10(+1) acontecementos da cultura galega en 2018

Repasamos a información cultural do ano

Repasamos a información cultural do ano
María Victoria Moreno foi a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018
O ano 2018 e é o momento de comezar a repasarmos o que deu de si un ano intenso en actividades, en debates e noticias culturais. O destacado papel da muller na cultura galega este ano, o protagonismo do debate ao redor do patrimonio cultural vinculado á familia Franco ou os debates ao redor do futuro dos centros de arte contemporánea. Neste ano, con todo, ademáis das dez novas escollidas, decidimos engadir unha sección permanente nos vindeiros anos: o Xacobeo.

A primeira lei de espectáculos públicos entrará en vigor en xullo
2 / 1 / 2018
Comezaba o 2018 coa publicación dunha regulación do sector do entretemento público, dirixido claramente a espectáculos musicais públicos: concertos, festivais, verbenas... O texto era recibido primeiro dun xeito morno na agarda de ver como se desenvolvía, pero a falta de aclaracións e creación da Comisión reguladora comezou a asustar ao sector cando faltaban apenas dous meses para a súa entrada en vigor. Os establecementos hostaleiros da capital galega e a súa comarca deixaron de programar actuacións e os artistas, agrupados na asociación Músicas ao Vivo saíron á rúa nunha protesta por un marco legal no que desenvolver o seu traballo. Dun xeito exemplarizante na capital galega se promulgaron convenios e finalmente se modificou a ordenanza municipal para que a cidade non perdese a achega cultural musical cotiá. Verbenas e festivais se viron tamén afectados a nivel administrativo polo novo texto, máis enfocado cara a cuestións de saúde pública que a protexer o dereito ao acceso á cultura, segundo se debatía nos círculos especializados. Quedan por resolverse aínda desenvolvementos normativos e cambios noutras regulacións que afectarán ao resultado final.

A Xunta inicia a incoación da Ribeira Sacra como paisaxe cultural
3/1/2018
A pioneira declaración como Ben de Interese Cultural de toda unha área como é a Ribeira Sacra consagra as novas perspectivas sobre a paisaxe cultural considerada como patrimonio. Na mesma liña, as candidaturas desta mesma comarca e mais do Parque Nacional das Illas Atlánticas á UNESCO amosan o peso que está a acadar a idea de paisaxe na política cultural da Xunta, tanto a nivel patrimonial como turístico e de proxección internacional.
Feminismo, liberdade de expresión e Dhogs
5 / 3 / 2018
O 2018 serviu para recoñecer un futuro que ven a axitarnos da man dun audiovisual independente e atrevido. A opera prima de Andrés Goteira, financiada con micromecenado, arrasou na edición máis feminina dos Premios Mestre Mateo do audiovisual. As trece estatuíllas recollidas polo filme viñan acrecentar un palmarés que o filme non fixo máis que aumentar ao longo de todo o ano no seu paso por festivais nacionais e internacionai. Dhogs, un filme nacido do micromecenado e da colaboración e que representaba ao mesmo tempo unha ruptura na narrativa máis convencional, entrou no audiovisual galego como un vento fresco e esperanzador que foi recoñecido desde a propia Academia Galega cos seus galardóns. Ao estupendo horizonte de futuro do bo facer dun director novel como Andrés Goteira sumouse tamén Álvaro Gago coa súa curtametraxe Matria. Gago comezou o ano recibindo o Grande Premio do Xurado no prestixioso festival de Sundance, venceu tamén na súa categoría dos Mestre Mateo, arrasou no festival de Cans e agora entrou na fase de finalista do Premios Goya que se decidirán en 2019.

A homenaxe a María Victoria Moreno pon sobre a mesa aspectos pendentes de recoñecer na cultura galega
26/04/2018
A homenaxe do Día das Letras apontoou a crecente visibilidade da muller no mundo da cultura galega. Outros fitos como o nomeamento de Rosario Álvarez como primeira presidenta do Consello da Cultura Galega, os tres premios nacionais que obtiveron Ana Romaní, Neila García Salgado e María Xesús Lama, a incorporación á Academia Galega de Belas Artes de Menchu Lamas e de Soledad Penalta ou os premios Otero Pedrayo a Antía Cal e María Xosé Queizán amosaron tamén a tendencia crecente a visibilizar os nomes propios femininos da nosa cultura. Outros fitos nesta liña foron o decálogo de medidas pola igualdade da Academia do Audiovisual, o manifesto a prol da presenza feminina no mundo da música, a nova colección Feminismos de Galaxia, as xornadas de Mulleres na Industria Musical ou mesmo o éxito da obra teatral Elisa e Marcela de A Panadaría Teatro.

Núñez Feijóo anuncia a construción dun novo edificio de uso universitario no Gaiás
29/05/2018
O anuncio do Edificio Fontán na Cidade da Cultura aparece como unha nova con dúas vertentes aparentemente opostas. Por unha banda a nova obra supón unha renovación dos investimentos en infraestruturas culturais no criticado complexo do Gaiás. Pola outra, e segundo anunciou a Xunta, marcará cando se remate o punto e final ao longo desenvolvemento deste conxunto.

As cores do Pórtico da Gloria preparadas para abraiar
28 / 6 / 2018
Foi unha das novas do ano, sen lugar a discusión. A presentación e posterior apertura ao público dun dos procesos de restauración patrimonial máis longos, caros e con expectación internacional de Europa. Tras máis de dez anos de traballo a recuperación das capas cromáticas da obra cume do barroco europeo permitiu á nosa xeración observar un Pórtico da Gloria que moitas xeracións anteriores nunca chegaron a ver. Longas colas multitudinarias encheron a Praza do obradoiro día tras día para acceder a esa primeira quenda de exposición pública e, pasado ese momento, estamos aínda agardando unha nova apertura. A polémica tamén rodeou este tema ao ser comunicada, por parte do Arcebispado de Santiago a intención de comezar a cobrar pola visita ao monumento do Mestre Mateo, cuxa obra en conxunto ven de ser declarada BIC.

O Parlamento chama por unanimidade a recuperar o Pazo de Meirás
12/07/2018
Se por algo se caracterizou o 2018 foi nun debate de a cabalo entre o cultural e o político: a acción ao redor dos bens da familia Franco, nomeadamente o pazo de Meirás e as dúas estatuas do Mestre Mateo pertencentes ao Pórtico da Gloria que posúen os herdeiros do dictador. O 12 de xullo o Parlamento galego aprobou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a realizar accións que permitan “reintegrar as Torres ou Pazo de Meirás ao ámbito dos bens de dominio público da Administración do Estado”, logo das numerosas accións levadas a cabo por colectivos, o concello de Sada ou a Deputación da Coruña. A Xunta reclámalle aos Franco a biblioteca de Pardo Bazán, ubicada no mesmo pazo. O Parlamento tamén reclamaba a devolución das estatuas do Mestre. Xa en febreiro, a Xunta incoaba o procedemento para declarar bens de interese cultural as estatuas.

O Museo de Arte Contemporánea da Fundación Naturgy fecha as súas portas
23 / 10 / 2018
Baixaron as augas revoltas no 2018 para a arte contemporánea. O anuncio de feche do MAC da Coruña e a incerteza sobre o destino da súa colección foi a noticia que daba a última das alarmas sobre un sector que xa estaba axitarse desde un tempo atrás. No 2017 comezou unha inacabada crise co MARCO de Vigo que neste 2018 provocou un manifesto de protesta dos artistas galegos e outro de rexeitamento a tomar parte nunha exposición, Ademais sucedéronse dúas dimisións, a da presidenta da asociación Agrupación de amigos do MARCO, Daniela Sarraíno, e a de Agar Ledo, responsable de exposicións do museo vigués. A deriva de ausencia de dirección da institución viguesa e de programación de exposicións afastadas da arte contemporánea, ten agora como horizonte a asignación da praza vacante, recentemente sacada a concurso público. Pola banda do centro coruñés, as administracións públicas, encabezadas polo Concello e coa participación de Deputación e Xunta, tamén comezaron conversas para tentar evitar a súa desaparición, 2019 pode traer, se non esperanza definitiva, talvez si enfilar a vertixe da situación.

“>A Cidade da Cultura abre a mostra “Castelao maxistral”
4 / 10 / 2018
A poliédrica figura de Castelao está a ter un novo auxe en 2018. Dúas exposicións concentran a atención sobre a figura en Compostela. Na Cidade da Cultura, a exposición “Castelao Maxistral” arroupa o emblématico cadro A derradeira lección do mestre, traído de Bos Aires para a mostra. A exposición, comisariada por Miguel Anxo Seixas, contextualiza o labor dos mestres durante a Segunda República e permite observar a obra de Castelao relativa ao ensino. A súa inauguración non estivo exenta de polémica ao redor da interpretación do cadro e suscitou un debate ao redor de se o cadro debera retornar a Galicia.
Da outra banda, a igrexa de San Domingos de Bonaval acolle a exposición “Alba de Gloria de Castelao. Unha experiencia”, que explica o discurso máis celebrado de Castelao, no 70 aniversario da súa lectura no Teatro Argentino de Bos Aires, un 25 de xullo de 1948. A mostra, comisariada por Manuel Gago, fai dialogar as figuras históricas mencionadas por Castelao co propio Panteón de Galicia e inclúe unha novidosa experiencia de realidade virtual.


A proxección internacional centra os obxectivos estratéxicos do Xacobeo
14/11/2018
Comeza a conta atrás para o Xacobeo 2021, o evento que concentrará unha significativa parte dos esforzos turísticos e culturais da administración autonómica durante os vindeiros anos. En xaneiro a Xunta aprobaba o decreto que regulaba as funcións da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, e en febreiro nomeábase a comisaria do Xacobeo 2021, a ourensá Cecilia Pereira, unha xestora cultural de dilatada experiencia. A relevancia do proxecto autonómico é tal que provocou mesmo a reorganización da estrutura, dividindo a Consellería de Cultura e Educación e integrando a Axencia de Turismo dentro de Cultura. Román Rodríguez, á fronte da nova Consellería de Cultura e Turismo, será o responsable político da organización do evento. Hoxe publicouse no DOG a reorganización da estrutura da Consellería encaixando os cambios de competencias. Nestes momentos, o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 está en fase de redacción, aínda que xa hai eventos que se están producindo coa sombra do Xacobeo, coma o festival Son do Camiño que se celebrou este verán en Santiago.