Un paseo polas marxes dos museos (II)

A creación contemporánea, o patrimonio do exilio ou o eclesiástico son algúns dos temas que aborda o ciclo Fóra dos museos

A creación contemporánea, o patrimonio do exilio ou o eclesiástico son algúns dos temas que aborda o ciclo <i>Fóra dos museos</i>
No seu ecuador, o ciclo Fóra dos museos continúa a levar ata o vindeiro mes de novembro á compostelá sala NUMAX a súa reflexión sobre os problemas destes centros no noso país. Na segunda parte desta proposta distintas pezas pouco coñecidas abordan cuestións como a problemática presenza da creación contemporánea e do exilio nas salas do país ou as discutidas políticas sobre o patrimonio eclesiástico. Completamos o noso repaso desta proposta da man de Sabela Pato, comisaria do proxecto.

Logo do fragmento de mosaico, as balas do campo de concentración de Iria Flavia e mais dos debuxos de Said Armesto, Fóra do museo levou a exposición o pasado mes de xuño unha figura deseñada por Castelao que marca o ecuador do proxecto.

O patrimonio do exilio

Cabuxiña de Castelao. Colección particular. Fotografía de Alba Vázquez Carpentier
Cabuxiña de Castelao. Colección particular. Fotografía de Alba Vázquez Carpentier


Esta peza cerámica de Castelao, en exposición ata o vindeiro 2 de setembro é a que serve como base para abordar a problemática do patrimonio do exilio nos museos do país. "Trátase dunha cabuxa que realizou para cerámica Celta, de Pontecesures, un proxecto que lembra a Sargadelos e que se puxo a andar en 1926" explica Sabela Pato. Esta fábrica, que contaba co escultor Asorey, a pintora Oria Moreno e creadores como Acuña, Bonome, Sobrino, Torres e Maside ademais desta colaboración de Castelao, fabricaba louza de calidade e figuras nos que, da man destes creadores, foron aparecendo as influencias do Movemento Renovador da arte galega. A peza en exposición, da que non se conservan máis de seis exemplares, amosa estas influencias. Segundo explica Pato "no Diario de 1921 de Castelao atopamos un debuxo e unha peza idéntica de Willy Zügel que viu en Munich". Deste xeito, a Cabuxa conecta "con como se institucionaliza o sistema artístico galego de antes da guerra e a importancia dos contactos co exterior", en particular grazas ás bolsas artísticas que concedían as deputacións para estudos no estranxeiro. "Tamén enlaza coa fundación do Museo de Pontevedra en 1927 coa participación do propio Castelao da man de Sánchez Cantón". A creba que supuxo a Guerra e o exilio neste desenvolvemento da arte do país aparece de xeito inevitable na reflexión que propón o proxecto a partir desta cerámica. "Preguntámonos que acontece con todas estas traxectorias e proxectos e co traballo que fan no exilio todos estes artistas, o propio Castelao ou os Renovadores. Vemos que hai unha grande elipse ata os anos 70". O final do franquismo coincide cun momento de transformación da museoloxía no noso país. Nese momento, segundo explica Pato "hai un sector profesional novo nos museos, museólogos como Paco Fariña ou Xosé Carlos Sierra que se reúnen arredor do Consello Galego de Museos e dos seus coloquios e tentan normalizar a cultura desde eses centros". Orientados cara aos postulados da Nova Museoloxía, este grupo, composto en grande medida por arqueólogos, "teñen sobre todo neste patrimonio e na etnoloxía o seu foco. Entón entran cousas como o patrimonio relixioso, pero Castelao ou Seoane quedan fóra deses centros".

A ausencia do contemporáneo
Esta perspectiva mantívose durante anos, ata o punto de que, "cando se crea o Centro Galego de Arte Contemporánea en 1993 arguméntase que se debe evitar a creación nel dunha colección de arte galega porque se considera que xa estaba ben representada nos museos de Castrelos e do Carlos Maside, en Sada", explica Pato. Precisamente este último centro, nado en 1970 como parte das iniciativas do Laboratorio de Formas, "céntrase no movemento renovador da arte e procura ser un museo de acción ademais de ser de colección". No entanto, o precario estado no que se atopa actualmente o centro e as súas obras amosa tamén a posición deste material no contexto dos museos galegos. "Foi o núcleo do exilio o que máis pulou por este repertorio, e isto entrou en liza con outros axente como foi por exemplo o grupo de Galaxia, que vía o Museo do Pobo Galego como principal aposta". Esta entidade, que abriu as súas portas en 1976 foi tamén o que conseguiu a maior atención dos novos museólogos en activo no momento. "Supoño que un proxecto vido de fóra, aberto á hibridación e a linguaxes novas que non partían da idea da identidade europea" que mantiña o galeguismo cultural da época, "provocou reservas". Afortunadamente, segundo lembra Pato "esta visión mudou e o Museo Carlos Maside está en fase de recoñecer como Ben de Interese Cultural".

Descarga a folla de sala da peza (en pdf)



A polémica do patrimonio relixioso
A problemática do patrimonio relixioso abordarase a partir dunha virxe barroca logo do vindeiro mes de setembro. "Este é un patrimonio importantísimo para a historia da Galicia. O problema, tal e como teñen posto de relevo os profesionais do sector, é que a relación da Administración coa igrexa católica, no caso dos museos, foi sempre obxecto dun trato diferenciado. E aínda que se teñen feito grandes inversións, as cuantiosas sumas apenas teñen redundado na sociedade". Como exemplo desta situación pon o exemplo de Galicia no tempo. Unha mostra de arte sacra realizada no mosteiro de San Martiño Pinario, en Compostela, debía servir como base para a creación dun museo permanente que amosase estes bens. "Isto xustificou a restauración do edificio, pero despois de terse gastado tanto diñeiro nel, nin sequera estaba aberto ao público, e ao final houbo que incorporar persoal a maiores, é dicir, a cargo do erario público para que abrise. E nunca chegou a se pór en marcha o museo previsto", lembra esta investigadora. Ao seu ver, este tipo de situacións responde a "un modelo que, sobre todo, identifica Galicia en materia patrimonial coa igrexa católica e lle concede a esta preeminencia na súa xestión". Desde esta perspectiva "a Xunta e os que nela levan gobernando décadas desenvolveron estruturas afíns a esta visión. Pensemos por exemplo na S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, que por certo tiña parte das súas instalacións en San Martiño Pinario e pagaba por estas un cuantioso alugueiro. As políticas do PP non ignoran o patrimonio galego, o que pasa é que funcionan segundo unha economía de intereses que non ten que ver coa noción ilustrada de cultura da que son herdeiros outros colectivos e outras opcións. Pero iso non lles resta eficacia, mesmo con independencia de quen goberne. Vímolo durante o bipartito coa Cidade da Cultura, por exemplo". Fronte a esta visión apunta a existencia doutras perspectiva contrapostas. "Por suposto hai outros fortes: o galeguismo, ou polo menos unha parte deste, erixiu o Museo do Pobo Galego. Outros sectores organizáronse ao redor da rede pública de museos, fundamentalmente ao redor dos museos arqueolóxicos e provinciais. Tamén están os museos de arte contemporánea. As forzas, por suposto, son desiguais, pero en xeral cada colectivo fai a súa escolla repertorial (arte sacra, arqueoloxía, etnografía ou outras) e se parapeta na súa opción. É un xogo de intereses. E cómpre, dunha vez, abordalos conxuntamente".

Patrimonio industrial e oculto
Unha pedra para serigrafiar latas chegada do Museo Massó de Bueu porá sobre a mesa, a fechar o ciclo en outubro, a cuestión do patrimonio industrial. "É algo que se está a reclamar socialmente, con casos como a factoría Massó de Cangas, a Panificadora de Vigo ou os muíños, que son parte diso. No entanto non hai ningunha institución que se encarge de pór en valor e de conservar isto. No caso de Massó é unha excepción de partiu da iniciativa privada e logo foi asumido pola Xunta", explica a comisaria. Para alén destes eixes, o ciclo está a servir para levar ao público unha mostra do importante patrimonio que está na actualidade oculto en centros pouco coñecidos ou en almacéns. "Hai naves con milleiros de pezas que non se amosan. Con outra política poderían achegarse ao público, e en xeral os museos están encantados de que saian".

Con boa parte da andaina deste proxecto xa realizada, Sabela Pato avalía moi positivamente a experiencia. "Están a saír cousas moi interesantes e os participantes están moi contentos. En xeral enchemos a sala nas presentacións, logo é máis difícil medir cantos visitantes pasan a ver cada peza mentres está exposta". En xeral, segundo a súa experiencia, o programa "conta con dous sectores de público, un máis xeral no que semella que hai moito profesorado e logo un público especializado no que vén xente dos museos e mesmo de arqueoloxía, e que tamén seguen o proxecto a través da rede, onde se poden atopar as follas de sala de cada peza". O proxecto, producido por NUMAX e cunha subvención solicitada á Deputación da Coruña non ten polo de agora intención de continuar logo da xeira que está a desenvolver esta ano. As súas reflexións sobre os limites dos museos fican, no entanto, abertas.

Actualización: Fóra dos Museos. Folla de Sala 5. Virxe Inmaculada do Casal de Socastro..
Actualización: Fóra dos Museos. Folla de Sala 6. Que pasa co noso patrimonio industrial?.