En culturagalega.gal continuamos co noso repaso do ano. Desta volta, a partir de múltiples voces de especialistas que ollan cara atrás no ano e seleccionan as tendencias e as obras que consideran máis representativas. Hoxe tes a primeira entrega, coa participación de Manuel Bragado sobre literatura, Roberto Pascual sobre artes escénicas e Ana González Lista da música.
O ano das escritoras
Manuel Bragado. Mestre e editor.
Neste 2018 que remata identifico na literatura galega tres liñas que o singularizan: o protagonismo das escritoras, o regreso aos andeis dos narradores dos oitenta e a intensificación da mobilización literaria.
Sen dúbida foi este o ano das escritoras, sexa pola homenaxe a María Victoria Moreno, que reeditou o éxito da celebración do día das letras galegas nas escolas dos anos dedicados a Carlos Casares e Manuel María, como polo protagonismo de escritoras de diversas xeracións no interese das lectoras. Eis a publicación de Vivir a galope, o groso libro de memorias de María Xosé Queizán, unha das candidaturas máis firmes ao libro do ano, xunto a outras novidades como A balada dos unicornios de Ledicia Costas, autora que foi traducida este ano a media ducia de linguas (entre elas coreano, búlgaro e italiano); Besta do teu sangue de Emma Pedreira, novela gañadora do Premio Xerais 2018; ou a edición da Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias, unha autora esencial na literatura galega de entre séculos, que despois dunha década volve á actualidade.
Foi tamén este 2018 o ano das Pioneiras de Anaír Rodríguez (Xerais), un libro divulgativo de grande acollida, que puxo en valor a mulleres invisibilizadas da nosa historia, da posta en marcha da colección Feminismos da Editorial Galaxia e da consolidación da serie «Mulleres bravas da nosa historia» de Urco editora.
Outrosí sucedeu co incremento protagonismo das escritoras nos premios literarios: Chus Lama obtivo o Premio Nacional de Ensaio por Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia); Lupe Gómez o Premio da Crítica por Camuflaxe (Chan da pólvora); María Reimóndez o Johán Carballeira de poesía por Galicia en bus (Xerais); Emma Pedreira o premio da Crítica de narrativa por Bibliópatas e fobólogos (Galaxia); Eli Ríos o González Garcés de poesía por Ningunha tortilla é mala; Rosa Aneiros o Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil por Tres bichicomas, dúas illas e unha serea; Ana Cabaleiro o García Barros por As Ramonas (Galaxia); Antía Yáñez o Illa Nova por Senlleiras (Galaxia); An Alfaya o Raíña Lupa por O grupo (Xerais), entre outras autoras premiadas dunha relación que sabemos máis estensa.
Como tamén foron moi salientables outras novidades das nosas escritoras como Maternidade fóra de catálogo (Xerais) de Marga Tojo; Noites de safari (Xerais) de Marlen Malone; Natura (Galaxia) de Iolanda Zúñiga; Tu contas e eu conto (Através) de Susana Arins; Um elefante no armário (Através) de Teresa Moure; O puño e a letra (Xerais) de Yolanda Castaño, que inaugura o xénero do poemic na edición galega; ou reedición de Adiós María (Galaxia) de Xohana Torres.
Como non deben ser esquecidos os debuts no eido da narrativa de Rosalía Fernández Rial con Bonus Track (Galaxia), de Pilar Ortega con Principio de incerteza (Xerais) e Moncha Fuentes con O mar que nos leva (Xerais) e no da poesía o de Lucía Aldao con Todo isto antes era noite (Apiario).
Fenómeno que na crítica literaria se produciu co activismo do grupo A Sega ou co traballo teimoso de críticas como Mercedes Queixas, elixida como membro correspondente da Academia Galega, Montse Pena Presas, Montse Dopico, Berta Davila, Pilar Ponte, Susana Pedreira, Isabel Mociño, Eulalia Agrelo, Lorena Domínguez, entre outras.
Foi 2018 o ano de regresos agardados aos andeis das librarías de narradores dos oitenta e comezos dos noventa, en boa medida hoxe convertidos en clásicos contemporáneos, nalgúns casos tras anos de silencio editorial: Suso de Toro con Fóra de si (Xerais); Manuel Rivas con Vivir sen permiso (Xerais); Xavier Alcalá con The making of (Galaxia); Cid Cabido con Tres pintores, noveliña gañadora do Premio Ánxel Fole de narrativa, Antón Lopo con Extraordinario (Galaxia), Premio Repsol e Bieito Iglesias con Guías caninos (Aira editorial).
Por último, en 2018 intensificouse a mobilización literaria, promovida polas editoras, librarías, clubes de lectura, centros educativos, concellos como dos propios autores e autoras, que procuran o contacto directo co público. Entre os numerosos feitos a salientar está o éxito rotundo dos roteiros literarios polas cidades, que en casos como os do escritor vigués Pedro Feijoo, que presentou este ano Sen piedade (Xerais ) e Camiñar o Vigo Vello (Xerais), foron percorridos por centos de lectores e lectoras. Como tamén é obrigado parabenizar a mobilización dos editores, singularmente de Xerais, Galaxia e Urco, organizadores de centos de presentacións literarias ao longo de todo o ano e de todo país, un fenómeno ao que non é alleo o activismo dalgunhas librarías e, sobre todo, dalgúns autores e autoras en xira coas súa snovidades. Mobilización literaria consolidada nos novos eventos de referencia no sector, Culturgal en inverno, as Festas dos libros de Pontevedra e a Selic de Compostela na primavera, e a praza dos Libros de Carballo e as feiras do libro de Vigo e da Coruña no verán.
Luces e sombras nas artes escénicas
Roberto Pascual. Profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. Director Artístico da Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia.
As luces e as sombras semellan ser unha constante nos últimos anos das Artes Escénicas galegas. O ano que remata semellou afianzar esa sensación e situación para este sector cultural
Nas luces de cor, a proxección e alcance de compañías novas como A Panadaría dentro e fóra do país co seu Elisa e Marcela, unha peza musical minimalista e humorística que reivindica a liberdade afectivo sexual a partir dunha historia que, non por ser tratada con purpurina de cor, deixa de amosar esa traxedia que o público, intelixente, sabe atopar no material real a partir do cal se crea esta peza. Luz maxistral a de Cándido Pazó, un dos grandes valores da nosa dramaturxia demostrado novamente cunha compañía de repertorio que crece en diversidade e calidade: Contraproducións pecha o ano con dúas coproducións en xira que, na nosa óptica, forman parte da meirande calidade da carteleira galega, Fillos do sol co FIOT a partir da biografía de Pondal e a actualizada versión de Commedia coa MIT de Ribadavia 35 anos despois, que nos serve tamén para ver o fondo e a (boa forma) actoral do elenco orixinal e das novas incorporacións. Luz seminal o Proxecto Berberecheira de Chévere, iniciativa de custodia do territorio teatral, como define Xesús Ron a este proxecto de apoio e mentorización a artistas escénicos sen compañía para desenvolver pezas de teatro documento con asuntos vividos polos propios intérpretes: a Goldi Libre e Salvador, súmase con éxito, denuncia, poesía e humor Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro.
Nas sombras do silencio, adormecido, o Centro Coreográfico Galego. Na sombra neboenta da burocratización e do desleixo, unha AGADIC ineficiente, que alén de sumar polémicas (a externalización encuberta da produción do CDG de Divinas Palabras Revolution con Chévere, interesante peza esperpento 2.0 con formato reallity televisivo), suma apatías, abandonos e desconsideracións de plans estratéxicos, adicándose a dispensar esmolas sen ordenación de obxectivos para o sector. Na sombra do recorte e da mortalla, un CDG sen velas nin moeda, navegando a todas as augas e a ningunha, afastándose do público e da idea de teatro nacional, ás portas do centenario da creación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego. Mala honra aos devanceiros, mal tratada a memoria de bondade e xenerosidade de Díaz Baliño, Quintanilla, Osorio Docampo, Villar Ponte Sombras indignas para un teatro que cada vez se proxecta con meirande dignidade fóra do noso territorio (velaí o Soño de Voadora ou a crecente proxección de Ibuprofeno ou Tanxarina Títeres, entre outras), desasistido institucionalmente pero acompañado por iniciativas fortalecedoras coma as Residencias Paraíso (non son estritamente proxectos de residencia escénica, pero si de acompañamento e estímulo á creación no ámbito das Artes do Movemento nun mapa diverso de espazos por todo o país), o novo Premio para esa Dramaturxia Galega puxante (con nomes coma Lina Pérez, Ernesto Is, Esther Carrodeguas, Vanesa Sotelo, Roi Vidal ) que leva o nome do Laudamuco de Vidal Bolaño e impulsa o Concello de Brión xunto con Edicións Positivas e a Academia Galega de Teatro ou por novas iniciativas que cómpre saudar coma a da Fundación Manuel María co seu certame de proxectos teatrais, do que resultou gañador na súa primeira convocatoria Teatro da Ramboia con Raiolas entre a sombra.
Estourido de talento e renovación
Ana González Liste. Xornalista e colaboradora na revista cultural Inorantes. Esta selección e comentario son asinados por ela en colaboración co resto da equipa de Inorantes.
A escena musical galega camiña entre a renovación e a saturación. Saturación de festivais que emerxen como a opción cultural fácil, dunha oferta moi semellante baixo unha pseudoetiqueta indie que non é mala de por si, sempre que sexa nas doses axeitadas. Temos unha burbulla de festivais que non tardará en estourar e cómpre preservar do estoupido as propostas con personalidade coma son o Noroeste ou o Sinsal, o Wos ou o Melona Fest.
Respírase xa certo alento prexacobeo nos grandes eventos musicais galegos. Pero a oportunidade que nos vai regalar o 2021 -e os anos previos- vén acompañada dun perigo: a megalomanía. E este fenómeno xa o coñecemos ben. Temos a oportunidade de traer o verdadeiro foco musical a Galicia e de facer unha aposta polo talento galego; este non pode quedar relegado ao recheo dun cartel cuxos nomes en grande -nun tipo de letra maior cá da súa grandeza real- son todos foráneos.
Vivimos nun país no que ferven as bandas. Estamos a experimentar unha renovación do trad -algo orfo nos últimos anos- grazas a músicos como Xabier Díaz ou Alejandro Guillán con Baiuca. Con-tamos con algúns dos grupos femininos máis destacados do panorama estatal, como Bala, Agoraphobia, Marem Ladson ou Mounqup. Puxemos a península a bailar cumbiatune desde Santiago con Esteban&Manuel. Todo este talento precisa de apoio e visibilidade.
O Liceo Mutante en Pontevedra, La Melona en Santiago, A Nave 1839 na Coruña, El Pueblo en Ourense, a Asociación Tele-Clube en Lugo ou Seara Records en Vigo demostran o importante papel que a autoxestión está a cobrar na nova escena musical galega. Este 2018 foi o ano o da súa consolidación, ofrecendo alternativas moi recomendables para públicos diversos. Agardamos que o 2019 sexa o ano de todas e todos os que loitan para que a nosa música manteña a súa boa saúde.