Como ver o ADN na cociña

Ángel Carracedo comparte a receita caseira para extraer esta molécula vital

Ángel Carracedo comparte a receita caseira para extraer esta molécula vital
Ilustración de Minia Regos para culturagalega.gal
A descuberta do "segredo da vida", a estrutura da dobre hélice do ácido desoxirribonucleico, cumpre sesenta e cinco anos e Setestrelo celébrao da man de tres especialistas do Grupo de Xenómica da Universidade de Santiago. Ángel Carracedo explícanos na primeira entrega deste novo monográfico como obter ADN na cociña, unha receita sinxela que ilustra para a ocasión a debuxante Minia Regos; Catarina Allegue profunda na orixe e nos novos desafíos da edición xenómica e Lourdes Prieto ofrece, en colaboración coa filóloga Aurora Prieto, unha clase maxistral sobre a xenética forense.

Fai moito tempo que escribín na Revista Galega do Ensino unha receita sobre como extraer ADN na cociña. Ten una historia curiosa porque daquela era unha demanda unánime dos mestres de secundaria para ensinar os alumnos e parecía difícil atopar produtos caseiros cos que substituír os que usabamos no laboratorio. O paso máis complicado era romper os núcleos das células para que saíra o ADN e foi un amigo de Estados Unidos que me recomendou usar “abrandador” de carne, que alí debe de ser normal. Eu na vida pensei que tal cosa existira, porque a tenreira galega, e particularmente a da miña Santa Comba natal, e brandiña e todo o máis que facemos e mazala un pouco cunha pedra. Curiosamente existe e pódese mercar nos supermercados (o que non entendo é quen o merca) e daquela foi o que recomendei e o que empezou a ser usado para ensinar a rapaces, e non tan rapaces, a molécula da vida.

Por fortuna, a outra xente fóiselle ocorrendo novas ideas e empezouse a usar o líquido dos lentes de contacto ou, máis modernamente, zume de piña, que é o máis cómodo hoxe en día e o que moitos de nós estamos a usar, de modo que aproveito esta oportunidade para refacer a receita.

O primeiro é coller unha fonte de ADN, e cando lle fago este experimento aos rapaces sempre queren ver o seu ADN. A saliva e o máis socorrido, pero ten poucas células, o ADN no se ve ben se non tes moita cantidade e non é cuestión de estar cuspindo o día enteiro.

Porén hai ADN en todo o que ten vida, porque, como xa dixen, o ADN é a molécula da vida. De feito o ADN apareceu na Terra pouco despois de que esta se formara. Vén a ser como un libro de instrucións de calquera forma de vida no que todo está escrito nun alfabeto de catro letras (A,T,G,C) con palabras de tres letras. Os capítulos do libros que teñen instrucións chamámoslle xenes (no ADN humano uns 20.000). Alí está escrito por que un chícharo, unha bacteria, un piñeiro ou unha sardiña son como son (e como é ese individuo en particular).

Logo o ADN podémolo coller do que queiramos, e eu xa o teño extraído de case todo (chícharos, peixes, caramuxas, ameixas, mexillóns..) pero unha froita sempre é algo moi socorrido. Un plátano, un kiwi ou un amorodo son perfectos para o experimento.

A receita é como segue:
Collemos a froita e lle botamos outro tanto da auga nunha cunca. Un cuarto de plátano, medio kiwi ou un amorodo chegan. Batémolo cun batedor e coamos cun coador a un vaso o batido. Logo temos un líquido amarelo, verde ou cor amorodo segundo a froita usada (son os pigmentos clorofila ou carotenoides os que lles dan esa cor).

O seguinte e botarlle un lavalouzas: media culleriña de café co lavalouzas que teñades na casa (vale aínda que teña aloe vera) e outro tanto de zume de piña que podedes coller dunha lata de piña no seu zume que seguro que tedes na casa. Ter unha lata de piña no seu zume ou de pexego en almibre son costumes ancestrais galegos que se deben de transmitir polo ADN, porque sempre hai algunha lata en todas as casas galegas.

O deterxente e o zume da piña rompen as proteínas e facilitan que saia o ADN do núcleo da célula ao exterior.

Agora xa só queda velo. Colledes unha pequena cantidade do líquido así tratado e botádelo nun tubo (unha pequena cantidade, como un centímetro). Un tubo e ideal pero se non o tedes a man, a algún rapaz do IES Alfredo Brañas de Carballo saíulle moi ben cunha copa de champaña.
O resto do tubo enchédelo de alcohol etílico de 96º, que seguro que o tedes na casa tamén, e veredes, como se fora maxia, un nobeliño branco (ver a imaxe baixo estas liñas) que se desprende do líquido verde, amarelo ou rosa, e sobe polo alcohol ata flotar nel. É o ADN precipitado polo alcohol, que ten menos densidade.


Aspecto do ADN precipitado polo alcohol

Seguramente vos sorprenda tanta cantidade. E é que o ADN e unha molécula moi fina e moi longa (o ADN dunha célula mide un metro) e a froita ten millóns de células.

E non vos pensedes que é moi distinto que o que facemos no laboratorio, so que alí usamos produtos máis puros para ter ADN de moita calidade e sen contaminantes. E o máis incrible: unha vez o temos, podemos ler as letras do libro e así descifrar os misterios das vidas, ver se algunha delas cambiou por unha mutación e ocasionou algunha doenza, ou ver se corresponde ese ADN a alguén que cometeu un delito ou mesmo entender a nosa historia.

*Escrito por Ángel Carracedo

Instituto de Ciencias Forenses - Facultade de Medicina - Universidade de Santiago de Compostela