Un paseo polas marxes dos museos (I)

Unha selección de pezas exploran na sala NUMAX as problemáticas da museoloxía galega

Unha selección de pezas exploran na sala NUMAX as problemáticas da museoloxía galega
Instalación da vitrina en NUMAX. Fotografía do Facebook de Sabela Pato
O proxecto Fóra dos museos propón unha fórmula curiosa. No canto de ser os museos os que amosan pezas, desta volta son as pezas as que nos ensinan estes centros. Unha selección de elementos marxinais ou relegados aos almacéns poñen de relevo as arestas, contradicións e baleiros do sistema museístico. A precariedade, as diverxencias nos procesos de musealización, os patrimonios sen espazo ou a dificultade de integrar a creación do exilio aparecen como cuestións pendentes neste mundo. A sala NUMAX acolle ata o mes de novembro este ciclo que comisaría Sabela Pato.

"A idea é coller unha peza e a partir dela explicar algunha cuestión sobre os museos", explica Sabela Pato, comisaria de Fóra dos museos e autora dunha tese en desenvolvemento sobre a museografía no noso país. A iniciativa, que botou a andar o pasado mes de marzo, amosará ata o vindeiro novembro seis pezas, a razón dunha cada cinco semanas, na sala NUMAX de Santiago de Compostela. Na presentación de cada un dos elementos, o ciclo conta con profesionais da museoloxía e do patrimonio que abordan as diferentes problemáticas que se propoñen. "Trátase de formular preguntas que expliquen as orixes e as problemáticas dos museos galegos e o tipo de repertorios que manexan". Ausencias, presenzas, marxinacións e baleiros axudan a debuxar este panorama a través dos seus bordes.


Mosaico romano. Foto: Fernando del Río / Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Os primeiros museos e a precariedade
Fóra dos museos comezou o pasado mes de marzo cun convite a reflexionar sobre os nacemento dos primeiros museos modernos en Galicia a partir dun fragmento de mosaico romano que se conserva no Museo Arqueolóxico de Ourense, un centro fechado ao público desde o ano 2002. "Este é o museo máis antigo de Galicia", nado da man da Comisión Provincial de Monumentos en 1846 "e sérvenos para explicar a orixe destas institucións". Ademais deste feito histórico, tanto o estar fechado na actualidade como a historia da propia peza permiten abordar a problemática da precariedade nos museos do país. "De xeito paralelo á historia da propia peza, a situación do museo era moi precaria na súa orixe e segue a selo hoxe. O mesmo acontece con outros, como o das Peregrinacións en Compostela ou, na actualidade, o MARCO de Vigo", exemplos que, para Pato, "amosan a despreocupación que existe en Galicia por estes centros". No caso do mosaico, que foi unha das primeiras pezas que se incorporaron ao centro ourensán, logo de descuberto nunha leira, perdeuse a súa localización, foi custodiado polos propietarios do terreo e finalmente estragado na súa maior parte por acción de maquinaria xa nos anos 60. "Perdeuse case todo. Isto pon de relevo tamén que as funcións dos museos non se reducen ao interior dos mesmos, senón que teñen toda unha acción de protección do patrimonio fóra das súas instalacións que sen este tipo de institucións estaría perdido".

Descarga folla de sala (en pdf)


Fragmento de bala. Foto: Alba Vázquez Carpentier / Museo das Peregrinacións

Custodiar a memoria da guerra
Outro eixe que xa se tratou nestes encontros foi a problemática da memoria material vencellada á Guerra Civil, que carece de espazos propios onde se amosar e depositar. "Neste caso a peza que presentamos foron sete balas atopadas nun campo de concentración de Iria Flavia que están custodiadas e foron restauradas polo Museo das Peregrinacións de Santiago", explica esta investigadora. "Este patrimonio é difícil de ver, neste non se expuxo porque non está relacionado coa temática do centro e, ao non haber unha institución de referencia para este período é fácil que desapareza nos almacéns". Deste xeito, "hai moitos elementos que se conservan no ámbito privado. Na folla de sala desta peza puxemos unha fotografía do moedeiro do sindicalista José Villaverde, que fixo chegar á familia co recibo da nómina e todos os cartos antes de ser paseado. A familia conservouno ata o de agora tal e como o recibiu, sen gastar nada. Fai parte da memoria familiar pero tamén conta unha historia da guerra. Moita xente non sabe que facer con material coma este, non hai institucións onde o levar nin un equipo que os acompañe, polo xeral trátase de xente maior que precisa asesoramento. O material e a memoria destas historias está a se perder". Para a comisaria, "a propia rede de museos podería publicar en Internet todo este material e polo a disposición de investigadores aínda que fisicamente seguise disperso", reclama Pato. "Agora mesmo nin sabemos cantas pezas deste tipo hai nos distintos museos".

Descarga folla de sala (en pdf)


Bosquexo do carro. Ilustración: Víctor Said Armesto / Fundación Barrié

O peso da etnografía para a identidade
A cuestión da identidade e a presenza da etnografía nos museos é outro dos eixes que trataron no programa. Uns debuxos de campo de Víctor Said Armesto realizados en 1910 como parte dunha investigación sobre as denominacións locais de ferramentas serviron para exemplificar esta cuestión. "Abordouse a construción da identidade galega desde as primeiras sociedades de folclore e a idea nada naquel momento de crear un museo nacional cunha perspectiva etnográfica. Esta peza supón unha das primeiras mostras de etnolingüística, ao tentar recoller as variedades dialectais dos nomes dos diferentes útiles agrarios, e amosa como traballaban estes investigadores". A sesión na que se presentou a peza completouse coa proxección do documental O home e o carro de Xaquín Lorenzo. "Tentamos amosar un pouco como se constitúe o carro como símbolo nacional a partir de diferentes achegas ao longo do século XX, ata o punto de ser hoxe parte do logo do único museo que se considera como nacional, o do Pobo Galego". A busca da esencia da identidade nas sociedades agrarias "é similar ao doutros lugares de Europa, coa idea dunha cultura popular campesiña custodiada por un pobo que se ve como conservador". Coa incorporación deste patrimonio ao mundo dos museos, "en xeral o etnográfico fíxose un repertorio moi estático", explica a comisaria. "Hai moitos tópicos que se repiten, tanto en coleccións locais como no Museo do Pobo, ou no Etnolóxico de Ribadavia. Houbo moitos museos locais deste tipo, creados ao abeiro de subvencións europeas, que responden a un modelo de pasado idealizado e fosilizado, que non reflicte cuestións como as tractoradas, as hidroeléctricas, os eólicos, a emigración ou a industrialización, que son outras cuestións que pode tocar a etnografía".

Descarga folla de sala (en pdf)

Selección e condicionantes
Á hora de escoller os contidos, Pato admite que elementos como as balas "estaban moi claras desde o comezo. Noutros casos houbo modificacións, como o mosaico, que foi unha proposta do propio Museo Arqueolóxico de Ourense ou a cabuxa de Castelao", actualmente en exposición, que "ía ser nun comezo unha das máscaras de Os vellos non deben de namorarse pero que non acabei de ver o xeito de a expor axeitadamente". E é que a organización deste ciclo tivo abondas complicacións, xa que houbo que xestionar por separado seguros, transportes e acordos de cesión para cada peza, ademais de se enfrontar a requirimentos de exposición e de conservación ben diferentes, aínda que todos os elementos amosados estean a pasar por unha mesma vitrina. "Houbo que facer unha peaña distinta para cada peza, no caso dos debuxos tivemos que meter un cristal a maiores para que non lles afectase a luz. E logo controlar as condicións de humidade de temperatura, que afortunadamente na sala son fantásticas". Os condicionantes físicos marcaron tamén en boa medida os contidos do ciclo. "Xa procurei seleccionar de antemán pezas que non pasasen dun volume axeitado para a vitrina. Quería un expositor cilíndrico, pero iso tamén fixo que houbese menos espazo e levou a ter que pensar moi ben a colocación de cada peza". Na segunda parte desta reportaxe coñeceremos as outras tres pezas que fan parte do ciclo e saberemos, da man da súa comisaria, que novas cuestións nos descobren sobre o panorama dos museos galegos.