Os que xa nos deixaron

Repasamos ás persoas do mundo da cultura que finaron en 2018

Repasamos ás persoas do mundo da cultura que finaron en 2018
O Nadal é un tempo tamén para lembrar os que xa non están. Neste artigo, queremos facer un repaso pola xente do mundo da cultura que nos deixou neste ano 2018.


Fonte: AELG. Autoría: Distrito Xermar (2017)

Isidro novo
O escritor lugués Isidro Novo faleceu 1 de febreiro, aos 66 anos de idade. O autor, que publicara o pasado ano a novela O tabú da traslenda, foi tamén creador de títulos como Por unha presa de machacantes, o poemario Esteiro de noites falecidas ou o libro de viaxes O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar. Ademais, desenvolveu un intenso labor xornalístico, cun programa propio en Radio Clavi, e de dinamización cultural.
Máis información

Anxo Lamas
O 4 de febreiro falecía no Hospital de Lugo o artista chairego Anxo Lamas, logo dunha longa enfermidade. O pintor e escultor, especializado en traballos sobre madeira, contaba con 76 anos e desenvolvera unha intensa lavor como activista cultural da comarca da Chaira
Máis información

Urbano Lugrís Vadilo
O pintor Urbano Lugrís Vadillo, fillo do coñecido Urbano Lugrís, faleceu o 1 de febreiro na súa casa da Coruña. Lugrís, que tiña 78 anos, desenvolveu a súa carreira cun estilo no que mesturaba hiperrealismo e surrealismo e realizou diferentes exposicións en Madrid, Barcelona ou en galerías europeas e americanas. Ao igual que o seu pai, a súa produción ten unha grande presenza do mar.
Máis información

Ramón Chao
O 20 de maio finaba en Barcelona, aos 82 anos de idade, Ramón Chao. O histórico xornalista, Cabaleiro das Artes e as Letras en Francia e Premio Galicia de Comunicación, foi responsable durante anos do servizo cultural en español e portugués de Radio Francia e colaborador de medios como Triunfo ou Le Monde. Comprometido activista a prol da nosa lingua e cultura, foi autor dunha ampla obra literaria e ensaística
Máis información

Berta Cáccamo
A artista plástica Berta Cáccamo (Vigo, 1963) finou o 10 de maio en Vigo "de maneira inesperada", segundo anunciou a editora Chan da Pólvora, coa que a pintura publicou o seu derradeiro libro, Tinta de luz, escrito en colaboración co seu irmán Pepe Cáccamo. Cáccamo recibira o ano pasado o Premio da Cultura Galega no apartado de plástica, e aínda realizou a súa última exposición en 2017 coa Galería Trinta. Iniciouse na arte nos anos 80, vinculada ao Grupo Atlántica, e hoxe en día a súa pintura abstractiva e conceptual figura en destacadas coleccións de todo o país.
Máis información

Benedicto
Mestre, sindicalista pero por riba de todo coñecido como cantautor. Benedicto García Vilar, cofundador do movemento de cancións protesta Voces Ceibes en 1968, faleceu o 4 de xuño en Compostela aos 71 anos por mor da enfermidade dexenerativa que viña padecendo desde hai tempo. O seu labor a prol da cultura do país fora recoñecido nos últimos anos con concertos homenaxes como os que se lle tributaron en Compostela en 2014 e na Illa de Arousa, de onde era orixinario, en 2015. No seu haber, fitos como a gravación de diferentes discos, un longo traballo como sindicalista en Comisións Obreiras, grande cantidade de colaboracións en medios galegos como articulista ou o libro Sonata de amigos.
Máis información



Xabier P. Docampo

Xabier P. Docampo, un dos máis celebrados autores de literatura infantil e xuvenil do noso país, faleceu o 26 de xuño aos 72 anos de idade. O escritor acumulara na súa estensa carreira recoñecementos como o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil de 1995 por Cando petan na porta pola noite e a nivel internacional os seus traballos fixeron parte da lista de honra do IBBY e mais dos White Ravens. Na escrita para adultos aínda no mes de maio de 2018 os premios Gala do Libro recoñeceron A nena do abrigo de astracán, unha das súas obras máis recentes. Para alén do seu labor literario, Docampo desenvolveu un intenso traballo como ensinante e a través de Nova Escola Galega, ademais de ser un dos promotores da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix.

Máis información



Víctor Campio Pereira
O escritor, que faleceu o 24 de xullo, desenvolveu a súa carreira profesional no ensino primario e secundaria no IES As Lagoas, cultivou os diferentes xéneros publicando narrativa, ensaio e poesía. Foi nesta última opción onde máis publicou sendo a súa derradeira obra Quince sonetos de amor e once poemas máis (2011, Deputación de Ourense/Xunta de Galicia).
Máis información

Ernesto Chao
O actor Ernesto Chao finou en Compostela o 6 de agosto de 2018. Foi un prolífico actor que traballou en teatro, cine e televisión, comezando nos anos sesenta do pasado século e que se fixo moi popular entre o público galego polo seu papel protagonista na comedia televisiva Pratos combinados. Ernesto Chao xogou asemade importantes papeis institucionais dentro da profesión actoral ao exercer o cargo de director do Centro Dramático Galego entre 1986 e 1987; presidiu asemade o colectivo Escena Galega e foi tamén presidente da Asociación de Actrices e Actores de Galicia (AAAG) entre 2016 e 2017. Sempre foi un home proactivo na defensa do teatro e da profesión interpretativa e levou as súas reivindicacións ante todas as instancias.
Máis información

Xan Cejudo
O 27 de setembro falecía un dos pioneiros e nome fundamental do teatro galego das últimas décadas. Actor, director e dramaturgo, Xan Cejudo, nado en 1947, tivo un papel destacado na profesionalización do sector logo de comezar a súa carreira no grupo O Facho nos anos 60. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia sinalou nun comunicado que "grazas a persoas como Xan Cejudo, abriuse o camiño polo cal a profesión da escena naceu, medrou e se consolidou no noso país ".
Máis información

Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda
A investigadora especializada na figura de Rosalía Castro Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda falecía onte en Vigo aos 57 anos de idade. A estudosa era membro do padroado da fundación Rosalía de Castro e mais da Fundación Blanco-Amor e era colaboradora habitual de publicacións como o Anuario de Estudos Literarios Galegos, Grial, revista galega de cultura, Follas novas: revista de estudos rosalianos, Boletín da Real Academia Galega ou Festa da Palabra Silenciada.
Máis información

Luís Monteagudo
O que foi director do Museo Arqueolóxico da Coruña, Luís Monteagudo, morreu o 14 de febreiro en Santiago á idade de 99 anos. Luis Monteagudo nace na Coruña en 1919, como profesor na Universidade de Santiago promoveu a primeira campaña de escavacións no Castro de Elviña en 1947, foi director do Museo de Ávila e posteriormente do Arqueolóxico e Histórico da Coruña no castelo de San Antón. Xubilouse no Museo das Peregrinacións de Compostela.
Máis información


Gustavo Pernas no web da AELG Foto: Santos Díez e Eduardo Castro Bal cunha licenza CC-BY-SA 3.0.
Gustavo Pernas
O teatro chorou a perda temperá do dramaturgo, director e intérprete Gustavo Pernas Cora (Viveiro, 1959), que faleceu o 29 de outubro na Coruña. Gustavo Pernas Cora exerceu a docencia na Escola de Imaxe e Son da Coruña e na Universidade da Coruña en materias vencelladas ao oficio da interpretación, tanto na vertente audiovisual coma na teatral. A súa carreira profesional na escena principiou a mediados dos anos oitenta e con ela, e a súa faceta de escritor de teatro, acumulou numerosos premios e recoñecementos
Máis información

Carlos Fernández Rial
Morreu en Bos Aires o 14 de outubro Carlos Fernández Rial, un dos activistas culturais máis relevantes da segunda xeración de galegos na Arxentina. Desde a música, promoveu entidades como Xeito Novo, creada en 1984 para acoller actividades de difusión da cultura galega en Bos Aires, e que conta con máis de trescentos cincuenta asociados.
Máis información


Manu Lago
Manu Lago García, Manu Malabaranda falecía o15 de decembro. Lago, un dos membros fundadores da compañía PistaCatro estaba considerado un dos máximos expoñentes do circo galego. Formado en Londres e con diferentes mestres internacionais, creou a compañía Malabaranda e desenvolveu distintos espectáculos como Kamikaze, Purgatorio, Desperta! con PistaCatro, contribuíndo de xeito decisivo á popularización das artes circenses. Outono foi a última montaxe no que participou activamente.
Máis información