Ferrol: Curar a amnesia obreira

Diferentes iniciativas reivindican o pasado dos movementos populares da comarca ferrolá

Diferentes iniciativas reivindican o pasado dos movementos populares da comarca ferrolá
No marco dos procesos de recuperación de memoria histórica que se están a dar nas cidades galegas, en Ferrol diferentes propostas reclaman visibilidade para a histórica loita obreira. O roteiro Ferrol Rebelde ou as propostas de conmemoración da Revolta das Pedradas de 1918 poñen de relevo as políticas da memoria e do esquecemento selectivo que se aplicaron na cidade e en boa media no conxunto do país ao longo do pasado século.

Marcos Abalde foi guía e un dos creadores de Ferrol Rebelde. Un paseo por cen anos de historia obreira. Este roteiro temático leva desde o final de 2015 a pór de relevo un pasado moi pouco coñecido na Cidade Departamental a percorrer diferentes fitos do seu rueiro. Segundo explica Abalde, "non é unha visita turística, está orientada á propia poboación de Ferrol, que en moitos casos ignora a importancia que tivo o movemento obreiro aquí e fica impresionada ao descubrir o significado que teñen lugares comúns". O proxecto naceu desde o interese da cooperativa Rexenerando por "honrar as loitas e divulgar as perspectivas silenciadas da historia local" e conseguiu un rápido apoio do Concello a través da Concellaría de Participación e Normalización Lingüística, o que facilitou as múltiplas edicións que desde o seu comezo se foron realizando da iniciativa.

Perspectiva temática e cronolóxica
A diferenza doutras propostas de recuperación da memoria que se están a desenvolver no noso país, centradas en períodos concretos e máis recentes da nosa historia, esta iniciativa céntrase nun tema e organízase de xeito cronolóxico desde finais do século XIX. Así, o roteiro abrangue a formación da clase obreira na cidade desde a publicación do primeiro xornal proletario de Galicia, El trabajo, en 1871 ata o asasinato de Moncho Reboiras en 1975. Para alén do interese local desta iniciativa, as etapas dan a coñecer feitos que ecoaron por todo o país. "A historia da loita obreira de Ferrol é a punta de lanza do movemento obreiro en Galicia", lembra Abalde. "Aquí, o estaleiro provocou unha gran concentración de traballadores e a súa organización acadou unha extraordinaria madurez que converteu Ferrol na capital galega da rebeldía". Máis de mil persoas participaron xa no roteiro, que amplía o seu alcance coa guía didáctica que desenvolveron desde Rexenerando para que o profesorado poida traballar arredor deste eixo nas aulas. Para alén do coñecemento que se adquire, é habitual que as sesións esperten tamén emocións entre os participantes. "En todas as ocasións hai alguén que se conmove. Ao falar da represión franquista sempre algunha persoa comparte a historia dun familiar seu que a padeceu. E o mesmo na etapa dedicada aos sucesos do 72, sempre hai xente que fala da súa experiencia e da de amigos ou familiares que estaban alí, isto achega tamén novas vivencias que enriquecen moito o roteiro".

Movemento e represión
De xeito inevitable, a represión franquista desde os primeiros momentos do golpe de Estado e ata o final do réxime acaba por marcar as diferentes etapas desta experiencia da memoria. No entanto, o roteiro reivindica tamén o pouco coñecido relato da organización operaria previa a este período e tamén o seu intrínseco pluralismo de organizacións e proxectos. Deste xeito faise un repaso por folgas, fundación de sindicatos, xornais ou partidos e mesmo fitos históricos como o encontro internacional clandestino que se celebrou na cidade para rematar, desde distintas organizacións obreiras, coa Primeira Guerra Mundial. Deste xeito, a iniciativa salienta a importancia do Centro Obreiro socialista, fundado en 1890. "Moita xente non sabía que antes de 1936 estivera en activo durante corenta anos seguidos, coa presenza de figuras destacadas como o propio Pablo Iglesias. Foi o epicentro do movemento obreiro na comarca". Ademais deste espazo, un grupo de traballadores fundou en 1911 o Centro Obreiro de Cultura "cuxo principal obxectivo era formar unha biblioteca. Chegou a ter máis de 10.000 volumes, cando non había ningunha biblioteca pública na cidade. Foi do primeiro que se expropiou no 36 e alí se creou de xeito inmediato a radio da Falanxe", explica. Ademais, no marco da preparación do roteiro, "algo que subliñaría foi a descuberta do lugar exacto onde se queimaron os libros deste centro. Sabíase que se queimaran despois da sublevación fascista mais ao pescudar atopei as localizacións das fogueiras que se fixeron en agosto na praza de Armas e na praza de Amboaxe".

Memorias privadas e historia pública
A ausencia destes e doutros feitos na percepción social da cidade amosa, para Abalde, os efectos das política da memoria e da creación de relatos oficiais. "Existe a idea de que Ferrol foi un lugar franquista, polo feito de ser Franco de aquí e pola importante presenza militar. Pero ata 1936 Ferrol era unha cidade profundamente republicana, onde o PSOE alcanzara a hexemonía, nun momento no que este partido falaba de derrocar o capitalismo", advirte. A ocultación desta parte da historia local provocou que "a xente non coñeza o alcance do exterminio que se realizou na comarca, con fusilamentos e torturas que afectaron de xeito sistemático a centos de persoas". Nunha actividade como o roteiro, "moitos participantes conectan o que para eles son memorias familiares ou de amizades coa historia do movemento obreiro". E é que, malia ausencia de moitos destes episodios no relato oficial de Galicia, "todo o mundo ten historias vencelladas con isto". Porén ese vencello está a desaparecer co tempo. "O alumnado do centro de ensino que está onda a estatua de Amador Rey e Daniel Niebla non sabían a que estaba dedicada, pensaban que era algo dos nazis ou dunha guerra. E isto malia a que cada 10 de marzo se conmemora o Día da Clase Obreira Galega alí mesmo", explica Abalde.

A emoción e o silencio
Precisamente a etapa que esperta unha maior emoción no público é a que fala dos sucesos do 10 de marzo do 72 onde foron asasinados dous obreiros e ducias de persoas foron feridas, e sufriron diversas represalias. Para alén de narrar os feitos que deron nesas mortes, no roteiro lese o parte de feridos de bala, listando con nomes e apelidos as vítimas das forzas de seguridade. "Aí vese claramente como a xente non é consciente ata que punto se conculcaron os dereitos humanos durante a ditadura franquista e o normalizada que aínda está a impunidade. Por feitos similares a estes o goberno de Gasteiz presentou unha querela pola matanza do 3 de marzo de 1976. Que a policía ametralle a poboación civil é un crime contra a humanidade, por tanto é un delito que non prescribe e ten xurisdición universal".

A revolta de 1918 e a política da amnesia
Non é este o único proxecto da comarca arredor da memoria. Diferentes persoas e entidades integradas na Comisión Revolta Popular están a desenvolver numerosos actos para difundir a historia da Revolta das Pedradas de 1918. Neste movemento popular naceu a esixir prezos xustos para os alimentos nun momento no que a Primeira Guerra Mundial facilitaba a especulación con estes bens. A entidade quere conmemorar o centenario deste conflito que acabou coa morte de nove persoas e unha importante represión na comarca de Ferrolterra. Esta entidade prevé inaugurar unha placa e dous murais conmemorativos en diferentes lugares vencellados a esta revolta, accións que se suman a un roteiro e diferentes conferencias e actividades divulgativas arredor destes feitos. Segundo Abalde, a percepción deste movemento, descoñecido pola maior parte da poboación e do que apenas se falaba, "amosa tamén as políticas da memoria dos diferentes momentos históricos. Quince anos despois daqueles feitos, o movemento obreiro ferrolán honra as vítimas daquel masacre e erixe un monumento en 1933 na Feira do Trece na parroquia de Sedes, Narón. Xa daquela eran conscientes da importancia de reivindicar aquela loita protagonizada por labregas e proletarias. Cando se produciu o golpe de Estado o primeiro que fixeron foi matar o mestre de Sedes, Eugenio Meizoso Nuñez, que era socialista, e desmontar o monumento para vender a pedra labrada. Iso tamén amosa como desde o fascismo eran conscientes da necesidade de borrar esa lembranza e impor a amnesia sobre o proceso de emancipación do pobo traballador".

Un século de memoria
Tamén coa participación de Abalde, o pasado ano o Concello botaba a andar a iniciativa Memoria dun século. Este proxecto quere reivindicar a memoria colectiva dos barrios obreiros de Esteiro e Caranza coa colaboración do asociacionismo veciñal. Diferentes sesións traballaron as lembranzas sobre cuestións como lingua, oficios, antepasados, crenzas, traballos, personaxes locais, reivindicacións ou emigración. "Cómpre lembrar que o Esteiro histórico era o barrio obreiro máis antigo de Galicia, e que se conta entre os máis antigos de toda Europa", lembraba Abalde na presentación dun proxecto que o concelleiro de participación cidadá, Álvaro Montes considera que "tamén traballa na propia autoestima da cidade". Após dous anos en marcha, agárdase que os roteiros volten á axenda ferrolá tamén este ano, e desde Rexenerando están a traballar en novos proxectos no mesmo ámbito de divulgación da memoria democrática. Aínda fica moito por lembrar.
Guía do roteiro Ferrol Rebelde.