Música con eco exterior

Mergullámonos nas listas da crítica musical estatal do 2018 para sinalar os recoñecementos da nosa canteira máis alá dos bordes do país.

Mergullámonos nas listas da crítica musical estatal do 2018 para sinalar os recoñecementos da nosa canteira máis alá dos bordes do país.
A colleita musical galega do 2018 foi, sen dúbida, positiva en moitos aspectos malia crises lexislativas e discográficas os nosos artistas non só mantiveron o nivel senón que se superaron en moitos aspectos. O seu talento non quedou restrinxido ao eido interior dos bordes autonómicos e a escena estatal tamén recoñeceu a calidade das propostas do 2018 a través das listas anuais que publican os medios especializados. Xornalistas e críticos musicais recollen xa por completo, cando levamos percorrida a metade do mes de xaneiro, os seus destaques da produción musical do pasado ano e nós mergullámonos neles para traer as presenzas que a nosa escena conseguiu facer máis visíbeis a nivel estatal. En total oito listas de relevancia recollen unha ou varias mencións da nosa música en todos os xéneros, cunha gran presenza das músicas máis alternativas e independentes.



Solpor folktrónico que ilumina
Destaca unha das apostas máis arriscadas e liberadoras do ano, a "folktrónica" de Baiuca (nome artístico do produtor arousán Alejandro Guillán ), que co seu disco de debut Solpor (Warner Music) revisa o repertorio máis tradicional disipando fronteiras entre esta, a música de club, a world music, as gravacións de campo e o beat da máquina. Baiuca ven ademais de ser o elixido para ambientar a entrega dos Premios da Cultura Galega da Xunta, razón de máis para destacar as súas mencións. O disco é un dos tres galegos (con Cancións clínicas, de Chicharrón e o homónimo de Músculo!) destacados polo blog Ultrasónica, do xornalista Xavier Valiño, que ademais o coloca como o oitavo entre os 20 mellores traballos nacionais, dándolle ao disco de Chicharrón o sexto posto na mesma lista. A revista Mondo Sonoro coloca Solpor no posto 39, entre a selección xeral dos corenta mellores traballos estatais do ano como única representación galega. Xa nas listas especializadas por xéneros a publicación inclúe outras tres referencias da nosa escena. Déixaas, de Mercedes Peón, consegue o noveno posto entre os dez álbums destacados de "World Music" nacional e na lista dedicada a "Americana/ Folk" aparece o primeiro disco da ourensá Marem Ladson, Marem Ladson, co posto 5, mentres que no posto 8 está o disco Plastic Jail dos vigueses The Soul Jacket.



Disco las Palmeras! Acada recoñecemento
O traballo de debut de Ladson consegue tamén entrar entre os 20 discos nacionais a destacar do reputado blog El Quinto Beatle, como a 19ª selección da lista. Pola súa banda o disco de The Soul Jacket acada un meritorio terceiro posto entres os 15 de toda España que este ano selecciona a veterana revista Ruta 66. No Dod Magazine dous son os nomes da produción galega que acadan un lugar entre a súa escolla dos 40 discos nacionais do 2018. Os vigueses Basanta, meten o seu primeiro disco, Colorama, na liña 35 do listado e aparece aí outra das apostas fortes do ano con Disco Las Palmeras! e o seu Cálida (Sonido Muchacho) que aparece no 12º lugar da selección. A formación, que este ano actuará durante a entrega en Vigo dos Iberian Festival Awards, ve tamén recoñecido este novo disco cun importante 21º posto na lista dos 50 álbums nacionais do magazine Muzikalia. A mesma publicación selecciona tamén no 48, case pechando a lista, o disco Cena recalentada (Warner) co que Iván Ferreiro versiona e homenaxea aos Golpes Bajos. O traballo do vigués é o sétimo mellor disco estatal do pasado ano para a revista EfeEme entre eses poucos vinte que destaca.



Cancións e concertos
Alén do que son os recoñecementos aos traballos discográficos algunhas destas publicacións especializadas engaden tamén outras seleccións como poden ser as de mellores, cancións, concertos, vídeos ou reedicións. Neste último caso a revista EfeEme quixo destacar o acerto na reedición no 2018 por parte do selo Subterfuge do disco Memorias do Óxido da desaparecida formación punk coruñesa da década dos 80 Radio Océano, liderada polo Johnny Rotring (o xornalista Xosé Manuel Pereiro). Nas listas das canción nacionais do ano tanto o magazine Muzikalia como a revista Rock de Lux coinciden en destacar o tema que este ano publicou Triángulo de Amor Bizarro, Les llevaré mi cruz, dentro do EP El Gatopardo (Mushroom Pillow). Para o RdL o tema é o 12º entre os 25 mellores do ano e para Muzikalia compre destacar tamén os directos de TAB no ano rematado. Outros concertos como o das Agoraphobia, na súa xira de presentación de Incoming Noise, mereceron tamén unha mención por parte de RdL que as situa no posto 24 entre os trinta mellores concertos nacionais. Para a revista Ruta 66 os concertos dos coruñeses Fogbound foron merecedores do segundo posto na súa exclusiva lista de cinco seleccións.



No complicado mercado e variada escena musical estatal algo máis dunha ducia das nosas referencias acadaron polo tanto un recoñecemento que sen dúbida servirá de impulso para a súa promoción e como apoio da súa actividade. Sen dúbida que a estas alturas do ano 2020 estaremos de novo comentando unha boa acollida das propostas xurdidas da canteira musical galega entre a crítica especializada.