo de adaptación que nós neste caso queremos facer e nos vimos xa obrigados durante o procedemento a modificar algunas cuestións que teñen que ver co perfil dos personaxes porque son procedementos moi ríxidos e que non recoñecen para nada a natureza do traballo que nós facemos", asegurou. A propia directora do CDG, Fefa Noia, é coincidente no seu pusto de vista oposto ao procedemento pero lembra que na súa opinión "a convocatoria de Martes de Carnaval mellorou a convocatoria de Tartufo e que agora a convocatoria de Divinas Palabras mellorou a de Martes de Carnaval e pensó que o desexable que estea no noso horixonte é a desaparición do proceso como concurso público, pero para iso hai que atopar unha solución dentro do marco legal". Unha mesa de traballo permanente con profesionais do sector ocúpase de buscar esa saída a este tema conflitivo.

Coa producción de Divinas Palabras como única montaxe propia, o CDG repite o esquema recurtado co que leva xa varias temporadas dunha única peza propia por ano, por causas dun orzamento aínda moi mermado respecto a tempos pasados. A situación xa foi lamentada e protestada anteriormente desde asociacións do sector teatral como a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) pola insuficiencia que consideran de tal nivel de producción propia. A directora do CDG coincide que a situación non é a que considera a óptima para a cabeceira pública do teatro galego. "O desexable é que se faga máis dunha producción ao ano -di Noia- non vou dicir un número concreto, pero incluso máis de dúas se fose posible. O desexable é obviamente un centro dramático cada ano máis fortalecido e que medre cada ano máis. ¿Que este ano medramos un paso pequeniño -(refírese a leve subida no orzamento do CDG)- cara adiante? Penso que si. Un paso pequeniño pero deuse e por iso o que temos que seguir é construíndo conseguindo que o ano que ven, cando estemos falando aquí xa poidamos estar falando en plural cando xa falemos de producións propias."


A identidade escríbese de novo

"Hai un momento na vida de todos -dixo Fefa Noia durante a presentación- no que temos que tomar a decisión entre asumir discursos, ideas, constructos que nos dan xa feitos ou construír os nosos propios". A directora do CDG considera que esa necesidade tamén chega para identidade colectiva, da identidade galega, a dos galegos como pobo, "tamén sucede o mesmo", afirma, "temos que empezar a romper eses constructos, a negar determinadas 'verdades' que nos veñen dicindo como tales desde hai moito tempo e que non o son tanto. Por iso igual chegou o momento que xa non temos que dicir que chove, porque non chove. Esta é a idea que vertebra a temporada", explicou.

"Hai un momento na vida de todos no que temos que tomar a decisión entre asumir discursos, ideas, constructos que nos dan xa feitos ou construír os nosos propios"


Ao fío desa intención do debate identitario algunas das coproducións anunciadas e fundamentalmente o programa de actividades DramaTurxente semella ir apoiar nese sentido o debate. Agora mesmo xa é pública e vixente convocatoria para a selección de 10 autores/as para formar parte do grupo de traballo DramaturXa que dirixirá Manuel Lourenzo co obxectivo específico de crear textos sobre a identidade galega na época contemporánea. Fefa Noia explica a súa posta en marcha a raíz das conclusión obtidas das xornadas sobre dramaturxia contemporánea levadas a cabo na temporada pasada coa colaboración da asociación DramaturGA na busca de ideas para fortalecer e apoiar a creación dramatúrxica galega contemporánea. "Chegamos a conclusión que había determinadas medidas que poidamos levar a cabo a curto prazo", explica sobre este grupo de traballo, "reunirase periódicamente entre febreiro e xullo para nese momento ver o froito deste grupo e poder publicar os dez textos xerados dentro da colección de teatro do CDG, así como facer unha selección de tres dos textos para levar un a unha vindeira producción do CDG".

Outra das medidas tomadas en apoio de creadores dramáticos actuáis será unha sección que se creará na nova (aínda por presentar) páxina web do CDG. Esta sede virtual do centro terá un apartado de nome Teatrohoxe, no que trimestralmente algún autor actual tomará o protagonismo publicando nel unha breve peza de reflexión escénica sobre un tema de actualidade da súa propia escolla, acompañando este texto de creación presentarase unha información biográfica e curricular do autor. "A idea é ampliar o escaparate e facilitar que se vexan e se lles coñeza", asegura Noia. O programa DramaTurxente complétase esta temporada con outras dúas actividades, Por unha banda a Lanzadeira, na que 10 autores seleccionados previamente a través de convocatoria pública terán a oportunidade de facer unha presentación como lectura dun fragmento de obra propia sen estrear ante profesionais do sector e público xeral. O Taller de Dramaturxia, que tamén forma parte da actividade formativa ofertada este ano, é a outra das novas propostas que botarán a andar na temporada dentro deste programa.


O CDG como apoio das compañías

Na liña xa seguida na temporada pasada de ampliar o rango de actividade de produción teatral máis alá da única que sairá co selo propio do CDG a entidade pública volve a ofrecer un programa de coproducións que incluso reforza con catro montaxes apoiando outras tantas compañías. Sobre unha destas catro apostas de apoio, a obra #camiños da compañía ButacaZero, escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira, Noia afirmou que se trata dunha proposta que "ven moi ao fío do lema da temporada, porque é unha reflexión sobre que é ser galego hoxe, no século XXI e cómo se consuman determinadas formas de ser ou de estar que nos dixeron que eran galegas e ao mellor non o son tanto ou si, pero o que é ser e estar hoxe en día como cidadáns no signo dos nosos tempos", asegurou durante a presentación da temporada. As outras tres coproducións que podemos agardar para o ano son o espectáculo de circo Arnoia Arnoia, de Pista Catro, baseado nun texto de Xosé Luís Méndez Ferrín e con dirección de Quico Cadaval; a creación de Pablo Fidalgo Anarquismos, con implicación doutras entidades culturais da península; e a xa estreada Elisa e Marcela, de A Panadaría que se prorrogará en exhibición ante a boa acollida que a obra está a ter.

Doutra banda, e seguindo coa liña de colaboracións coas compañías privadas, o programa En Residencia continúa ofrecéndolles o Salón Teatro e a asistencia técnica do equipo do CDG a diferentes compañías galegas para ultimar ou perfeccionar as súas propostas. Polo seu escenario pasaron xa desde setembro Feira do Leste, Javier Martín, Anómico Teatro e Inversa Teatro e nos próximos meses farano Voadora con Garaxe e A Feroz con Afterparty. O público pode gozar de todas elas dentro do programa de exhibición do Salón Teatro, que acollerá igualmente dous novos títulos do ciclo Teatro Ob-Sceno para propostas en pequeno formato que se desenvolven fóra do escenario (Amor, de Helen Bertels, e Deixa de tocala, Sam, de Avelina Pérez), e as últimas achegas de Os Monicreques de Kukas, CAIR Compañía de Circo, Aporía Escénica e Xarope Tulú.

A actividade formativa e a edición do texto de Divinas palabras dentro da colección O papel do teatro completan esta programación.