A Coruña reescribe a súa historia: Proxectos

Pantasmas de Oza ou A Coruña rebelde traballan a memoria recente da Cidade Herculina

| Santiago. Xermán Hermida | Seccións: Historia
Compartir:
A Coruña: Xardíns de Méndez Núñez, mulleres empedrando a calzada

A Coruña: Xardíns de Méndez Núñez, mulleres empedrando a calzada

De xeito paralelo á Caixa da Memoria, diferentes proxectos están a traballar a memoria da Coruña. Intervencións artísticas, iniciativas de recuperación de memoria dos barrios, documentais ou traballos de visibilización de arquivos contribúen a crear un novo xeito de contemplar a cidade e os seus habitantes.

Xeografía memoria e capital cívico Tamén desde o Concello e en colaboración coa Fundación Luís Seoane, promoveuse ao longo deste outono o programa Xeografía, memoria e capital cívico. Residencias artísticas, obradoiros ou conferencias integráronse nesta iniciativa que procuraba repensar a cidade e xerar un mapa alternativo da mesma. Unha guía crítica dos monumentos locais da man de Elo Vega e unha revisión do turismo, a economía e a historia da emigración a cargo de Joan Morera foron os primeiros resultados desde encontro. O programa prevé continuar ao longo de 2018 a continuar a súa actividade cun novo bloque de traballo. A Coruña Rebelde Pola súa banda no marco da Coruña Dixital, proxecto para potenciar as novas practicas culturais e creativas vencelladas ás redes, desenvolvéronse doutras dúas iniciativas que traballan en coordenadas parellas. O pasado mes de decembro publicábase na rede o resultado de A Coruña Rebelde. Con este título desenvolvérase en outubro un laboratorio transmedia que pretendía amosar aos participantes como recuperar e catalogar material presente na rede para facer un repositorio aberto e comunitario ademais de traballar a dixitalización de contidos multimedia. A partir da idea que dá título á actividade os participantes revisaron arquivos dixitais e xeraron unha colección que recolle "unha trintena de pezas audiovisuais, gráficas e fotografías, algunhas con varios séculos de antigüidade, outras parte da memoria recente dos movementos sociais na cidade", segundo explica o propio proxecto. Entre estas, contidos como un documental sobre o primeiro festival rock da Coruña, a curtametraxe Apatruyando la ciudad realizado na Escola de Imaxe e Son, imaxes de manifestacións desde os anos 20 ata a actualidade, a fotografía do casamento das coñecidas Marcela e Elisa en 1901, retratos de obreiros ou imaxes estereoscópicas que ilustran a evolución da cidade son algúns dos contidos que se compilaron. Con parte deste material elaboráronse propostas como a integración de capas de información nas imaxes ou a xeolocalización dos contidos nun xogo no estilo de Pokémon Go que convida a percorrer a cidade e gamifica a experiencia do usuario con estes contidos. Pantasmas de Oza Pantasmas de Oza naceu á súa vez no seo de Coruña Dixital como un Popathon, un obradoiro sobre novas narrativas. O proxecto evoluíu a posteriori da man da asociación de veciños de barrio en toda unha panoplia de actividades e propostas sobre a memoria deste espazo. Segundo explica a propia presentación do proxecto "a parroquia de Santa María de Oza -orixe do barrio dos Castros e Gaiteira- era un espazo eminentemente agrario e pesqueiro ata a súa integración no municipio da Coruña. Esta distancia dos centros de decisión política e comercial afastouno tamén dos focos do rexistro histórico polo que dende a Asociación Veciñal queremos colaborar coa creación dese relato histórico". Deste xeito, "mediante fotos antigas localizamos e documentamos o patrimonio desaparecido do barrio creando un mapa das cicatrices que a expansión industrial e urbanística da cidade deixaron na Gaiteira e Os Castros trala fusión dos municipios de Oza e A Coruña en 1912. Así, colaboramos no arquivo e difusión da memoria facilitando que as leccións do pasado inspiren as decisións do noso presente". Mapas interactivos, roteiros, recuperación de fotografías e de testemuños, festas da memoria e outras propostas están a actuar como dinamizadores dun espazo que reclama a súa identidade como parte da cidade. Encontros e documentais A seguir nesta mesma liña, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda e mais a Asociación Socio-Pedagóxica Galega organizaron o ciclo Historias da Coruña. A memoria da cidade, que entre o 27 de xaneiro e o 8 de febreiro repasarán cuestións como o papel das mulleres nas Irmandades da Fala, o traballo de María Barbeito, a evolución urbana ou a historia do movemento obreiro local. Un dos participantes neste encontro José María Cardesín Díaz, sociólogo, profesor da UDC e investigador do Grupo Estudos Territoriais, ofertou xa no pasado mes de novembro unha conferencia sobre a historia urbana da cidade no marco das actividades en homenaxe a Luísa Villalta Dentro das propostas recentes que abordan a memoria da cidade, cómpre lembrar tamén un documental como Esquece Monelos, no que Ángeles Huerta aborda as transformacións urbanas a seguir o curso dun río agora cuberto que emprega como metáfora do esquecemento.

ESQUECE MONELOS - TRAILER from DangaDanga on Vimeo.

Nunha liña similar, en 2013 o proxecto Música en Branco abordaba a identidade do barrio do Orzán a través dos seus sons. Toda unha colección de propostas que nos amosan outro xeito de ollar A Coruña.
Que che parece esta nova?
74 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

As cidades fan memoria

Ver serie completa
Os eixes da memoria

Os eixes da memoria

O foco nas persoas, o interese pola autoorganización ou o contexto local marcan os proxectos recentes sobre memoria colectiva

Vigo Rebelde: Memorias íntimas de Teis

Vigo Rebelde: Memorias íntimas de Teis

Unha investigación participada repasa como anos de conflitos sociais marcaron a identidade deste barrio

Documentar as voces caladas (II)

Documentar as voces caladas (II)

Memorias persoais e testemuños silenciados caracterizan os documentais galegos que poñen o foco nos conflitos

Documentar as voces caladas (I)

Documentar as voces caladas (I)

Protestas, identidades locais e transformacións urbanas ocupan o foco do máis recente cinema documental

Ferrol: Curar a amnesia obreira

Ferrol: Curar a amnesia obreira

Diferentes iniciativas reivindican o pasado dos movementos populares da comarca ferrolá

A Coruña reescribe a súa historia

A Coruña reescribe a súa historia

Diferentes proxectos exploran a memoria colectiva sobre a evolución da cidade

Do mesmo ámbito