A continuar a análise do ano a partir dos diferentes ámbitos da cultura, achegamos unha selección dos feitos e tendencias máis importantes da man de tres expertas. Iolanda Casal fálanos sobre os principais avances na ciencia do país, Paula Cabaleiro analiza o que deu de si 2018 no campo da arte e Marta Pérez Pereiro revisa a situación do audiovisual galego neste tempo.
Fontán, o grafeno e a astrofísica pioneira
Iolanda Casal. Xornalista, autora de Investigadoras galegas. Membro da sección de Ciencia, natureza e sociedade do Consello da Cultura Galega.
Neste 2018, o Día da Ciencia en Galicia lembrou o pai do noso primeiro mapa científico. O matemático Domingo Fontán púxolle na primeira metade do s. XIX rostro ao país grazas ao seu empeño persoal. Hoxe é imposible entendermos a ciencia como traballo individual, pero é de xustiza de cando en vez asignarlle o nome e apelidos de quen produce, da man doutros colegas, coñecemento de vangarda, malia o aínda insuficiente financiamento que a ciencia recibe na nosa contorna.
Cos pés na terra que retratou Fontán e traballando en rede con grupos de Cataluña e Euskadi, Diego Peña Gil codirixiu a investigación que sintetizou unha membrana de grafeno poroso, achega publicada en abril en Science e elixida molécula do ano. O tamaño, a forma e a densidade dos seus poros poden modificarse con precisión atómica, abrindo as portas ao deseño de novas aplicacións biomédicas, ambientais ou electrónicas.
Outro fito con apelidos galegos, liderado pola bióloga Marisol Soengas, xefa do grupo de melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas, coñecémolo a piques de pechar 2018: a identificación do papel de coordinadora global da proteína p62 nas metástases deste cancro. Fóra de Galicia segue tamén a traballar o lugués Luis Liz Marzán, director do BiomaGune de Donostia, primeiro galego recoñecido co Premio Nacional de Investigación en Tecnoloxía Química.
E rematamos con Minia Manteiga, primeira catedrática de Astrofísica de Galicia. O seu é un logro persoal, pero a súa singularidade lembra, neste ano de reivindicacións feministas, que o teito de cristal perdura no eido científico.
Deriva(s)
Paula Cabaleiro, directora de exposicións na Fundación Florencio de la Fuente, comisaria do programa Mulleres en Acción: Violencia Zero da Deputación de Pontevedra e codirectora da feira de arte contemporáneo Cuarto Público.
Facendo memoria deste 2018, a arte contemporánea en Galicia semella un buque á deriva, en canto a algunhas das nosas luces guías, dos nosos faros, alén de amosar boa saúde creativa, como sempre demostrou a arte galega en momentos de complexidade. Nun ano que pechamos coa derradeira exposición dun dos espazos museísticos máis relevantes de Galicia, o MAC da Coruña, por non ser unha prioridade estratéxica (nin económica) da actual empresa xerente Naturgy (que recolleu a estela do proxecto fundado pola finada Unión Fenosa), tórnase difícil facer un bo balance. Coa súa colección de arte aínda no limbo, sen ter por seguro que permanecerá na nosa comunidade, todo o sector artístico galego chorra coa nova porque co MAC non pecha só un espazo expositivo, senón unha aposta real pola produción artística contemporánea, pola proxección internacional, pola didáctica e pola mediación unha aposta pola cultura. Un facho da cultura galega que se apaga na cidade do faro máis antigo en funcionamento do mundo. Mais non só é unha perda irreparable para Coruña, senón para Galicia, para a toda cidadanía e, sobre todo, para a comunidade de artistas, que tiñan no MAC un apoio fundamental para a súa tarefa creadora.
Cun museo MARCO de Vigo na deriva, sen saber como será o seu novo proxecto museolóxico (nin por quen será dirixido), pero cunha manifesta e escasa probabilidade de continuar como faro no sur da arte contemporánea, o sector semella quedar un pouco desamparado, aínda que con esperanza. Pode que a nova dirección do Museo de Pontevedra, recupere o pulo pola arte actual que a provincia se merece. É a miña primeira liña da carta ás súas Maxestades de Oriente... Mais non todo é desidia. A arte galega segue a ser referencia dende outros recunchos non menos importantes: a Rede Museística de Lugo recibiu o Premio Internacional Ibermuseos (na Convocatoria de Conversacións 2017) polo proxecto Culturas en Diálogo, unha iniciativa de longo percorrido coa participación de museos, profesionais e persoas de multiplicidade de países, poñendo en valor a(s) cultura(s) contemporánea(s) e a memoria intanxible. Tamén celebramos unha ano no que o Premio Cultura Galega de Artes Plásticas da Xunta de Galicia recaeu na artista uruguaio-galega Luz Darriba, activa e activista con máis de trinta anos de creación nas súas costas, clamando dende a rúa e participación cidadá contra as inxustizas sociais, especialmente aquelas que agreden ás mulleres. Tamén foi neste ano cando a feira Culturgal consolidou o seu Espazo de Arte Contemporánea, participando as artes plásticas e visuais desta festa da cultura galega que celebrou xa a súa XI edición. E remato cun dos fitos máis importantes de 2018: o 25 aniversario da nosa luz guía fundamental, do CGAC. Debates, obradoiros, música, cinema e unha exposición especial de obras da colección, celebraron 25 anos da nosa historia máis contemporánea. Que sexan moitos anos máis de luz. Por favor, queridas Maxestades de Oriente...
Unha nova xeración heteroxénea
Marta Pérez Pereiro. Profesora axudante doutora da facultade Ciencias da Comunicación. Autora da tese Modalidades humorísticas na comedia televisiva galega. Humor e ideoloxía na fórmula televisiva da comedia de situación. Investigadora no campo dos pequenos cinemas europeos.
Se algo pode caracterizar a colleita de filmes galegos de 2018 é a heteroxeneidade das propostas, así como a aparición de novas voces que, no debate sobre a extinción do Novo Cinema Galego, confirman a chegada dunha segunda xeración que ven sumar os seus traballos a un panorama audiovisual de pezas de baixo orzamento singularmente valiosas. Varias operas primas animaron este ano as nosas pantallas, ás que de xeito moi dificultoso chegan producións galegas. Dhogs, de Andrés Goteira, un thriller violento que xoga coa escuridade das novas tecnoloxías e coa participación do espectador, constituíu a gran sorpresa non só por presentar unha temática infrecuente no noso cinema, senón por constituír unha produción amadora e unha realización feita por un neófito no sector cunha extensa cultura visual que traslada á pantalla nesta primeira obra. Tamén A estación violenta, unha adaptación da novela homónima de Manuel Jabois, é a primeira longametraxe de Anxos Fazáns, que rodou unha obra na que o corpo é o principal protagonista dun singular triángulo afectivo. Dous relatos sobre o rural galego, Trote, de Xacio Baño, e Trinta lumes, de Diana Toucedo, completan as estreas de longametraxes producidas ao abeiro do modelo do Novo Cinema Galego. Nun cinema máis comercial, rodado en Galicia con equipo técnico galego, pero rodado en español, atopamos a segunda longa de Dani de la Torre, La sombra de la ley, que se interna no thriller policial, ambientado na Barcelona da década de 1920.
O pequeno formato, a curtametraxe, deu tamén grandes alegrías ao cinema galego. O premio no Festival de Sundance para Matria, de Álvaro Gago, unha ficción realista sobre a vida dunha traballadora dunha conserveira, é o máis destacado dun ano no que se estreou o esperado regreso de Sandra Sánchez con A nena azul e aparecen esas novas voces, un continxente feminino que ven corrixir a histórica escaseza de mulleres nos roles dominantes do audiovisual. Realizadoras como Lucía Estévez, Noelia Muiño, Arancha Brandón ou as irmás Noa e Lara Castro darán moito que falar en próximos anos.
O 2018 foi asemade fecundo en proxectos en desenvolvemento. Tempo vertical, de Lois Patiño, e Arima, de Jaiome Camborda, teñen xa unha versión preliminar, mentres que outros proxectos como a terceira longametraxe de Óliver Laxe, Aquilo que arde, ou Longa noite, de Eloy Enciso, foron rodados nos pasados meses e están en proceso de montaxe. En desenvolvemento tamén están o animador Alberto Vázquez con Unicorn wars, Helena Girón e Samuel M. Delgado coa súa primeira longametraxe Eles transportan a morte e Paula Cons con El Santa Isabel. Estes traballos son garantía de que o 2019 será, cando menos, tan fecundo como este 2018 que logo deixaremos atrás.