O Culturgal básico

Achegámosche unha selección de propostas a non perder na Feira Galega das Industrias Culturais

Chega o Culturgal. Tres días de presentacións, conversas, produtos e todo tipo de propostas culturais concentradas. Un total de 130 actividades enchen a vindeira fin de semana o Pazo da Cultura e mais a Cidade de Pontevedra. Para evitar a saturación, achegámosche unha pequena guía de recomendacións e tendencias que han facilitar a orientación do visitante.

Cada vez queda máis claro que o Culturgal está a se consolidar como un punto fundamental para a presentación das novidades dos máis diversos sectores culturais. Xa sexan os lanzamentos editoriais ou discográficos de Nadal, as estreas audiovisuais e escénicas ou as propostas máis novidosas nas novas tecnoloxías, toda a industria dáse cita neste evento para amosar os seus máis recentes proxectos. Do mesmo xeito, o evento está a se revelar como un punto destacado para facer contactos e mover iniciativas que aínda están a comezar a súa andaina, sexa dentro ou fóra da industria cultural. Do mesmo xeito, podemos ler a feira como unha mostra das tendencias que se van asentando no panorama. De certo moito do que se vexa na feira ha ter importantes repercusións e dará que falar ao longo dos vindeiros meses. Velaquí o que non se debe perder para manterse ao día.

Tendencias
Para alén de propostas máis ou menos destacadas, detéctanse neste culturgal unha serie de tendencias en diferentes ámbitos, que se poden interpretar, ata certo punto como un reflexo das propostas da nosa industria cultural. Deste xeito, no campo das novas tecnoloxías, collen especial protagonismo a aplicación das mesmas ao espazo os proxectos vencellados á xeolocalización con dispositivos móbiles. Owntheway, iBeaken ou Orama, que se presentan na mañá do venres 2 no Patio, van por este camiño. Desde outra perspectiva, a recreación tridimensional de espazos, están as aplicacións que amosa o día 3 a Unidade de Realidade Virtual do CIS de Ferrol (sábado 3, tamén no Garaxe). Na música, canda algunhas propostas consolidadas do noso panorama, especialmente no campo do folk, atopamos unha presenza destacada de proxectos experimentais que marcan en boa medida a programación sonora do evento. A música espontánea de Pentalfa ( venres 2, 18:30 horas no Patio) e de 2us (omingo 4, 19:30 horas no Patio), ou o Método cardiofónico de Germán Díaz (sábado 3, 19:30 horas no Patio) son as propostas neste sentido, no que tamén se pode inserir o traballo vangardista de Das Kapital (venres 2, 20 horas, no Patio). Pola banda das artes escénicas, que collen protagonismo no evento con proxectos do máis variado, destacan as propostas para nenos, como o xogo de rol Mortos de ningures (venres 2, a partir das 18h no Cuarto dos Nenos), ou a presentación da asociación GATEA, que agrupa compañías e educadores centrados neste público, por só mencionar dúas propostas.

Á marxe
Non hai dúbida que as propostas novas e alternativas son as que máis medran na feira desde a súa anterior edición. Por unha banda, temos a primeira edición do Off Culturgal. Este espazo para a a presentación de proxectos desenvólvese a partir das 22 horas do xoves 1 na Sala Karma. A iniciativa desenvólvese co formato Pechakucha, os participantes disporán de vinte imaxes, e vinte segundos por cada unha para dar a coñecer o seu traballo. Proxectos como El Halcón Milenario, Sacred Peak 2012, Mil a Gritos Showroom ou o proxecto de socioloxía do vestir Direiche quen es son algunhas das propostas que se dan a coñecer neste espazo. Por outra banda, os que se acheguen ao Faiado da feira ao longo do sábado 3 poderán atopar todo un programa centrado na Cultura Marxinal. A creación dun Mapa Cultural que recolla as iniciativas deste tipo que se desenvolven no país, un happening colectivo e presentacións de proxectos galegos e foráneos compoñen o groso desta proposta. No entanto, o prato forte será a mesa redonda Cultura marxinal en Galicia. CULTURA CON MAIÚSCULAS, que contará coa presenza de Carlos Oroza (poeta); Carlos Vilas Bugallo (artista plástico); Isaac González (Proxecto-ds); Ania González (Culture Workers); Tayone (Amalgama); Daniel López ou Víctor E. Perez (Baleiro); Geeksha (Beka Iglesias) (Olholivre); e Chiu Longina como moderador.
Sábado 3, a partir das 12:30h. Mesa redonda ás 18, no Faiado.

Novela en directo
No campo literario, non cabe dúbida que a grande novidade da edición 2011 de Culturgal é a proposta de realizar unha novela en directo. O escritor Camilo Franco, instalado no Salón da Feira, entrevistarase cos asistentes interesados en se converter en personaxes literarios. Ao longo do evento, ao autor irá escribindo e dispoñibilizando na rede a narración segundo a vaia elaborando. Outra proposta tamén de letras pero menos etérea será o primeiro Xantar Literario, que se celebrará domingo 4 no restaurante Rúas. Pepe Cáccamo, Fina Casalderrey, Xabier P. Docampo e Xesús Fraga elaborarán as receitas que que realizaron para os libros Cociñando ao pé da letra e 50 recetas con moras.

Mesas redondas
O Culturgal deste ano chega con conversas de altura que non se poden perder. Xornalistas guían cada día encontros con creadores de diferentes ámbitos. Entre todas as propostas, o encontro de Manuel Rivas e José Luís Cuerda, conducidos por Manuel Jabois, preséntase como unha cita de interese destacado. Xa sen se mover do sitio, Jabois continúa con outra das citas que marcan a axenda: un encontro centrado na novela negra con Domingo Vilar, Xosé Manuel García López, e Francisco Varela Losada.
Sábado 3, ás 19 e ás 19:45h no Salón.

A cantar e a xogar
Sen dúbida o seu posto foi un dos máis concurridos e interactivos da anterior edición. Neste 2011 os creadores do Galeoke voltan a este evento con gana de non parar de animar a feira. Os visitantes terán a ocasión de demostrar en primicia as súas capacidades vocais co segundo volume desta iniciativa, no que se poden atopar temas de Radio Océano, Os Papaqueixos, Heredeiros da Crus, Quempallou, Leilía ou The homens entre moitos outros. A seguir coa interactividade, co título de Billarda Experience!! desenvolverase no propio recinto da feira un campionato deste deporte tradicional, así como unha exposición. Ademais, preséntase o disco República Billarda con trinta grupos do país a facer cancións desta temática.
Presentación do Galeoke, domingo 4 ás 11:30h no Cuarto dos Nenos.
Presentación de República Billarda, sábado 3 as 16:30h no Salón.

Primicias audiovisuais
Dentro do programa atopamos a presentación de proxectos audiovisuais longamente agardados. Entre estes, destaca a posta de longo da serie para Internet Angélica y Roberta, unha comedia que amosa as peripecias de dúas amigas que comezan a súa vida en común. Canda a isto, os agardados filmes Rosario de Mario Iglesias ou Vilamor de Ignacio Vilar.
Angélica y Roberta, sábado 3, 18:30 horas no Garaxe.
Rosario, venres 2, 17h no Garaxe.
Vilamor, venres 2, 17h no Garaxe.

Obviamente estas son só algunhas das propostas que se poden atopar no encontro, onde tamén se presentarán unha boa parte dos produtos que están a ver a luz este outono nos máis variados sectores. A ese respecto, os que estean a pensar nos agasallos de Nadal, teñen na Tenda que estrea a feira unha boa opción de contemplar, concentradas, todas as novidades.
Programa completo do Culturgal 2011.