A NOSA: desde as aulas ao espazo

A Axencia Espacial Escolar Galega prepara o Marumasat III co reto de crear vida na estratosfera

A Axencia Espacial Escolar Galega prepara o Marumasat III co reto de crear vida na estratosfera
Imaxe recollida desde o Marumasat II
O 20 de maio de 2016 o IES Maruxa Mallo fixo historia, cos pés no chan e os ollos nas estrelas. O centro de ensino de Ordes converteuse, baixo este lema, no primeiro galego en liderar unha misión do lanzamento dunha sonda alén das nubes. O proxecto culminou aquela mañá de ceos cubertos co lanzamento do Marumasat I, un dispositivo inspirado nas misións espaciais e creado polo alumnado co apoio docente. A cápsula chegou a 25.000 metros de altura e levou ata a estratosfera a imaxe de Manuel María, o autor homenaxeado ese ano no Día das Letras Galegas. Aquela experiencia foi o xermolo da Axencia Espacial Escolar Galega, A NOSA, que desde 2017 integran tamén os institutos Marco do Camballón (Vila de Cruces) e Miraflores (Oleiros) mantendo a alianza entre distintas ciencias e as letras. Tras lograr que medrase unha miñoca e abrollasen legumes a bordo do Marumasat II, os traballos para o lanzamento da terceira sonda avanzan cun novo reto: crear vida a máis de 30.000 metros da superficie da Terra.

Jorge Noya cursa primeiro de bacharelato en Canadá cunha bolsa da Fundación Amancio Ortega. Alí, conta en videoconversa por Skype, o ensino dálle ao alumnado unha maior autonomía do que adoita ser común en España. Pero este mozo de 16 anos non tivo que agardar a cruzar o océano Atlántico para participar nunha iniciativa que converte os mozos e mozas adolescentes en auténticos creadores en todos os pasos dun mesmo proxecto real. El foi un dos máis de sesenta estudantes de terceiro da ESO do IES Maruxa Mallo que en 2016 fixeron posible o Marumasat I, acrónimo creado co nome do propio centro educativo e a palabra satélite para referirse á construción e ao lanzamento á estratosfera dunha sonda. Aínda que a base científica da iniciativa é a central, a perspectiva foi desde o primeiro momento interdisciplinaria e repartiu entre as persoas participantes responsabilidades que van desde o deseño e a construción da cápsula, e a análise de datos meteorolóxicos como o réxime dos ventos, ata a planificación económica e a comunicación, o eido no que se implicou Jorge.


Alumnado preparando o lanzamento do Marumasat II

"Ter que chamar aos medios de comunicación para explicar o proxecto creo que me axudou a ser unha persoa máis aberta, a perder ese pequeno sentido da timidez, ou do ridículo. Pero tamén foi moi importante o feito de traballar en equipo, a cooperación. Fai que te comprometas con algo, porque non se trata de memorizar cousas que en dous días esqueces", explica Jorge Noya. Ademais de redactar notas de prensa, xestionar as redes sociais e atender os medios, desde o equipo de comunicación tamén se elaboraron contidos para o blog e a canle de Youtube primeiro do Marumasat I e logo da Axencia Espacial Escolar Galega. Este é outro xeito de achegar á ciencia dun xeito máis amable a quen a priori non sente predilección por ela, asegura Jorge. "Escribir sobre isto esperta interese pola parte científica. Explicar como é posible que unha sonda poida chegar a máis de 20.000 metros de altura ou que haxa unha fórmula que nos diga canto tempo vai poder aguantar o globo de helio da sonda antes de que estoupe... Son preguntas que, aínda que non sexas moi apaixonado da ciencia, che veñen á cabeza e espertan certa paixón", confesa.

O Marumasat naceu primeiro na cabeza de dous docentes do IES Maruxa Mallo: Raquel Rendo, profesora de Tecnoloxía, e Xosé Díaz, de Matemáticas, co propósito de profundar nas aplicacións das matemáticas e a súa relación coas demais ciencias. Pero axiña cobrou unha maior dimensión, porque facer realidade esta aventura educativa implicou cuestións tan diversas como a resolución de cálculos matemáticos, a xestión de permisos de voo coa Axencia Española de Seguridade Aérea, unha campaña de micromecenado para axudar a financiala ou a vertente ligada á celebración do 17 de maio.
O obxectivo da sonda que se lanzará esta primavera é conseguir que eclosione no seu interior un ovo de abella raíña. Na cápsula tamén viaxarán os versos galardoados no I Premio de Poesía Estratosférica


O éxito da primeira experiencia axudou á creación da NOSA, constituída o inverno pasado nun congreso científico escolar. Ao seu abeiro, en 2017 lanzouse o Marumasat II co obxectivo de recadar datos que permitisen analizar, entre outros aspectos, a capa de ozono sobre Galicia, e que no seu interior xermolasen legumes e medrase unha miñoca. O invertebrado foi reimplantado no seu hábitat tras a recuperación da sonda, que acabou caendo tres horas e media despois en Puxallos (Lalín), a uns 8,41 quilómetros do punto que indicaran os cálculos estimativos previos da comisión científica. Grazas a unhas mellores condicións meteorolóxicas cás da primeira misión, a cámara GoPro instalada nesta cápsula permitiu tamén gravar imaxes de maior calidade nas que se pode ver desde as alturas un bo anaco da península Ibérica, desde os Pireneos polo leste ata Algarve polo suroeste.

En febreiro de 2018, no segundo congreso da NOSA, celebrado en Vila de Cruces, os tres centros educativos profundaron na terceira misión estratosférica escolar galega, bautizada co lema Niño no faro. Desta volta o obxectivo é dar un paso máis e acadar que naza vida no seo do Marumasat III e logo traela de volta á Terra. A cápsula levará no seu interior o ovo dunha abella raíña que, se chega a nacer na estratosfera e a ser recuperada, será introducida nunha colmea. Pero tamén acubillará poemas de temática cósmica, conta Xosé Manuel Fernández Castro, outro docente do centro de Ordes implicado no proxecto desde a materia de Lingua e literatura galegas. A NOSA convoca este ano o I Premio de Poesía Estratosférica, con catro categorías: unha por cada un dos institutos organizadores e outra libre para calquera estudante da ESO ou bacharelato. Os versos gañadores serán lidos no lanzamento do Marusamat III e, se poden recuperarse, devolveranse ás autoras ou autores coa certificación do periplo estratosférico.