Catorce mil cincocentas persoas se achegaron este ano ata as instalacións do pazo da Cultura de Pontevedra e accederon a Culturgal, a feira das industrias culturais de Galicia, segundo veñen de confirmar desde a organización do evento. A feira deixaba atrás os seus primeiros dez anos de existencia e entraba a comezar unha segunda década moi centrada inicialmente no público baixo o lema Ti levas o compás na Culturgal. Malia ese claro enfoque a cifra de visitantes semella estar estancada desde que se leva constancia deles a través da venda de entradas. Xa en 2013 se contabilizaban 14.000 asistentes, pero semellaría que, ou ese é o seu tope de acollida ou que somos sempre os mesmos os que quedamos alí cada ano como nunha cita previa ao Nadal para vernos, poñernos ao día e mercar os agasallos para as datas festivas posteriores. En total máis de 80 postos e máis de 120 actividades fixeron parte do evento e cada un fala da feira segundo lle vai nela, como non podía ser doutro xeito.
O director de A Central Folque bota en falta a presenza das artes escénicas como compañías de danza, teatro ou circo ou o audiovisual e chama a reflexionar á organización sobre porque desapareceron da feira estas presenzas. No mesmo sentido de botar en falta a presenza de artes vivas está María Meijide: "Creo que lle falta un pouco de diversidade. Porque hai moito tema libro e moito tema crianza e igual máis expositores de diferentes ámbitos lle darían máis riqueza". Industrias culturais sen artes escénicas ? Unha das poucas representacións que quedan entre os postos da Culturgal como referencia das artes escénicas e o da compañía Talía Teatro, xunto a eles está a representación máis institucional da Asociación Escena Galega. O posto de Talía presenta un aspecto moi sobrio, apenas un fondo de cor vermella co logotipo da compañía e uns sofas a xogo creando un espazo de faladoiro case escénico, aberto ao corredor, ningúnha información sobre obras en cartel nin outros engadidos. O director da compañía, Artúr Trillo, tamén se cuestiona se ese é o sitio xa para a súa presenza. Malia ter estado en todas as edicións anteriores Trillo se cuestiona cada ano se volver. "Eu non o teño claro aínda, é máis, estou nesa dúbida ano tras ano. Non sei se nalgún momento decidiremos non vir pero si que a min me é necesaria unha implicación máis nos distintos sectores". A militancia activa de apoio á cultura en galego forma parte das súas motivacións para estar presentes cada ano pero cre que a ausencia de outras empresas das artes escénicas debería empezar a provocar algunha reacción xa. "Boto en falta que se readapte. Hai que mover a árbore para que todos os sectores teñan máis vinculación", di Artur, indicando a necesidade dunha actividade de carácter profesional paralela ademais da dirixida á venda minorista e ao público xeral, ao mesmo tempo que asegura que para eles resulta imposible cuantificar de ningún xeito a rendibilidade da súa presenza: "a nosa actividade non é tan directa como a das editoriais, que venden un libro e ao final da feira teñen un resultado que se pode cuantificar, nós non podemos cuantificar". Trillo ve necesario "darlle unha volta" á feira para buscar "non só ser unha alternativa de ocio para o público, como é, senón que ademáis haxa días dedicados á actividade profesional en si mesma"."Ista é unha feira de produto de agasallo de Nadal, é o que é", sentencia Ramón Pinheiro
Esa opinión é compartida por Ramón Pinheiro, xa que a Central Folque tamén representa a músicos, organiza concertos e festivais, pero non ve opción de movemento dese mercado nesta feira das industrias culturais, que é como se presenta Culturgal. "Eu aquí non tiven nin unha soa conversa no día de hoxe referente á venda de bolos", asegura Pinheiro. "Logo venderase ou non venderase, eu teño ido a moitas feiras internacionais e igual tampouco vendes pero sí que tes unha opción de negocio de continuar con axentes", di o director da Central Folque. Pinheiro afirma, respecto ao que son concertos, proxeccións audiovisuais e representacións na carpa ou noutros espazos da feira como única presenza desas "artes vivas" que no Culturgal se tira man diso para "facer o ambiente para que os libreiros vendan libros. Esa é a lectura honesta e sincera que estou facendo e tampouco é unha crítica -asegura-, eles como empresas son máis potentes seguramente que moitas de nós e se non fora por eles seguramente esto tampouco se organizaba". Trillo tamén comparte ese libro-centrismo da feira, cousa que ve normal en canto a presenza maioritaria dese produto xa que é un sector da cultura que ao final de cada edición é quen de cuantificar a rendibilidade desta cita a través de vendas efectivas. "Nós nunca poderemos ter ese dato", di Artur. "Eu penso que a estrutura de como está funcionando ao mellor está máis pensado ao libro ou ao disco, cousas que podes tocar". Núcleo libro Nestes once anos cambiaron algunhas das características da feira e a súa composición de postos, pero sempre se mantivo o sector libreiro como eixo central. Un representante de ese sector é o editor Henrique Alvarellos de Alvarellos Editora, que este ano ven por vez primeira con posto propio á feira e está amplamente satisfeito dos resultados, ata o punto de estar a pensar en ampliar espazo para o ano que ven. Alvarellos ademais forma parte da directiva actual da Asociación Galega de Editoriais, a entidade impulsora das primeiras edicións do Culturgal fai once anos. Para el o protagonismo do libro é algo que é certo pero ademais que debe ser indiscutible neste evento. "Como editor e como amante e potenciador da cultura escrita gústame que se vertebre arredor do núcleo libro e iso creo, que o Culturgal é unha feira arredor do libro e para min iso está ben manexado así", comenta Alvarellos, "e despois ten que haber todos os grandes satélites musicais, teatrais, artesanais... que interactúen con nós".Artur Trillo: "Hai que mover a árbore para que todos os sectores teñan máis vinculación"
Henrique ve necesario ser moi dinámico na presenza na feira e moverse moito nas redes sociais xa preparando o evento. "Se un vén soamente aquí cos libros e se pon parado mirando á xente, que espere, non pode ser. Tes que traer unha selección de libros que poidan ser atractivos para aquí, facer sinaturas, presentacións, etc.". Ante o feito de que as actividades que se fagan dentro dos propios postos non aparecen na axenda xeral de Culturgal para o editor compre ser un mesmo o que sexa quen de comunicalas a través das redes sociais xa con antelación "a pre-feira hai que facela de maneira moi intensa desde quince días ou un mes antes", apunta Henrique, "e despois a feira case minuto a minuto nas redes" para avisar de sinaturas ou outras presentación. Para o editor existe unha dúbida respecto á situación da feira. "Non sei se poderá cansar ao público pontevedrés local todos os anos estar no mesmo sitio -reflexiona- e si sería interesante probar de novo, como se probou hai anos, indo a outro lugar". Alvarellos ten claro que para iso hai que ter fortes apoios institucionais das administración de calquera outro sitio. Habería que ver como lles afectaría ese cambio de cidade aos 14.000 visitantes asiduos cos que parece contar a feira ano tras ano, pero para iso cumpriría coñecer máis das súas características e procedencia, alén do seu número fixo. A feira deixa atrás esta primeira edición da súa segunda década de vida cun futuro asentado nesa cifra de participantes, pero cun modelo ao que lle custa integrar unha parte desas "industrias culturais" que forman parte do seu estandarte. A parte da nosa cultura que pode dirixirse ao público con produtos de adquisición directa declárase optimista e satisfeita un ano máis e todos apostan por volver para a que será a XIIª edición. Contar con eles é esencial, poder enriquecelo engadindo o resto da variedade cultural dos sectores escénico, musical e audiovisual e facelo tamén nun nivel profesional semella estratéxico en clave de país.Henrique Alvarellos: O Culturgal é unha feira arredor do libro e para min iso está ben manexado así




