Unha axenda para o Culturgal

culturagalega.gal propón un itinerario de eventos para disfrutar a feira

culturagalega.gal propón un itinerario de eventos para disfrutar a feira
Comeza o culturgal, a feira galega das industrias culturais. Como todos os anos, hai unha chea de eventos ao longo dos tres días de celebración. En culturagalega.gal fixemos unha pequena escolma das actividades que podes visitar, nas que ofrecemos espectáculos, presentacións pero tamén algúns actos informativos de interese para os creadores e xestores culturais. Goza da feira!

VENRES, 30 DE NOVEMBRO

O teu Xacobeo
17:30. Espazo Foro
Presentación da convocatoria aberta de proxectos “O teu Xacobeo”. Con Cecilia Pereira Marimón, comisariado Xacobeo 2021. Acto no que se poderán coñecer as liñas mestras que guiarán a parte cultural da celebración Xacobea os vindeiros anos e que detallarán, desde a Consellería de Cultura e Turismo, os fondos e procedementos que terán os axentes culturais públicos, privados e sen ánimo de lucro para formar parte delas e deseñar as súas propostas.

Presentación de Pepe Barro. Máis que ver. Cen historias do deseño en Galicia. Xerais.
19:30 h. – 20:00 h. Espazo Foro
O veterano deseñador Pepe Barro explora neste libro iconas, símbolos, códigos visuais e a súa imbricación coa cultura, a memoria e a industria de Galicia. Todo en capítulos breves que destacan, ademáis da arte visual, a arte de contar.

Estrea de Sofía e as Postsocráticas
21:30h. Auditorio do Pazo da Cultura
Inversa Teatro estrea a súa obra sobre violencia machista. Un debate entre Sócrates, Platón e Aristóteles, intepretados por mulleres, aborda as causas estruturais do maltrato. A compañía segue a afondar na mestura de teatro e filosofía logo de éxito do seu Té con Kant.

SÁBADO, 1 DE DECEMBRO

Presentación da Colección 10x15
13:30h. Espazo Libro
Presentación da Colección 10x15. Tulipa Editorial dá a coñecer, da man da súa directora Isabel Patiño e dos autores Juan Bello, Vicente Sebastián, Sara de Sousa e Man Li, a súa nova propostas no campo da poesía.

Comerei as miñas propias palabras.
17:30h. Espazo Libro.
Lucía Aldao celebra o seu debut literario cunha acción poética a partir da súa obra Todo isto
antes era noite
, que ve a luz da man de Apiario

Presentación de Cincuenta poemas
18:00h. Espazo libro.
O recoñecido autor Luis García Montero debuta presenta a súa primeira obra lírica en galego. Cincuenta poemas sae á rúa da man de Tulipa Editorial.

"O meu nome é Vigo, unha cidade sen piedade"
18:30. Espazo Libro
Interesante conversa entre Pedro Feijoo, autor de Sen piedade (Eds. Xerais, 2018) e Manuel Esteban, autor de O meu nome é Ninguén (Eds. Xerais, 2018). Os dous vigueses, escritores de novela negra e que usan da súa cidade de orixe como escenario nas súas historias de crime e castigo, compartirán co público a súa visión das rúas e a vida viguesa. Unha conversa de xénero negro para obter unha perspectiva literaria dun espazo real.

Presentación de Manuel Rivas. Vivir sen permiso e outras historias de Oeste. Xerais.
19:30 h. – 20:00 h. Espazo Foro
O último libro de Manuel Rivas son tres novelas curtas con historias dunha vila mariñeira de ficción, de acabalo entre as Rías Baixas e a Costa da Morte. O último libro de Manuel Rivas ecoa en historias de narcotraficantes, poder e aspiracións.

NAO presenta disco: Ata que o lume se apague
20:30. Espazo Carpa
A banda estradense de rock Metal, NAO, presenta seu derradeiro disco e o que será a súa xira de despedida, poñéndolle así data de finalización a trece anos de andaina. O espazo carpa acollerá ao que será case o primeiro concerto desta despedida. NAO recibiron no ano 2015 o prestixioso Premio Martín Códax da Música Galega na categoría de Metal. O concerto estará precedido por unha sinatura de discos ás 17 hrs.

Carlos Núñez en concerto: A irmandade dos celtas
21:30. Auditorio
O vigués voltará a ofrecer unha das súas actuacións memorables e que nunca compre perder. Neste caso ademais contará con convidados como Jon Pilatzke, violinista e bailarín de The Chieftains,; Itsaso Elizagoien, Rodrigo Romaní, o Pipe Major da Pipe Band de Nova York, etc.

DOMINGO, 2 DE DECEMBRO

Luis e Alejandro Paadín. As pedras que facían viño. Autoedición.
11:30 h. – 12:00 h. – Espazo Libro
Os Paadín, pai e fillo, son referentes na difusión do viño galego. As pedras que fan viño é unha guía didáctica que recolle o apaixonante “re-reduscubrimento” dos lagares rupestres nalgunhas denominacións de orixe de Galicia e o que nos contan eses chamativo restos arqueolóxicos do pasado da viticultura en Galicia.

OVIRAVAI: Paio e o poder da música
12:00 h. Auditorio.
Un espectáculo de música e animación infantil para a mañá do domingo será un bo xeito de comezar o derradeiro día da feira. As peripecias dun teixugo aventureiro e dos seus amigos serven de base para os temas nos que se mesturan diferentes estilos musicais. Laura Iglesias, Verónica Santalices, David Álvarez e Federico Welicki son os membros da banda, autores dos temas e tamén responsables das ilustracións do libro que acompaña.

Alvarellos Editora e Deputación de Pontevedra. Galaicos, un pobo entre dous mundos
12.30 h. – 13.00 h. – Espazo Foro
A exposición Galaicos, inaugurada no Museo Arqueológico Nacional en Madrid e promovida pola Deputación de Pontevedra, tenta amosar un retrato da Idade do Ferro en Galicia baseado nas últimas investigacións arqueolóxicas. O catálogo achega contribucións de moitos dos investigadores máis destacados dos últimos anos.

Vari Caramés. Lugares. Fabulatorio
13.30 h. – 14.00 h. – Arte Contemporánea
Catálogo dun proxecto fotográfico de Vari Caramés, editado con moito agarimo por Fabulatorio, Lugares é unha colección de recordos a xeito de paisaxes, espazos difuminados e borrosos. “Fotos de lugares que soñaches pero nos que non estiveches nunca”, afirma un dos fotógrafos artísticos de referencia en Galicia.

Presentación de Kalandraka TV,
17:00h. Espazo Foro
A editora pontevedresa presenta a súa canle de televisión dixital dedicada á literatura infantil e xuvenil. Xosé Ballesteros, director de Kalandraka, José Miguel Sagüillo e Bea Campos, realizador e presentadora da canle son os encargados de dar a coñecer o proxecto.

Contar por amor á arte con Celso Fernández Sanmartín
17.00 h. – 17.30 h. Arte Contemporánea
O contacontos de Lalín Celso Fernández Sanmartín conecta na súa narración oral coa arte contemporánea. Celso Fernández, un gran namorado das novas tendencias artísticas na arte, conxuga esa atracción coa memoria oral e a tradición.

Presentación da Biblioteca feminista
18:30h. Espazos Libro
As tres autoras que inauguran a nova Biblioteca Feminista da Editorial Galaxia reúnense por vez primeira nesta npresentación. Amada Traba, Carme Adán e Inma López Silva falarán sobre as súas respectivas obras e sobre a importancia desta nova iniciativa editorial.

Vudú en concerto
18:30. Espazo carpa
O dúo formado por Belém Tajes (ex-cantante de Luar na Lubre por un breve período) e Matrixinha presentan en concerto o su novo traballo discográfico . Un álbum no que hai lugar para o soul, funk, jazz e tamén para ritmos de fusión e raiceiros.

Reclusa parda. Peza de danza
19:30h. Espazo Arte Contemporánea
Eva Comesaña e Marcia Vázquez achegan a única representación das artes do movemento do programa, unha proposta ideal para fechar a visita á feira.