A necesidade de explicar as cidades, a procura de referentes na autoorganización social, o interese polas experiencias persoais, as posibilidades das novas tecnoloxías ou mesmo o emprego do pasado como elemento de dinamización local. Os múltiples proxectos que exploran a memoria colectiva das urbes galegas presentan eixes comúns que repasamos na reportaxe que fecha a nosa serie sobre estas iniciativas.
Coruña Rebelde, Vigo Rebelde, Ferrol Rebelde. A Caixa da Memoria, Pantasmas de Oza, Xeografía memoria e capital cívico, Esquece Monelos, Fóra ou Paraíso Roubado. Ao longo dos últimos anos, e en particular en 2017, están a se suceder propostas que desde diferentes enfoques exploran memorias sobre conflitos e movementos sociais en varias cidades do país. Á hora de analizar o porqué deste anovado interese polo pasado urbano, o historiador Emilio Grandío, responsable do proxecto A caixa da memoria na Coruña, sinala que "a identidade galega está cimentada nun forte compoñente ruralista. Pero xa a comezos do século XX e de novo logo do corte da Guerra, a partir dos anos 50 e 60, dáse unha progresiva urbanización da sociedade, un proceso que se dá tamén a nivel mundial. E chegamos ao século XXI, xa avanzado, e o mundo é das cidades. Entón cómpre esta adaptación". Nese sentido, "as cidades galegas conforman unidades sociais que precisan ser explicadas, que demandan unha explicación alén das pedras no sentido estático, porque están vivas".
As transformacións urbanas
Precisamente un dos nexos que relacionan moitas destas propostas é o interese por reflexionar sobre as mudanzas no espazo das cidades do noso país e o impacto destas transformacións sobre a poboación local. Procesos de urbanización como a instalación da fábrica de Celulosas en Pontevedra, o soterramento do Río Monelos ou a instalación da empacadora de Teis modificaron relacións e os xeitos de vida das comunidades preexistentes nestes lugares. Así, como pano de fondo para moitos destes proxectos aparece a substitución de formas de vida preurbanas por outras plenamente urbanas. A extracción de marisco no Banco dos Praceres, o lavado de roupa ou os muíños do Monelos, por exemplo, foron substituídos por fábricas, colectores ou centros comerciais a modificar as relacións comunitarias destes territorios. Segundo lembraba Ángeles Huerta a falar do seu documental Esquece Monelos "ao coller o río como protagonista apareceu a cidade como unha serie de conflitos sociais continuos, que reaparecen periodicamente". De xeito explícito, Pantasmas de Oza pretende realizar "un mapa das cicatrices que a expansión industrial e urbanística da cidade deixaron na Gaiteira e Os Castros trala fusión dos municipios de Oza e A Coruña en 1912". Así, a exploración da memoria achega tamén unha perspectiva dinámica da cidade na que a transformación do espazo evidencia e discute as relacións de poder.
A memoria da autoorganización
Canda a este, e moi relacionado con el, o interese por recuperar memorias sobre o conflito e a acción colectiva a prol de dereitos e de mellores condicións de vida aparece como outro dos grandes focos de interese destas producións. Segundo explica o Emilio Grandío, "téntase recuperar a potencialidade dos espazos autoorganizados, ver esa capacidade para levar adiante proxectos de futuro que hoxe se poden considerar utopías pero que no seu momento non o eran. Dáse ademais unha crítica á incapacidade de autoconciencia a base de traballar sobre cuestións obreiras e de organizacións de base". Revoltas de comezos do século XX como as que retrata Ferrol Rebelde, o libro Rebeldía galega contra a inxustiza ou as actividades de homenaxe ás Revoltas do Pan de 1918 en Ferrolterra combínanse cos proxectos arredor de revoltas obreiras máis recentes, como as folgas de Vigo e Ferrol de 1972, a reconversión de Ascón e Vulcano, e diferentes formas de organización e resistencia popular.
O factor persoal
A incidir no interese anovado por memorias ocultadas, pódense incluír nesta tendencia tamén a emerxencia de mapas emocionais, como o do compostelán Barrio de San Pedro, que procuran a conexión entre espazos públicos e memorias persoais. Canda a estes, proxectos como Vigo Rebelde ou Esquece Monelos atenden de xeito particular o influxo que os conflitos teñen nas vidas dos individuos. En paralelo, o recurso xeral aos testemuños dos protagonistas na práctica totalidade dos proxectos contemplados amosa tamén o interese pola dimensión humana dos acontementos históricos. Nese sentido, Emilio Grandío apunta que "a memoria é algo que resulta moito máis atractivo que unha tese doutoral, resulta moito máis dixerible e comunicativamente non hai nada mellor que o boca a boca". Mesmo no ámbito universitario "dun tempo a esta parte os alumnos de Historia queren traballar sobre cuestións máis sociais e menos oficiais, independentemente da cuestión da memoria. Hai máis interese por ver como pensaba a xente, e isto sen relación necesaria con momentos de cambio. Prodúcese unha recuperación da inquedanza por saber que pensaba a xente de dereitas ou o que era o franquismo para alén da versión oficial. Entón dáse unha maior busca do individuo e tamén, como se pode ver en moitos proxectos de memoria, da capacidade de autoorganización social". Isto determina en boa medida a cronoloxía pola que apostan a grande maioría das produción sinaladas. "O foco está posto en grande medida na Transición porque as testemuñas están vivas", sinala Grandío.
A identidade do local
Un factor que evidencian maioritariamente estes proxectos é o xeito no que os procesos de loita deron lugar tamén a identidades colectivas. O barrio ou a parroquia, Lourizán, Teis, Monelos, Orzán ou San Pedro reivindícanse en diferentes propostas como obxectos de investigación e suxeitos históricos. A este respecto, Grandío sinala que nesta tendencia pode albiscarse "unha vontade moi manifesta de recuperar o espazo social. Non tanto o oficial senón o da experiencia. Se algo teñen en común todos estes proxectos é que van desde o ámbito da memoria a recuperar a percepción da xente desde unha perspectiva moi social. Penso que hai un maior interese por esta cuestión, e paréceme tamén que aparecen moito cuestións de xénero".
A conexión coa actualidade
A atención que estes proxectos prestan a revoltas e conflitos reflicte en boa medida os tempos nos que vivimos. Así o ven moitas das persoas que responsables destas iniciativas. Para Lukas Santiago, director de Paraíso roubado "hai un interese por contar estes conflitos e rescatar estas historias. Estamos nun momento no que non sabemos moi ben onde imos e resulta máis importante ca nunca reivindicar os dereitos sociais. Estes traballos van nesa liña, trátase de facer consciencia e amosar que hai loitas, coma a de Ence, que veñen de moi atrás, e que os dereitos hai que loitar para os conseguir". Marcos Abalde, desde Ferrol Rebelde ten claro que "na actualidade existe un interese por recuperar referentes do pasado. Alguén me dicía recentemente que estamos a vivir o que semella unha reedición daquel Ano da Memoria que se celebrou en 2006", e que marcou unha inflexión na memoria sobre a represión franquista e na Guerra Civil. "Hai moitas iniciativas a reflexionar sobre diferentes conflitos. Amplíase o foco da historia da guerra e da represión a outros momentos. Despois de décadas de cinismo, precisamos un novo relato que alimente a esperanza", conclúe. Tamén Roi Cagiao, director do documental Vigo 1972 considera que "o Ano da Memoria foi un fito e deuse un bum, necesario do interese por estas cuestións. Logo de de 2008, cun certo crack deste Réxime do 78, co 15M e propostas similares, resulta lóxico que na medida en que hai un descontento xeneralizado apareza unha preocupación por todo este pasado de loitas sociais, quizais estes proxectos entronquen por aí. Tamén pode haber un elemento xeracional, porque estamos ata certo punto a retratar as loitas dos nosos pais", explica o director.
Ferramentas para o presente
Encol do atractivo de rescatar a memoria de conflitos máis ou menos recentes, Rodrigo Cota, director de Fóra, observa que estas producións son nalgúns casos parte de loitas aínda activas como a que el mesmo retrata no seu documental sobre Ence. "Posiblemente non responda en todos os lugares ao mesmo motivo, aínda que pode haber unha sensación común de ver que están a rir de ti. A xente está farta de cousas como a que estamos a vivir aquí con Ence, e é normal que se xeren movementos sociais e culturais en contra. Son necesarios, e cantos máis, mellor", asevera. Pola súa banda, Adela Vázquez, mediadora de Vigo Rebelde apunta o potencial do traballo sobre a memoria con formatos participativos para promover a mobilización social. "Están a se ver propostas neste sentido, non sei se se pode chamar moda ou se pór o punto no 15M, que agora semella que foi a orixe de todo. Dalgún xeito nos últimos tempos permeou a idea de que a cuestión da memoria e do patrimonio non ten que ser unha cuestión estática. Semella que hai un interese por rachar esa visión e comezan a se apoiar proxectos nos que se inclúe a cidadanía, mesmo desde determinadas políticas públicas. Isto é algo que sempre pasou a nivel de comunidade e agora está a ser retomar, a empregar formatos e ferramentas para incluír a sociedade e conseguir participación". Tamén Ángeles Huerta apunta a utilidade para o presente do traballo coa memoria colectiva. "Para alén do catártico que poida ser, cómpren estes procesos de abrir portas e ventás para que corra o aire, que tamén é algo que os especialistas recomendan para as enfermidades dexenerativas. Por iso considero importante que a recuperación da memoria nos faga tamén estar atentos a procesos que se están a dar agora mesmo e que temos que vixiar para non ficar excluídos".
Apoios locais e demandas sociais
Para alén do proceso xeral, Grandío sinala a existencia de condicionantes locais nalgúns casos. É o caso de Ferrol e, especialmente, da Coruña, onde se desenvolven diferentes propostas nesta liña co apoio dos gobernos municipais. En Vigo, pola súa banda, foi o MARCO o que abriu a posibilidade de integrar Vigo Rebelde na súa programación do pasado ano. "É certo que algúns proxectos políticos que levan adiante espazos urbanos galegos acomódanse máis a esta tentativa de procurar futuro e adáptanse máis" a esta tendencia. No entanto, para alén do peso que poidan ter as institucións, considera un anceio colectivo o interese polo pasado das cidades. "Esta inquedanza penso que obedece en xeral a unha demanda social de identidade, de recoñecemento e de pasado. O concepto de identidade é moi vacuo pero a conciencia social comeza por saber onde se está e saber recoñecerse no mundo. E isto implica ter determinada actitude ante o mesmo, unha opinión fundada. E esa opinión depende moito de onde pensas que estás. Non é que se cree artificialmente isto, senón que hai unha demanda de boa parte da sociedade, que está agochada como acontece con todo o que estamos a facer na Caixa da Memoria".
O peso tecnolóxico
O potencial que as tecnoloxías da información e da comunicación achegan para o rexistro de memorias e a súa difusión teñen tamén peso na eclosión de proxectos encol destas cuestións. A facilidade á hora de elaborar e dar a coñecer contidos audiovisuais, de recuperar material de arquivos dixitalizados, de desenvolver mapas en liña ou de crear formatos interactivos contribúen ao desenvolvemento de iniciativas como as recollidas. A ese respecto, Grandío sinala que hoxe "sería impensable organizar unha iniciativa de memoria sen a participación das novas tecnoloxías. Proxectos punteiros como Historga (Historia Oral de Galicia), que comezou no ano 88 e ten centos de entrevistas, implicaba no seu inicio un traballo inxente. Hoxe é todo moito máis sinxelo". No entanto advirte tamén de problemas nestes procesos. "Existe moita información pero pouco tempo e capacidade de reflexión para asimilar todo isto. O enfoque a medio prazo ten que ser a necesidade de parar isto. Non se tratar de recoller sen máis, senón facelo con determinada idea, que ten que estar moi marcada desde o comezo. Ademais, a ausencia dun soporte físico, o ter a imaxe dunha fotografía ou dun papel, pode facer que esta información desapareza. Hai dificultades na operatividade con este material. Penso que sen filtros non é útil, e estes filtros teñen que se marcar desde unha perspectiva de supervivencia da propia cultura e do pasado en si. Hai unha ausencia de enfoque, tanto a nivel Español como xeral".
As metodoloxías
Outra cuestión que se presenta á hora de abordar este tipo de proxectos é o enfoque metodolóxico con que se traballar a memoria. Adela Vázquez asegura que "para min o traballo de recoller e de valorar a memoria non ten sentido se non se fai de xeito común e participativo". Conversas, recollidas, paseos ou a construción colectiva de relatos "son maneiras de vivir que sempre estiveron aí, en espazos menos visibilizados. Somos nós os que as transformamos en ferramenta desde a perspectiva técnica e académica, e é certo que agora están a se retomar desde os discursos máis visibles". Desde a súa experiencia asegura sufrir "certo conflito co emprego destas ferramentas como metodoloxías de traballo porque ata certo punto foron apropiadas polo eido académico cando están vencelladas ás comunidades desde sempre. En Latinoamérica, onde traballo desde hai varios anos, isto agroma dun xeito moi natural. Fálase moito das técnicas de cartografía social, do andar preguntando dos zapatistas, de debuxar, son maneiras de facer case cotiás".
O conflito da memoria
Malia á multiplicación de iniciativas, o da memoria continúa a ser un espazo conflitivo. "Vivimos nun país no que o a cuestión da memoria incomoda, semella que é un catalizador de conflitos políticos. E costa moito traballar calquera iniciativa deste tipo, é algo que me dá rabia pero tes que agochar que nisto hai política. Confundimos político con partidista, e para min política é todo, non podemos fuxir diso, pero hai un medo tremendo ao político. E logo continúa a haber moito medo a falar e a molestar. A falar do Monelos xa atopamos moitas resistencias e iso que abrimos o foco e non tematizamos nin no Franquismo nin na Guerra Civil, non quero pensar o que poden atopar iniciativas que traballan con estes períodos", explica Ángeles Huerta.
Máis memorias
O interese por rescatar memorias de conflitos semella que, alén dos proxectos que temos tratado, continúa activo está a dar en novos traballos. Este mesmo mes de marzo no marco do proxecto Memoria das Mulleres que promove o Concello de Pontevedra unha mesa redonda amosou a crucial papel feminino en conflitos dos anos 50 e 60 como os das Dragas de Pontesampaio, a Hermandad Sindical de Labradores e Ganaderos ou ENCE. Canda a estes, investigáronse outros casos nos que foron as mulleres os que levaron o peso das mobilizacións, como o movemento contra a construción da Autoestrada do Atlántico en Salcedoou a defensa o monte comunal na zona. O vídeo Pontevedresas en pé de loita fai un resumo destes conflitos.
Ademais, logo da súa experiencia co documental sobre a folga de Vigo, Roi Cagiao aunciou no final dese mesmo mes a posta en marcha dun proxecto similar sobre a folga de 1972 en Ferrol, un novo filme que comezará a se rodar este mesmo ano. Desde unha perspectiva máis histórica, o semanario Sermos Galiza publicou e está a presentar por todo o país o libro Rebeldía galega contra a inxustiza: Salcedo, Oseira, Nebra, Trasancos, Sofán e Sobredo. Esta obra colectiva compila unha serie de revoltas sobre os conflitos que se desenvolveron nestes lugares entre o final do século XIX e o comezo do XX. Un dos conflitos tratados, o de Trasancos, foi tamén obxecto de homenaxes recentes ao se celebrar este ano o seu centenario, e diferentes actos lembran esta primavera a revolta estudantil de marzo de 1968 en Compostela. E mentres, moitas das iniciativas que abordamos prometen continuar a súa actividade. A memoria das cidades está de volta.